Viernes. 25.05.2018 |
El tiempo
Viernes. 25.05.2018
El tiempo

Outro mundo

"'Un mundo distinto e igual' é unha obra que mestura dúas tradicións seminais: a da literatura de viaxe e utópica e a do carnavalesco"

VOULLES DAR un pouco a turra cunhas reflexións sobre teoría literaria e sistemas culturais. O amor pola cultura galega non pode agochar a incomodidade que sente un perante certos fenómenos, en certo modo inevitábeis por outra banda. A combinación dos séculos escuros coa represión franquista creou un sistema literario anómalo no que faltan varios chanzos. Temos críticos e teóricos excepcionais en moitas materias pero, como lector, boto a faltar unha cosmovisión da historia da literatura e un maior cultivo das traducións de literatura universal. O escritor en galego ten que buscar as súas referencias no castelán ou nas linguas estranxeiras sempre que as coñeza —o que ocorre con máis frecuencia cada vez, por certo— namentres grandes obras do espírito humano non se poden ler na nosa lingua.

Os atrancos pódense pescudar por simple observación: falla de músculo financeiro para afrontar proxectos de grande volume, incapacidade para poxar por dereitos de obras de referencia... de todo o necesario para traducir unha obra mestra só abonda o material humano, aínda que ser tradutor literario é un bo xeito de adelgazar sen ir ao ximnasio. Por todo isto hai que gabar iniciativas como a editorial Hugin e Munin, que coas súas limitacións é unha mediadora fundamental entre a Galiza e alén Pedrafita. O selo dos corvos tráenos agora unha obra curiosa: Un mundo distinto e igual, de Joseph Hall.

Hall non é precisamente un escritor coñecido no complexo panorama literario da Inglaterra do século XVII. Nado nunha familia modesta, ascendeu ata chegar a ser bispo de varias cidades de importancia, pero caeu nunha época na que a moderación non era unha virtude estimábel. Optou por un puritanismo moderado nas vésperas da Guerra Civil e coa chegada de Cromwell e a República viuse marxinado.

Un mundo distinto e igual é unha obra que mestura dúas tradicións seminais: a da literatura de viaxe e utópica e a do carnavalesco. O descubrimento de América fixo aparecer na imaxinación dos europeos a posibilidade da existencia doutros mundos ignotos. En Inglaterra Tomás Moro creara a Utopía, obra fundamental que abre camiño a Hall. Décadas despois Rabelais levara ao mundo da literatura canónica o elemento do Entroido e o popular: o enorme, o viño, a merda...

Hall utiliza durante toda a obra os procedementos de inversión e hipérbole. As terras que percorre o viaxeiro están dominadas por borrachos, mulleres e parvos, son mundos que polo seu contraste satirizan o propio e que ofrecen ocasión para a risa. A esaxeración é un compoñente fundamental á hora de construír os aspectos cómicos e un non pode esquecer en ningún momento o referente da badía de Theleme. O problema vén cando a lectura de certas partes nos lembra perigosamente que o noso mundo actual se parece máis á Inglaterra do XVII que ao ideal do autor.

A sátira inglesa ten o seu perigo, non crean. Un mergúllase con pracer nas Viaxes de Gulliver de Jonathan Swift, viaxa a mundos semellantes ao de Hall como son Liliput, Brobdignag e Laputa... e toupa co cuarto libro, probabelmente o texto máis misántropo e amargo da literatura occidental, que só transmite desprezo polo ser humano. Con Hall evitamos ese risco, xa que a intención lúdica nin se esvaece e nin sequera mingua. E a todo isto temos acceso nun galego coidado, que recolle á perfección aspectos do xénero do diálogo renacentista e da imitación da literatura de viaxes. Supoñemos que aínda falta moito para ver a grande obra do puritanismo inglés, o Paradise Lost, na nosa lingua, pero non perdemos a esperanza con proxectos coma o de Hugin e Munin.

Outro mundo
Comentarios