Feito!
O mundo do ensaio ou crónica xornalística en lingua galega nunca tivo unha idade de ouro ou época especialmente vizosa, tampouco esta que estamos a vivir. Xa temos falado neste mesmo espazo do grande baleiro que existe na tradución de ensaio, por exemplo, un terreo practicamente ermo na Galiza. Non mellora o asunto na obra orixinal: de feito, o grande libro deste xénero sobre o país nos últimos tempos, Fariña de Nacho Carretero, foi en español inicialmente.
Temos nestas semanas nas librarías unha obra que, por relevancia e rigorosidade, podería acadar as alturas da de Carretero, aínda que o seu impacto a nivel estatal sexa menor porque os asuntos políticos non atraen tanto ao lector neutral como aquilo que ten que ver coas drogas e a novela negra. Trátase de Os Baltar, unha análise sobre as dinámicas da política da provincia e a cidade de Ourense dende o solpor do franquismo ata a actualidade. Asinan en Morgante os xornalistas Cristina Huete e Primitivo Carbajo.
O libro de Huete e Carbajo adopta unha perspectiva máis xornalística que de ensaio. Comeza en pleno franquismo, dende o ovo que dirían os clásicos, coa fundación da Caixa Rural de Ourense por parte de Eulogio Gómez Franqueira, un mestre en Castrelo de Miño. Segue dende aí unha traxectoria estritamente cronolóxica e de exposición dos feitos e aínda que estes non se xulgan de xeito positivo, tampouco se reflexiona de xeito fondo sobre as súas causas, o que limita o seu alcance. O mesmo ocorre con ese inicio abrupto, que presupón que o lector está familiarizado coa xeografía ou as institucións políticas e sociais de Ourense e que pode desanimar algúns valentes.
O protagonista indiscutible da obra é José Luis Baltar, a quen seguen os autores dende a súa amizade con Franqueira ata o seu abandono do cargo a mans do seu propio fillo —na actualidade, senador do Partido Popular—. Baltar formou parte da paisaxe mediática e sentimental dunhas cantas xeracións de galegos, pero pasados xa máis de dez anos do seu retiro, á velocidade na que transcorre a información na nosa sociedade, xa pode ser obxecto da crónica e a historia, mesmo en vida.
Non sae ben parado o expolítico ourensán, marcado pola súa espontaneidade e polo retrouso (Feito!) que dá título a esta crítica. Durante un par de centos de páxinas, escritas por certo con tanta axilidade como precisión na linguaxe, os autores presentan un ambiente de corrupción, redes clientelares e amiguismo que vai moito máis alá daquilo que ocasionou a inhabilitación de Baltar en 2014. Tampouco quedan moito mellor nin os xefes do seu partido nin a súa propia familia.
Mais alén dos personaxes e de cuestións estritamente políticas ou partidistas, a lectura de Os Baltar deixa unha sensación desacougante: a de que calquera sociedade en España ou na Galiza pode quedar parasitada por unha estrutura paralela e a de que nin os cidadáns nin os poderes públicos teñen, en moitas ocasións, capacidade para se desfacer. No caso de que así o desexen, por certo, porque a crónica de Carbajo e Huete insiste en moi diversas ocasións nun feito ben coñecido: as vitorias electorais dos Baltar amosaban unha sociedade tolerante con todo o relatado, posto que moitos cidadáns e cidadás estaban beneficiados polas irregularidades e favores. Noutras palabras, o traballo xornalístico e de pescuda de Huete e Carbajo pon a cidadáns e políticos diante dun espello no que non saímos como nos gustaría e deixa no aire moitas preguntas sobre a socioloxía galega que, aínda hoxe, estamos lonxe de responder.
