viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

O lume divino

DENTRO DA historia da cultura europea que se está a facer nas últimas décadas temos a sorte de contar coa figura de Rüdiger Safranski. Toda aquela persoa interesada no ocorrido en Alemaña dende mediados do século XVIII ata o limiar da Segunda Guerra Mundial pode achegarse aos seus libros, en particular ás biografías de moitos poetas e filósofos, e descubrir as chaves dunha xeira de movementos intelectuais cuxo peso aínda se sinte na nosa práctica intelectual.
holderlin

E tamén por fortuna contamos cos libros de Safranski en español, editados por Tusquets co seu rigor habitual. A última (agardamos que non derradeira) aportación a esta serie é a biografía dun poeta excelso e de vida particular: Hölderlin. El fuego divino de la poesía. Non somos aquí moi de valorar subtítulos, pero podemos facer unha excepción con Safranski, que ten un don para dar en poucas verbas cunha descrición do biografado.

O confinamento da Europa Occidental levou por diante os fastos correspondentes ao 250º aniversario do nacemento de Friedrich Hölderlin, algo que non deixa de ter a súa ironía se pensamos en que non hai personalidade literaria máis marcada polo encerro que o vate suabo. Sometido durante toda a súa vida a unhas tensións extremos, hiperestésico e infeliz en cuestións amorosas, en 1806 quebrouse a súa saúde mental sen que podamos saber exactamente o ocorrido -quizais unha esquizofrenia que nada tiña que ver con aqueles avatares-. Declarado incurábel uns poucos meses despois, encargouse o seu coidado a un ebanista, quen o atendeu con todo o agarimo durante nada menos que 36 anos e lle deu teito nunha torre na beira mesma do río Neckar ao seu paso por Tubinga, lugar que aínda se pode visitar.

O estudo de Safranski, como é lóxico, pouco atende a este longuísimo período. Porén, pon os seus ollos na refulxente traxectoria dun Hölderlin nado nunha familia de boa posición pero que axiña quedou orfo e encomendado a unha carreira, a de pastor da relixión protestante, que non desexaba exercer. Por sorte para el, os estudos no seminario e na famosa facultade de Teoloxía de Tubinga abríronlle a porta ao mellor da cultura europea da época: os revolucionarios influídos polo que estaba a pasar en Francia e o idealismo filosófico alemán que representarían os seus compañeiros de clase Hegel e Schelling (iso é unha promoción para a Historia, aínda que curiosamente ningún dos tres fose o número 1 da mesma).

Non é Hölderlin precisamente un autor moi admirado ou seguido na lírica española ou galega.

Ata catro dimensións se cruzan no texto de Safranski, con niveis moi distintos de dificultade e entretemento. O contacto de Hölderlin con estes filósofos produce as páxinas máis áridas e mesmo prescindíbeis; non pensamos tampouco que sexa escintilante o tratamento dos versos do vate, incluída unha longuísima tradución da elexía Pan e viño; en troques, destaca o historiador alemán nos outros dous aspectos: o retrato do ambiente cultural dos tempos e da relación entre grandes persoeiros e a descrición dos avatares amorosos de Hölderlin, estreitamente relacionados co seu traballo como preceptor.

Non é Hölderlin precisamente un autor moi admirado ou seguido na lírica española ou galega. A súa conexión coas formas e temas da Antiga Grecia (idealizada, por suposto) e as diferencias rítmicas e musicais do seu verso respecto ao das linguas romances adiaron o seu impacto, mais convén sinalar, da man de María do Cebreiro, que a súa sensibilidade supón a apertura dunha tradición lírica romántica que terá unha das súas últimas grandes voces en Rosalía de Castro. A biografía de Safranski é documento fundamental para entender esa sensibilidade e, polo tanto, para afondar no estudo do poeta alemán e, quizais, das súas relacións co noso mundo cultural.

O lume divino
Comentarios