El tiempo
jueves. 07.07.2022
El tiempo

Norcoreano

TEÑO UN amigo dun amigo que estivo en Corea do Norte, o que o converte nun privilexiado para algunhas cousas —estivo no país máis difícil de visitar do planeta e o relato indirecto do asunto que me chegou é para contar noutro lugar polo incríbel que resulta— e un infortunado para outras —Estados Unidos é un país precioso que dificilmente poderá visitar, supoño, se coñecen os seus antecedentes—.

En calquera caso está no minúsculo grupo de occidentais que non recibiron a súa información de Corea do Norte a través dunha famosa conta en certa rede social, o inefábel Cao de Benós ou os libros. Entre estes últimos hai que salientar polo completo e recente El gran sucesor, da xornalista neocelandesa Anna Fifield, correspondente durante lustros en distintos países asiáticos e unha das persoas que mellor coñece o acontecido nestas décadas naquelas terras. Edita Capitán Swing, sempre atenta ao ensaio de política por arriscado que sexa.

Corea do Norte podería considerarse, nestes convulsos tempos, un país-meme. A súa pobreza é tan proverbial que cando un se refire a ela como Best Korea ou A Corea Fetén nin sequera fai falla explicar a ironía. Como ben describe Fifield, gobérnao hai décadas unha dinastía rodeada dunha serie de historias tan incríbel que a expresión "culto da personalidade" nin se achega a definila.

O último elo desta cadea dinástica é Kim Jong Un e a tese da autora sobre el é ben sinxela. Seu avó creou Corea do Norte na era soviética e seu pai mantivo o poder sen precisar moitos esforzos... mais un ditador do século XXI, máis un sátrapa posadolescente nun país cheo de xente nova, precisa outro tipo de extravagancias e niso leva practicamente a última década.

Desenvolveu un gusto pola roupa deportiva das multinacionais e a súa afección polo baloncesto, que anos despois levaría ás extravagantes visitas a Corea do Norte do incalificábel Dennis Rodman.

Kim é un fillo dos seus tempos. Non se criou na China ou en Rusia, teóricos aliados do país que lideraba seu pai, senón en Suíza, rodeado de fillos de diplomáticos que non sabían que era fillo dun dos máis coñecidos tiranos do mundo —aínda non o seu sucesor—. Foi alí onde desenvolveu o seu gusto pola roupa deportiva das multinacionais e a súa afección polo baloncesto, que anos despois levaría ás extravagantes visitas a Corea do Norte do incalificábel Dennis Rodman.

De regreso do país centroeuropeo Kim adiantou outros posíbeis candidatos e cando se fixo co goberno mesturou eses gustos estraños para un norcoreano co máis típico do país: fabricar bombas nucleares de distinto tipo e oprimir a un pobo que vive baixo continua vixilancia. Porén, o libro de Fifield está lonxe da propaganda e recoñece tamén éxitos relativos: Kim elevou o nivel de vida nun país que viña dunhas fames terríbeis e imitou á China na creación de Zonas de Comercio Especial, illas de capitalismo nunha nación nominalmente estalinista aínda.

O epílogo da biografía dun home a quen aínda deberían quedar décadas de vida pública non pode ser outro, polo menos dende o punto de vista do lector anglosaxón ao que orixinalmente se dirixía a obra, que a súa conexión con outro fantoche e —neste caso— aspirante a sátrapa, un Donald Trump que de xeito paradoxal conseguiu diminuír a tensión co secular inimigo do seu país no xigante asiático —lémbrese que a guerra de Corea de 1950 non finalizou aínda, xa que non hai tratado de paz asinado—. 

Fíxoo grazas ao que poderiamos chamar diplomacia do Gran Irmán; non pola novela de Orwell, senón polo programa televisivo no que un e outro poderían moverse como peixes na auga grazas ao seu sentido do espectáculo e a banalidade a costa un da democracia estadounidense e o outro da liberdade dos norcoreanos. O libro de Fifield resulta ser, á fin e como se pode ver, bastante máis serio cós seus protagonistas.

Norcoreano
Comentarios