Historia Clásica

Tácito. AEP
Tácito. AEP

Gredos forma parte da memoria sentimental de varias xeracións de filólogos en España e na Galiza. A editorial, fundada por varios profesores, entre eles Hipólito Escolar —quen despois sería director durante unha década da Biblioteca Nacional— e Valentín García Yebra —autor da magnífica versión trilingüe da Poética de Aristóteles, entre outras moitas obras—, tiña uns famosos manuais de Filoloxía cor crema e uns aínda máis famosos libros azul mariño de pequeno formato que, co paso das décadas, remataron por xuntar case que toda a literatura grega e latina que chegou ata nós.

Desgraciadamente a Biblioteca Clásica Gredos morreu no 2006, deixando algunhas obras completas sen rematar. Pero, por fortuna, en 2019 comezou a resucitar, con algúns clásicos como antes, pero tamén con algunhas obras contemporáneas sobre tema antigo. A esta segunda liña de edición pertence a magnífica Tácito, biografía deste historiador romano escrita polo profesor neocelandés Ronald Syme a finais dos anos 50 e que, con notorio atraso para seres un clásico, chega no 2025 a mans dos lectores en español —en dous volumes, un erro na nosa opinión, por certo, xa que ben podía terse presentado a obra nun só tomo—.

Malia non ser tan famoso coma Virxilio ou Horacio, podemos considerar a Cornelio Tácito o literato máis destacado da súa época, que foi a dos Flavios, os sucesores de Nerón, e a dos Antoninos, representada por un Traxano que pasou hai ben pouco por estas mesmas páxinas. Pertencente á nobreza, comezou como orador e despois decidiuse a abandonar esta tarefa e os seus cargos públicos para se dedicar á historia. Escribiu sobre Xermania, sobre os tempos de Tiberio e os seus sucesores e sobre a época dos Flavios. Coma no caso da maior parte dos autores latinos, tanto os Anais como as Historias chegaron a nós moi mutilados e, de feito, da vida do propio Tácito temos tan poucos datos que nin o mesmo Syme pode saber cunha mínima precisión cando morreu.

Xa que logo, por que Ronald Syme decidiu facer unha biografía de Tácito se non podía saber moito del? A resposta é sinxela cando se dedican unhas poucas horas á súa magna obra: non estamos perante a vida dun autor, senón diante do retrato dunha época chave na historia de Roma —e, polo tanto, da nosa mesma historia— que toma a Tácito e os libros como tema, sen necesidade de acudir demasiado aos detalles da súa existencia.

Syme non é un historiador para maiorías e aquí non nos atopamos cun libro de divulgación —algo que cadra coa vocación especializada de Gredos—: para comprendelo e valoralo precísase ter lido ao mesmo Tácito —se non completo, si en profundidade—, ter nocións básicas de historia de Roma e paciencia para navegar entre a enorme cantidade de nomes que usan tanto Syme coma o seu biografado. E tamén, por que non dicilo, superar o desafío dun texto que non aparece ordenado na tradicional orde cronolóxica.

Os valentes recibirán a recompensa de formarse cun verdadeiro clásico da historia, con e sen biografía. Syme asinara xa antes deste libro unha obra sobre Augusto que cambiou en parte a percepción deste coma un gobernante só de paz. Aquí interpreta con fondura a Tácito e todo o seu contexto, revisa as súas fontes, engade duascentas páxinas de apéndices con información de todo tipo e aínda pode dedicar ducias de páxinas a valiosas análises de Plinio o Novo ou o emperador Adriano. Se un goza da historia, asegúrolles que paga a pena.

Comentarios