El tiempo
domingo. 25.09.2022
El tiempo

Negro, comunista, asasino

HAI CASE vinte anos un coñecido xornal de Madrid preguntou aos cen autores máis coñecidos de España e Hispanoamérica cales eran os dez libros fundamentais para eles como lectores e escritores. En canto ao século XX, o resultado non sorprendeu: aparecían citados máis escritores estadounidenses ca españois. Porén, ao repasar a lista dos Estados Unidos o que me sorprendeu a min foi unha ausencia: nin un só autor afroamericano.
Richard Wright
Richard Wright

A literatura afroamericana non chegou a influír en América do Sur nin en España porque para traducir algo primeiro ten que se apreciar no lugar do que provén. E aínda hoxe non está claro que Ralph Ellison, Zora Neale Hurston e os demais autores do Renacemento de Harlem, ou Richard Wright formen parte indiscutíbel do canon novelesco estadounidense. Cousas do racismo, estendido mesmo a Toni Morrison, galardonada cun simbólico Premio Nobel nos anos 90.

Trae agora Alianza Editorial ao español unha das obras fundamentais da narrativa afroamericana, Hijo de esta tierra, tradución de Native son, de Richard Wright. Faino nunha edición de amplo formato que, supoñemos, aínda que non se indique, segue o orixinal máis recente, publicado pola Library of America, que recuperou unha boa cantidade de partes expurgadas da novela —aquelas que ofendían a moral dos brancos—. Ao final aparece un texto do mesmo Wright no que explica o proceso de creación do protagonista, Bigger.

Hijo de esta tierra publicouse orixinalmente en 1940 e aínda hoxe segue a se discutir o seu sentido e significado. Por entón a visión literaria do negro —nigger ou negrata, por mal nome— aínda dependía de A cabana do tío Tom, na que hai unha visión estereotipada do escravo e se aposta polo perdón cristián. Richard Wright opinaba que certos crimes non tiñan perdón posíbel e sabía ben do que falaba: nacera e criárase en Mississippi, nunha familia que pasara da escravitude á parcería —unha escravitude mal disimulada— e despois nos guetos de Chicago, escenario do seu impactante debut.

Suponse que Wright pretendía usar ao seu protagonista, Bigger Thomas, como exemplo de como a opresión dunha sociedade pode converter un incidente desafortunado nunha fuxida cara a adiante na que un bo home se transforma primeiro, en asasino, e despois en vítima dunha xustiza que persegue toda disidencia –non só aos negros senón tamén aos comunistas, protagonistas secundarios da novela e moi conectados cos movementos contra o racismo dende os anos 20 nos Estados Unidos.

Sinalaron que 'Hijo de esta tierra' se centraba demasiado no individuo e fracasaba á hora de ofrecer unha imaxe da vida real dos negros fóra dun marxismo que comezaba a estar proscrito

Os problemas de Wright dende a perspectiva actual son que é demasiado bo novelista e que o contexto no que se movían estas ideas desapareceu. Así, é difícil que o lector español do século XXI vexa a Bigger como vítima, mesmo se progresa ata chegar ao conmovedor –e longuísimo– discurso de defensa do avogado Max, considerado un dos textos chave da historia da escravitude en Norteamérica.

Tampouco é que o lector español estea só. Como ben relata Louis Menand no seu marabilloso The Free World, sobre a arte e o pensamento durante a Guerra Fría, Wright decidiu exiliarse a Francia e abriu camiño para outros autores negros coma James Baldwin... que axiña sinalaron que Hijo de esta tierra se centraba demasiado no individuo e fracasaba á hora de ofrecer unha imaxe da vida real dos negros fóra dun marxismo que, despois da Segunda Guerra Mundial, comezaba a estar proscrito na cultura estadounidense.

En calquera caso, hora é de que a cultura española –agardemos que axiña a galega– coñeza obras e debates que se atopan detrás de acontecementos que enchen os telexornais e os faladoiros, coma Black Lives Matter, e nada mellor que facelo cun libro tan polémico coma seminal.

Negro, comunista, asasino
Comentarios