Opinión

O fulgor da ciencia

Nestas datas sempre especiais gústame lembrar un dos cartaces e camisolas máis repetidos nas manifestacións feministas: “Durante séculos Anonymous foi unha muller”. Porque esa pancarta é moi certa os que facemos cultura e ciencia temos que reivindicar o papel daquelas mulleres que racharon fronteiras e son aínda arestora un referente intelectual
Marie Curie.
photo_camera Marie Curie.

Quizais a máis famosa de todas sexa Marie Curie. Adela Muñoz Páez, catedrática de Química Inorgánica da Universidade de Sevilla e divulgadora excelente de asuntos científicos, vén de por nas rúas unha excelente biografía súa. Edita Debate, selo que nos últimos anos anda moi atento ao agromar da biografía como xénero de bo resultado tanto cultural coma económico.

Que esta sexa a primeira grande biografía publicada en España de tal persoeiro é un sinal do que diciamos ao comezo desta peza. E hai que engadir que, por circunstancias que escapan a calquera persoa asisada, o fenómeno repítese noutras culturas. Namentres científicos coma Einstein e Oppenheimer ou filósofos coma Wittgenstein, que compartiron época con ela, contan con varios libros que relatan os seus prodixios e desventuras, Curie está aínda á espera dunha grande biografía e mesmo tivo que aturar libros coma o de Robert Reid, que discutían o seu legado.

Adela Muñoz Páez non realiza un traballo exhaustivo e monumental porque esa non é a súa pretensión. Prefire a obra completa e divulgadora, accesíbel para aqueles que non coñezan demasiado a época e tamén para quen non teña moita idea de Física e Química, as disciplinas que Marie Curie cambiou cos seus experimentos. Só nun capítulo, o dedicado ao proceso de atopar o polonio a partir de toneladas e toneladas de pechblenda, un mineral que chegaba a París nada menos que dende Checoslovaquia, o lector terá que se deter e, se non os coñece, revisar o significado de certos termos e procesos químicos. O éxito deste enfoque non se pode negar: a obra engaiola e o lector pasa páxina tras páxina sen descanso.

Marie Curie representa o fulgor da ciencia e o fulgor do radio que lle quitou a vida,

Ademais de revisar o traballo científico de Madame Curie, Muñoz Páez mergúllase na Polonia de finais do século XIX para explicar o seu personaxe. Estes capítulos non teñen a forza épica dos que forman o núcleo do ensaio pero amosan a capacidade da profesora sevillana para captar todos os matices no retrato: é imposíbel entender a Marie Curie sen comprender a Maria Sklodowska.
Vimos de falar de «épica» para definir o traballo de Marie Curie. Pode semellar un termo pouco axeitado… pero como definir as fazañas dunha muller que estudou nun mundo de homes? De alguén que descubriu elementos químicos en laboratorios que tiñan máis de cortello ca de instalación científica? De quen sacrificou a súa saúde e o seu benestar económico para o progreso da humanidade? De quen tivo que aturar que moitos a considerasen unha intrusa ou unha simple axudante do seu home, Pierre Curie, tamén escintilante pero el mesmo consciente do valor da súa dona? Marie Curie representa o fulgor da ciencia e o fulgor do radio que lle quitou a vida, e a autora desta biografía case que non deixa pasar páxina sen lembrarnos a extraordinarias dificultades que tivo que superar.

Quizais por esta defensa acendida atopamos o único defecto do libro: o trato da relación entre Marie Curie e o físico Paul Langevin. Por ela a científica sufriu durísimos ataques e unha campaña de prensa escandalosa e racista. Adela Muñoz Páez furta ao lector os documentos nos que se baseou este episodio fundamental baixo a escusa de que «causaron grande sufrimento» ao seu personaxe. Non hai dúbida disto e de que ese padecemento, engado eu, foi dunha terríbel inxustiza. Pero tamén dela saíu Curie intacta e convertida nun personaxe de lenda ao que moitos admiramos e que non precisa proteccións excesivas para soster un legado que se estenderá por séculos.

Comentarios