Morrer no sur

William Faulkner / EP
William Faulkner. EP
Cultura da morte é, como todos sabemos, algo determinante na Galiza. Lembro cando eu mesmo accedín a ela: debía de ter uns quince ou dezaseis anos cando meu pai colleu unhas tarxetas, meteumas dentro do peto interior da americana —sempre me gustou levar esa clase de chaqueta— e afirmou, entre solemne e aliviado —libraba de certa carga incómoda—, que xa tiña eu idade e responsabilidade para ir dar o pésame nalgúns enterros, o que significaba representar a miña familia.

Lembrei esta anécdota cando puiden ler, por terceira vez en tres linguas, nesta ocasión en galego por xentileza de Rinoceronte, En canto agonizo, de William Faulkner, unha das grandes novelas da literatura universal do século XX. Denantes de entrar na súa análise, gustaríame insistir como crítico na necesidade de que a mellor literatura estea na nosa lingua. Falábase nestas mesmas páxinas hai uns días de Proust e a súa Recherche. Namentres agardamos tal fazaña precisamos fitos que marquen o camiño a escritoras e lectoras das novas xeracións: velaquí un fundamental.

O título da grande obra breve faulkneriana procede do máis épico libro. Dille Agamenón a Ulises no libro XI da Odisea que, aínda que estaba a piques de morrer —non na agonía, por certo—, Clitemnestra non detivo a súa man. Aquí remata todo o épico do libro, pois dos infernos gregos pasamos a un dos grandes espazos literarios do século pasado, o condado de Yoknapatawpha, habitado, entre outros moitos personaxes, polos Bundren, unha familia de rednecks, o lixo branco, os brancos tan pobres coma os negros do Fondo Sur, aínda que sen a discriminación racista destes. 

A nai da familia está a morrer e o seu home prometeu respectar a súa derradeira vontade: que a enterren na vila grande de Jefferson e non na aldea na que vive. Para cumprir con isto o seu fillo Cash vai fabricar un cadaleito e tanto el coma os seus irmáns e irmás hanse embarcar nunha longuísima viaxe en carro de nove días, dificultada polas choivas torrenciais que dificultan cruzar o Mississippi, o Vello Pai Río –ata o punto de que un deles terá que se lanzar á corrente para rescatar cadaleito e cadáver–. En Jefferson, co corpo cheirando, a traxedia mudará en farsa diante dos ollos dos fillos que cheguen con ben, que non serán todos.

Mais nin morrer nin enterrarse nese Sur é sinxelo e cada un conta a feita como lle vai nela. Levando ao extremo as múltiples perspectivas de Henry James e a polifonía de Joyce, Faulkner relata esta anécdota a través de 59 monólogos interiores —que van dende unha soa liña ata varias páxinas de longo—. Dentro do drama xeral, da lamentable odisea da familia Bundren, cadaquén padece o seu: o neno Vardaman traumatizado coas imaxes dun peixe e a nai morta, Dewey Dell coa necesidade de abortar, Cash primeiro coa súa obsesión como carpinteiro e despois na pelexa por salvar a súa perna...

Faulkner forma parte desa narrativa que desexou abandonar o simple entretemento da aventura e explicar mediante técnicas literarias os máis fondos conflitos da humanidade e os seus territorios, físicos e mentais. As súas novelas atópanse no cumio da dureza e a dificultade para os lectores, mais En canto agonizo é un punto magnífico para comezar con elas, denantes de pasar, por exemplo, a O ruído e a carraxe ou Luz de agosto. Poder facelo agora en galego é algo que enriquece as nosas letras e outorga un extra de pracer intelectual lector.

Comentarios