El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

Falla de concisión

PARA OS estudantes de Filoloxía do noroeste, léase Compostela, Oviedo e León, a figura de Noam Chomsky case que leva cornos e rabo. E non, non é por razóns políticas; senón por asuntos lingüísticos. O funcionalismo, que ten a súa raíz no estruturalismo francés dos anos 60, non pode ver diante ao grande pope do Xenerativismo, aínda que este leve xa máis de medio século sen publicar nada sobre a disciplina que o fixo famoso –dende o famoso Programa minimalista de 1995–. Claro que cornos e rabo sempre pode ser unha expresión relativa. Os lingüistas respectan –respectamos– a Chomsky, algo que non ocorre dende logo cos seus inimigos políticos. Pero aí segue, con máis de noventa anos, ese fillo de emigrantes xudeus rusos en Philadelphia a actuar coma un coio no zapato das grandes corporacións, o capitalismo salvaxe e certo xeito de ver os Estados Unidos.

En moitas ocasións, sobre todo cando fala de xeopolítica, tense acusado ao intelectual de destruír sen propoñer. Estas visións pasan por riba que Chomsky quizais sexa arestora o anarquista máis famoso do mundo enteiro, algo que queda demostrado en Sobre el anarquismo, libro de ton panfletario e composición miscelánea que vén de editar en español Capitán Swing. Dos cinco textos que integran a obra, dous son entrevistas; un xénero no que o intelecto chomskiano é escintilante. Son os máis sinxelos de ler e tamén os máis reveladores, nomeadamente porque neles o autor/entrevistado resolve a grande dúbida que presenta o anarquismo nos nosos días: a carencia de posibilismo. O anarquista, por definición, non pode asumir compromisos no seu obxectivo de desenvolver a máxima liberdade dos seres humanos. Ocorre que esta proposta é impracticábel arestora, polo cal o anarquista debe elixir entre unha ideoloxía impracticábel ou un mínimo grado de compromiso.

O mesmo Chomsky denuncia que nos medios estadounidenses non se lle deixa explicar estes asuntos pola súa "falla de concisión". O seu discurso non é sinxelo nin banal. Ten moitos matices, como non pode ser doutro xeito naquel que cuestiona a raíz de calquera poder, mesmo o máis "natural", coma o exercido por un pai sobre un cativo que está a piques de cruzar unha estrada sen coller a súa man. Malia isto, é fácil adiviñar que o veto a Chomsky vai moito máis alá das súas verbas torrenciais. O que di incomoda moitísimo porque pon aos Estados Unidos fronte ao seu espello dende a Segunda Guerra Mundial. Mal lles iría aos locutores da ultradereita se tivesen que enfrontarse coa realidade de que Ayn Rand ou Donald Trump non representan a liberdade (libertarios, chámanse a si mesmos), senón á reacción e uns valores contrarios ao que representa esa noción no resto do mundo.

Mágoa que en Sobre el anarquismo non se nos ofreza unha visión historiograficamente actualizada

Non é Estados Unidos o único país que sae no espello de Chomsky. En moitas ocasións ten lembrado que a orixe das súas ideas se atopa nas ideas dos anarquistas da CNT levadas á práctica nos convulsos tempos da Guerra Civil. Mágoa que en Sobre el anarquismo non se nos ofreza unha visión historiograficamente actualizada, senón unha durísima crítica á historia liberal representada por Gabriel Jackson e unha certa afiliación ás teses de Bolloten –que teñen derivado en posicións case que negacionistas do golpe de Estado de Franco polo seu furibundo anticomunismo–.

Camiño dos 94 anos, o ancián pensador xa non pode aspirar á concisión e tampouco á innovación, mais si a exercer de compás político e moral nunha sociedade que está a sufrir algúns dos males que xa prognosticara el hai medio século e que agora actualiza, caso da perversión da linguaxe ou o concepto de escravo asalariado. O lector español pode usar esta escolma como limiar ao seu amplísimo corpo de escritos.

Falla de concisión
Comentarios