domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Munición

Ayaan
ayaan-revista-caras-e1548709957545

AYAAN HIRSI Ali é muller, negra, somalí e atea despois de renegar do islam. Tamén a someteron a mutilación xenital feminina, foi inmigrante e solicitante de asilo político en Holanda, onde aproveitou as súas oportunidades para acadar unha formación académica consonte a súa evidente intelixencia.

Xa licenciada, comezou a defender en público os dereitos das mulleres musulmás e recibiu unha fatwa, polo que certos grupos de radicais están na obriga de asasinala se se atopan en disposición para facelo. En resumo, Ali é un argumento de autoridade con pernas e, na miña opinión, unha das candidatas máis obvias para o Premio Nobel da Paz.

Ali anda de xira virtual por España nestas semanas ao se editar o seu último libro, Presa, por parte da sempre prestixiosa Debate. O caso é que se trata dunha obra que vai xerar fortes polémicas polo seu enfoque e que, non hai que negalo, ofrece munición á extrema dereita europea, o que paradoxalmente está moi lonxe dos desexos da autora, coñecida por formar parte do círculo intelectual de alguén tan pouco sospeitoso de soster esas ideas coma Christopher Hitchens.

A tese do libro non é difícil de resumir: Europa estase a ver sometida a unha inmigración masiva que procede na súa maioría dos países nos que o islam é relixión maioritaria. Esta relixión trata con especial discriminación á muller e isto estase a trasladar a terras europeas, onde os dereitos da muller comezan a se ver magoados perante o conformismo do feminismo posmoderno e unha ‘cultura da cancelación’ que censura a mulleres coma ela, que non temen que as acusen de racistas ao ser duras co fenómeno, algo que non fan os políticos (progresistas) da Europa continental por medo ou porque son febles.

As informacións que presenta, combinadas co seu poderoso estilo na escrita, avalan por completo a tese presentada... en aparencia.

Dado o currículo da autora e as teses que sostén un pode entender que o debate quede enlamado ao momento. Láiase Ali na obra e en diversas entrevistas das acusacións de islamofobia contra ela e de que o debate se leve a argumentos ad personam. Así que fuxamos disto. Licenciada en Ciencias Políticas, Ali non é socióloga e isto apréciase na súa metodoloxía e no particular xeito que ten de manexar os datos. As informacións que presenta, combinadas co seu poderoso estilo na escrita, avalan por completo a tese presentada... en aparencia.

Ocorre que a ciencia non funciona deste xeito e iso desacredita boa parte do traballo feito. De verdade Europa vive unha "inmigración masiva"? En termos históricos, non. Pénsese, por exemplo, na inmigración galega a Bos Aires ou na irlandesa a Nova Inglaterra despois da Grande Fame do século XIX. Hai outros factores, en particular os socioeconómicos, que complementen o evidente desprezo do islam polas mulleres? Semella que si, xa que é ben sabida a relación entre pobreza e delincuencia. E como chegaron as sociedades islámicas ao punto no que se atopan? Contribuíu en algo Occidente ao seu estado actual? Ali sabe que si, naceu precisamente en Somalia, pero iso non interesa ao seu argumento.

Cando no seu texto aparecen argumentos similares aos que eu veño de expoñer (non estes, que a autora non lle interesan), ten lugar un xiro curioso, xa que é ela quen non ten problemas en usar argumentos ad hominem e desprezar aos disidentes dicindo que simplemente negan o que ocorre ou non actúan por cálculo electoral ou medo ás críticas. Non é demasiado elegante. E as sospeitas sobre o carácter de arma de dobre gume confírmanse nun capítulo final con solucións que con excepcións, nomeadamente a da promoción da educación sexual, asinarían os partidos de extrema dereita da Europa Occidental —ou, polo menos, o española—, supoño que para arrepío da propia Ayaan Hirsi Ali. Difícil debate, difíciles solucións e un texto que a pesares da vontade da autora está a ser axitado polos fanáticos para xustificar as súas discriminacións e tapar os verdadeiros problemas e a súa solución.

Munición
Comentarios