El tiempo
martes. 27.09.2022
El tiempo

Fe secular

A MORTALIDADE en España no mes de xullo multiplicou por cinco a cifra media da serie histórica, un dato arrepiante. Os científicos non se poñen de acordo na razón: os efectos da vaga de calor, unha onda de covid que pasou máis desapercibida para os máis novos, un fallo na contabilidade da estatística... ou todo xunto.

En calquera caso, a morte masiva converteuse nunha ameaza nas sociedades occidentais —un perigo descoñecido para boa parte dos seus habitantes, afeitos dende hai décadas ao estado de benestar—.

Foi precisamente na pandemia cando triunfou en Escandinavia e tamén no mundo anglosaxón un libro sobre como afrontar a vida —ou o que é o mesmo, como aturar a morte—. Débese ao filósofo sueco Martin Hägglund, titúlase Esta vida e chega á sempre subversiva Capitán Swing cunha afirmación contundente: "Por que a relixión e o capitalismo non nos fan libres".

O ensaio parte de dous feitos sinxelos de constatar nas sociedades occidentais. Un: vivimos nun sistema capitalista difícil de reformar. Dous: a pesares da decadencia do fenómeno relixioso, existe un intre no que as familias recorren ao cristianismo –tamén pon Hägglund exemplos co budismo, pero son minoría– de xeito moi maioritario: o do falecemento –o que constitúe unha incoherencia para o autor e, en verdade, para calquera practicante.

A manifestación desta incoherencia é o contraste entre a dor dos seres queridos e os principios da relixión cristiá. E Hägglund lánzase a unha densa —ás veces de máis—explicación que demostra que choramos aos nosos porque, en realidade, non cremos na vida eterna, nese feliz Edén que nos prometen as relixións. Padecemos porque desexamos a meirande cantidade de tempo para as persoas que queremos e para nós mesmos.

O factor fundamental para xulgar a nosa vida é o tempo: canto máis teñamos, máis poderemos manter esa fin e cumprir cos nosos proxectos

Que trazos ten esta fe secular? O primeiro, o compromiso cunha vida fráxil; o segundo, a incerteza necesaria, que ten que levar a confiar no futuro en base a unha fe optimista; a terceira, unha forza motivadora que vai en paralelo a un risco potencial de perda. Ser persoa non é un obxectivo a alcanzar senón un fin que manter e a vida que paga a pena está aquí e non en calquera outro lugar ultraterreno.

O factor fundamental para xulgar a nosa vida é o tempo: canto máis teñamos, máis poderemos manter esa fin e cumprir cos nosos proxectos. Despois de que desfilen diante dos nosos ollos personaxes tan diversos coma Abraham, Sören Kierkegaard e Karl Ove Knausgard —cun feixe de páxinas prescindíbel se un non está interesado no tema—, sen previo aviso o autor comeza unha dura crítica do sistema capitalista en base a este concepto de tempo.

A pesares de que, na nosa opinión, este xiro debería ter sido indicado como unha nova parte da obra, non se pode negar que é do máis interesante e contundente. Hägglund parte de Marx e a súa teoría do valor —tan mal interpretada en tantas ocasións, mesmo polos que se dicían marxistas— para demostrar que é posíbel unha sociedade máis libre por medio do socialismo democrático. De feito, escolle unha tese que en España popularizaron Lassalle ou Vallín: no espectro político actual, os que se din liberais están lonxe de selo.

A densidade do pensamento do propio autor e de Karl Marx queda aquí, a diferencia do que ocorre nas páxinas anteriores, minguada polo uso de parábolas e a explicación de sinxelos experimentos mentais. Así, calquera lector pode apreciar o grande valor do libro de Hägglund e reflexionar sobre a posíbel aplicación práctica das súas ideas, cabo solto dun libro que é fundamental.

Fe secular
Comentarios