Opinión

Outra de pandemias

HAI UNHAS semanas pareceu no meu móbil a foto do enésimo libro sobre pandemias da temporada primavera/verán de 2020.

Estaba eu daquela cunha biografía de James Joyce e Léxico familiar de Natalia Ginzburg e tiven a temeridade de preguntar se non sería un exceso de ensaio sobre epidemia. A resposta foi tan contundente como obvia: non, xa que nos atopamos perante un acontecemento secular para o que o público demanda información.

Era esta obra, Pandemia, da xornalista de investigación Sonia Shah e publica Capitán Swing. Aínda que a autora é estadounidense o seu apelido revela unha orixe allea ao anglosaxón, o que neste caso é relevante xa que o tema da obra é —de novo— unha enfermidade coma o cólera, desaparecida en Europa pero endémica por exemplo na India, de onde procede a súa familia. Isto aporta a certos capítulos do libro un valor de testemuño que fai máis dixestiva a lectura.

Por que o cólera outra vez e máis se falamos en Occidente? É sinxelo: Shah pertence á estirpe de divulgadores que están a recoller os froitos do sementado no novo milenio. Ela, coma David Quammen e outros moitos, levaban tempo a advertir de que á alteración de ecosistemas que se viña producindo durante todo o século XX se estaba a sumar o efecto dunha globalización que podía espallar axiña virus coma o do Sars —o máis importante e destrutivo ata o covid 19— por todo a orbe. E este proceso, que saibamos, só ten un precedente na historia médica, que é o que Shah dedica boa parte das súas páxinas: a chegada do cólera a Europa dende a India pegado aos barcos que comerciaban coa metrópole e súa extensión a causa das pobres condicións sanitarias.

Porén, se a obra fose só de historia non tería demasiado interese. Os capítulos dedicados á actualidade son verdadeiramente apaixonantes, sobre todo os que teñen que ver con Haití. Por se andan un chisco despistados, que estamos en verán, lémbrolles que Haití comparte illa coa República Dominicana e é o país máis pobre do mundo, azoutado por terremotos e furacáns. Nunha destas a Onu, de quen depende a pouca estabilidade que ten o país, decidiu mandar ao país cascos azuis nepalís —si, Nepal achega soldados ás forzas internacionais—.

No último medio século varios centos de enfermidades agromaron da nada ou estouparon en lugares inexplicábeis a priori para a ciencia

O que ocorreu despois, ben mirado, non pode sorprender a ninguén: coma o país carecía da máis mínima infraestrutura, os nepalís montaron o seu campamento e fixeron o que puideron coas súas augas residuais. Como eran portadores da enfermidade e as súas feces chegaron á auga que consumían os haitianos levaron alí un mal que nunca estivera. Agora semella que o cólera tamén é endémico en Haití.

A análise do pasado, remoto e recente, pode ser unha das solucións para comprender o noso futuro e tomar medidas que eviten ou conteñan enfermidades infecciosas que mesmo poderían chegar a ser máis graves. No último medio século varios centos de enfermidades agromaron da nada ou estouparon, como o cólera en Haití, en lugares inexplicábeis a priori para a ciencia.

A mensaxe está clara: para evitar crises na saúde pública occidental debemos deter as crises ecolóxicas no Terceiro Mundo e en países como China ou a India, nos que a interacción entre o ser humano e a fauna ás veces non respecta as máis mínimas normas sanitarias —tremendo é o relato de Shah de coma un policía chinés lle indica onde se venden civetas de xeito ilegal— e que arestora comezan a aparecer, como ben describe a autora, como destinos dun turismo sanitario —sobre todo a India— que aumenta os riscos de novas viaxes dos virus.

Comentarios