El tiempo
viernes. 12.08.2022
El tiempo

Moito antes dos booms

Joaquim Maria Machado de Assis. EP
Joaquim Maria Machado de Assis. EP

O ESCINTILANTE resplandor do Boom da novela latinoamericana a partir dos anos sesenta –e quizais un chisco antes– escureceu para a maior parte do público un feito innegábel: o valor das letras daquel continente durante a época colonial é moi escaso. Cando a novela realista dominaba Europa e Estados Unidos, toda Sudamérica podía presentar apenas unha novela picaresca coma o Periquillo de Lizardi, a moi mediocre e lacrimóxena María de Jorge Isaacs e os aburridos ensaios de Salinas ou Rodó. Só a narrativa feminina de Gómez de Avellaneda ou Matto de Turner se pode ler arestora sen estar a piques de quedar durmido.

Toda Sudamérica? Non, porque no Brasil –eterno esquecido na historiografía que se fai dende España e o mundo hispánico– estaba Joaquim Maria Machado de Assis, de quen agora unha editorial novel de nome moi simbólico para a poesía galega, Courel, publica o Don Casmurro, obra mestra só superada na nosa opinión polo Blas Cubas. Paga a pena aclarar que esta tradución é ao español –non creo que ninguén vise a necesidade de facela ao galego, en realidade–.

Pódese afirmar sen temor a se equivocar que, a carón de Torquato Tasso, Machado de Assis é o grande xenio da literatura universal peor tratado dentro do mercado editorial e a cultura españolas. Apenas hai unha edición digna do Blas Cubas e esta de Don Casmurro súmase a algunha outra no meritoria aínda que incompleto –xa que o libro merecería unha introdución que contextualice a Machado e unha manchea de notas que aclaren e desenvolvan distintos aspectos–.

Como dixo nunha ocasión Harold Bloom, semella que o espírito de Laurence Sterne decidiu cruzar o Atlántico un século despois do pasamento do escritor irlandés e entrar no corpo dun mulato brasileiro nunha época na que, convén lembralo, a escravitude era unha realidade inmediata –só se abolira en 1888, unha década antes da escrita dos grandes libros de Machado–.

Nas 293 páxinas de Don Casmurro collen nada menos que 148 capítulos, algúns cunha lonxitude dunhas poucas liñas. Este procedemento, que arestora podemos considerar normal, supuña por entón unha ruptura radical coa tradición nacional e continental. Tamén rachaba coa devandita tradición a tendencia de Bentinho, o narrador, a se perder e divagar sobre calquera idea que lle veña á mente no curso da súa tortuosa relación con Capitu –léase Capitú, por suposto–.

Porque si, Don Casmurro é unha historia de amor. Machado abandona en parte, que non por completo, a sátira social e política do Blas Cubas para falar un amor de mocidade e o seu destino ao cabo dos anos. Aquí a influencia de Sterne atópase coa da picaresca, xa que todo o conto de Bentinho é unha xustificación.

Xustificación de que? Pois aquí vén a polémica e a mística da novela: unha xeración tras outra de lectores e críticos do Brasil e de admiradores de Machado de Assis por todo o mundo discuten se en realidade Capitu lle é infiel a Bentinho, sobre todo dende os anos 60 –subversivos até para estas faragullas culturais–.

Evidentemente eu non estou en condicións de revelar o misterio e, aínda que puidese, non o faría: sería arruinar a pegada indelébel que deixa Machado na súa primeira lectura, sobre todo se o spoiler espantase ao lector e fixese que este perdese os foguetes da prosa e a organización da narrativa do primeiro autor verdadeiramente moderno de Latinoamérica –moito antes daquel famoso Boom–, un xenio ao que os galegos, aínda que só sexa por proximidade idiomática, deberiamos prestar aínda máis atención ca o lector en lingua española.

Moito antes dos booms
Comentarios