sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Un herem no século XXI

OS GOYIM, nome que recibimos vostedes e máis eu por parte dos fieis do xudaísmo por non practicar esa fe relixiosa, estamos familiarizados co herem, un edicto que exclúe por completo da comunidade a quen o recibe, até o punto de que ningún xudeu debe ter sequera contacto indirecto co sinalado, porque así condenaron en Amsterdam no século XVII ao filósofo Baruch Spinoza.

Coma noutras relixións este tipo de castigos fíxose máis feble co paso dos séculos e o contacto cos valores secularizados. Pero en todos os credos existen seitas máis radicais que os conservan dun ou doutro xeito e no xudaísmo están os xasidís, máis coñecidos para o público occidental polo aspecto físico dos varóns: longas barbas, trenciñas aos dous lados da cabeza e indumentaria negra. 

Un retrato cru do xasidismo e a vida dos membros da comunidade ofréceo o ensaísta estadounidense Shulem Deen en Los que se van no regresan, publicado en España por Capitán Swing uns anos despois da súa edición inicial, quizais no ronsel do relativo éxito da serie Unorthodox, cun tema similar. 

Para vostedes ou para min abandonar a nosa fe relixiosa non supón un grande problema: eu lembro cando o fixen e mantiven a miña familia, o meu traballo, os meus amigos e os meus costumes. Isto non ocorre naquelas sociedades nas que a actividade económica e todas as dimensións da vida social xiran arredor do fenómeno relixioso. Nelas deixar de crer non é unha simple decisión ideolóxica senón que implica unha ruptura traumática.

Isto é particularmente certo no contexto no que escribe Deen: o dunha comunidade xasídica transplantada de Polonia aos Estados Unidos, un país na que esta particular organización social conta coas vantaxes da enormidade do territorio e a sensibilidade relixiosidade -convén non esquecer que a nación americana fundouse sobre uns alicerces moi semellantes, os dos puritanos ingleses-.

Por iso a historia de Shulem Deen non é precisamente feliz. Despois dun limiar duro, no que vemos ao autor comparecer perante un tribunal que lle dá a elixir entre abandonar de inmediato a comunidade ou sufrir a maldición do herem, atopamos unha longa volta atrás no tempo que explica como se chegou a ese episodio. Deen, un xudeu ortodoxo que casa cunha muller despois de vela sete minutos só, fala yiddish e non coñece nin sequera o elemental para se manexar pola vida cotiá do século XXI nos Estados Unidos, descobre paso a paso a existencia dos libros, a televisión, os ordenadores, a Internet, os teléfonos móbiles e a comida non permitida pola Torá e o Talmud. E peor aínda, decátase de que todo iso pode axudalo a mellorar a súa precaria situación económica.

Cada avance do narrador vai seguido dunha disputa matrimonial, xa que a súa dona permanece fiel aos preceptos e, despois da comparecencia perante o tribunal, a tensión, coma se se tratase dunha novela, chega ao seu cumio. E dende ese clímax descende ata a grande tristura que representa ter que escoller entre fe e familia: para acadar a liberdade persoal, Deen perde os seus seres máis queridos, atados á roda do fanatismo dunha comunidade retratada dun xeito cruel.

A pesares desta infeliz conclusión, que podería ter provocado a súa xenreira, Deen en ningún intre usa un ton duro ou panfletario contra as súas antigas crenzas, o cal é un acerto porque, en realidade, non é preciso: a simple exposición dos feitos axuda a que o lector se poña do seu lado e vexa os males que provoca o radicalismo relixioso nunhas sociedades que cada día se afastan máis dos principios establecidos nos desertos de Palestina e Arabia ou nas cidades de Europa e América hai séculos ou milenios.

Un herem no século XXI
Comentarios