Manuais de moda
Hai uns días produciuse unha desas treboadas nun vaso de auga das redes sociais galegas cando alguén comentou que non comprendía tanta homenaxe ao falecido deseñador italiano Giorgio Armani, o que desatou un pequeno enfrontamento entre os estetas e os utilitarios, é dicir, os que consideramos que a moda non ten moito que ver coa cultura senón con taparse —e que nos vemos na obriga de navegar as contradicións de vivir nunha sociedade capitalista que promove o contrario— e os que cren que a moda é cultura —en realidade, alta cultura, con toda a connotación que iso leva de seu—.
Pilloume todo isto na lectura de Manual anticapitalista de la moda, obra da xornalista inglesa Tansy Hoskins editada por Capitán Swing. Trátase da actualización, un pouco máis dunha década despois, dunha obra homónima que analizaba este sector económico, social e cultural dende unha perspectiva moi crítica. Resulta significativo da involución da moda o feito de que se precise un libro case que novo para describir os novos problemas que agromaron no negocio.
Hoskins déixao ben claro dende o principio: a moda non é nada do que vimos nós de dicir senón, esencialmente, política —algo que, en realidade, se nos poñemos aristotélicos, podería dicirse dos libros, a comida ou os coches—. Xa que logo, isto lévaa a analizala dende puntos de vista que converxen no adxectivo do título: Anticapitalista. O seu punto de partida temporal é ben coñecido, tamén en España: o famoso derrubamento dunha fábrica chea de traballadores practicamente escravizados en Bangladesh que elaboraban prendas para algunhas das compañías textís máis importantes do mundo.
Segundo Hoskins, dende esta catástrofe nada cambiou. Por acaso, o asunto foi a peor pola converxencia de dous novos fenómenos: o estoupido dunhas redes sociais nas que o visual e a mostra dunha vida aparentemente ideal son elementos fundamentais e a aparición da moda ultrarrápida, con prendas que se mercan en ofertas que están dispoñibles apenas unhas horas ou minutos e pasan de moda en meses —sempre e cando sobrevivan a media ducia de pasadas pola lavadora e a secadora, algo cada vez menos frecuente—. As grandes pasarelas non saen mellor paradas da obra, coa súa manipulación dos nosos defectos e a promoción duns modelos moi concretos de corpo que teñen unha influencia moi negativa na saúde, en especial a das mulleres adolescentes.
Non se pode acusar á autora de manter unha posición totalmente destrutiva, pois os últimos capítulos —redactados, por certo, nun estilo distinto, con apartados máis curtos— están dedicados a unha proposta de reforma do mundo da moda, coa pretensión de acadar obxectivos verdes e igualitarios. Mais dúas cuestións agroman aquí: se, de verdade, unha industria moitas veces baseada no escándalo pode transformarse; e, sobre todo, se é posíbel cambiar a moda sen cambiar, directamente o sistema capitalista.
A resposta a ambas, con toda probabilidade, é non. A pesar dos intentos de Tansy Hopkins, non se ve, sequera no horizonte do medio prazo, a posibilidade de que o capitalismo e os grandes capitalistas decidan por propia vontade deixar de gañar miles de millóns de dólares ou de que os estados ou organizacións supranacionais actúen para deter a roda da explotación do Terceiro Mundo e do consumismo do Primeiro Mundo. Mais non por iso se debe abandonar a denuncia e a protesta, tal e como fai a autora, que xa pode comezar a investigar para unha terceira versión do manual, aló para o 2035.