El tiempo
domingo. 04.12.2022
El tiempo

Memorias

Maria Stepánova
Maria Stepánova

Memoria e a autoficción dominan a narrativa europea dende hai un par de décadas e este control semella cada día máis firme. Nas miñas excursións literarias de verán, en realidade, non fixen máis que me atopar unha e outra vez con W.G. Sebald, escritor alemán prematuramente morto –con só 57 anos, en 2001– dun ataque ao corazón namentres conducía polo norte de Inglaterra e autor de Austerlitz, novela-ensaio na que puxo os alicerces desta corrente principal.

Por isto, a sensación narrativa do outono no mercado español debería ser En memoria de la memoria, da escritora rusa afincada en Alemaña Maria Stepánova. O libro, que publica Acantilado, casa da mellor novela europea, vén avalado por recoñecementos do máximo prestixio –finalista do Man Booker Prize Internacional– e unha recepción crítica propia dun clásico contemporáneo.

Poderiamos comezar a procurar aquí fallos do libro para presumir de malditismo crítico, mais sería fondamente inxusto porque Maria Stepánova fixo, efectivamente, unha obra mestra de novela sen ficción, asunto sempre complexo. En primeiro lugar, consegue disolver á súa narradora ata que a identificamos coa mesma autora. Porén, cando queremos regresar á instancia narradora podémolo facer sen atrancos. Esta disolución prodúcese cun procedemento tan clásico coma efectivo: alguén que non se dedica á historia atopa un elemento que o conecta co pasado e fai que comece un proceso de descuberta persoal acompañado por unha verdade histórica.

Stepánova e a súa narradora ensinan pouco a pouco ao lector o drama de ser xudeo en Rusia e na Unión Soviética no século XX

A narradora non precisa o misterio do Austerlitz de Sebald: non procura unha nai ou un pai, senón que, ao baleirar o piso dunha vella tía, atopa todas as pegadas e restos dunha vida familiar. É dicir, a súa descuberta non produce un cambio dramático no personaxe principal. E, en realidade, a novela non o precisa porque, en segundo lugar, chimpa moi por riba do listón que derruban decote este tipo de obras: o da filosofía e o ensaio.

Stepánova e a súa narradora ensinan pouco a pouco ao lector o drama de ser xudeo en Rusia e na Unión Soviética no século XX. Non aparecen trens, deportacións, duchas de gas nin chemineas e, bardante isto, o relato é dramático. Son os dramas cativos que, sumados, forman a microhistoria, a historia que se afasta dos políticos, xenerais e intelectuais, a que poderiamos chamar a historia de verdade. En realidade, é o drama do xudeo rural que ten que superar ao emigrar a Moscova dous estigmas: o de ser un aldeán e o de non ser ortodoxo.

Os pequenos obxectos, as fotografías, as cartas son detonadores da memoria da narradora, quen consegue transformar esa memoria en historia grazas a tres mecanismos: a análise do funcionamento da nosa memoria, a reflexión sobre o que é realmente a Historia –desta vez con maiúsculas– e o uso dunha linguaxe fonda e cun toque poético que, destacada por críticos de diversos países, tamén aparece en español da man da excelente tradución de Jorge Ferrer.
Un terceiro elemento propio da autoficción ten que ver coa súa conciencia. O libro de Stepánova é autorreferencial, o que implica que abunden as reflexións sobre o libro mesmo, sobre a escrita e a importancia de cada documento e a súa lectura. Ao reconstruír a vida da súa familia, a narradora reconstrúe unha verdade histórica e tamén a súa propia vida. Isto provoca que nalgúns intres a lectura non sexa sinxela: os lectores pagamos o prezo da renuncia de Maria Stepánova ao melodramático e á esaxeración para escribir a que, sen dúbida, vai ser unha das grandes novelas rusas do século XXI –o que non é pouco dicir dunha literatura cunha tradición gloriosa–.

Memorias
Comentarios