jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Paixóns botánicas

Becerreá, a miña vila, como outras moitas da Galiza, ten unha conexión especial coas cerdeiras. De feito cando un deixa a autovía para baixar á vila chega a unha aldea que ten o significativo nome de Cereixal. Un pouco máis abaixo queda Cadoalla, a aldea na que vivía o meu bisavó Manuel.

Uns meses antes de que eu nacese decidiu, ou iso se contaba na miña familia, que era boa idea aos seus máis de oitenta anos subir a unha cerdeira e coller algúns dos seus doces froitos. Caeu e morreu unhas semanas despois, non directamente polo accidente, pero si deteriorado por el.

As cerdeiras de Cadoalla e Cereixal son silvestres (Prunus avium) e non ornamentais, por iso quizais non desenvolvemos na comarca festas como a Sakura, a famosa celebración que marca o comezo do ano no Xapón en coincidencia coa floración de millóns de cereixeiras. Non hai país na que esta árbore sexa máis importante, como demostra a xornalista Naoko Abe en El hombre que salvó los cerezos. 

Publica Anagrama na súa colección Panorama de Narrativas e merece isto unha nota á marxe. Na súa edición orixinal o libro recibiu premios nas categorías de Biografía e Ensaio. A pesares de se publicar cos famosos libros amarelos de Anagrama, non é unha novela nin unha narración ficticia en ningún punto, o cal esperta neste crítico unha reflexión: como de mal estará o panorama ensaístico e cultural español para que se teña que disfrazar de novela un ensaio, seguramente co obxectivo de mellorar a súa acollida e as súas vendas.

O libro de Naoko Abe non é un tratado de botánica ou ciencia nin o pretende. Se queremos saber de xardinería, mellor acudir a outras fontes. Si é, en primeiro lugar, unha análise sobre a cultura xaponesa, un dos seus símbolos máis importantes e a capacidade que teñen os políticos populistas de se apropiar destes para as súas fins. 

Para mesturar a Inglaterra vitoriana e o Xapón imperial, e para espallar as cerdeiras niponas por medio mundo precisábase unha personalidade especial

Ocorre que as cerdeiras estiveron a piques de desaparecer do Xapón, primeiro a causa dos proxectos modernizadores da Revolución Meiji e despois por unha razón moito máis sinistra. Cando o país nipón se aliñou coa Alemaña nazi e a Italia fascista tomou asemade unha decisión botánica: expandir a plantación do somei-yoshino, un tipo particular de cerdeira ornamental. Por que? Porque as súas flores eran preciosas e caían axiña, como as vidas dos soldados dos exércitos do emperador.

A Naoko Abe, como a calquera coñecedor da historia xaponesa, chamoulle a atención o feito de que o responsábel da salvación da árbore nunha das nacións máis pechadas do mundo fose, precisamente, un estranxeiro. Foi Collingwood Ingram, cabaleiro inglés cuxa biografía constitúe un segundo esqueleto do libro. Ornitólogo nun principio, unha viaxe a Xapón fíxolle cambiar de intereses e, dende 1926, dedicou todos os seus esforzos á salvagarda das cerdeiras nas máis de duascentas variedades que medraban nesta nación do Extremo Oriente.

Na vida de Ingram mestúranse as preocupacións ecolóxicas, os intereses estéticos e un humanismo relacionado coa natureza que agora pode semellar natural, pero que entón non o era en absoluto. Para mesturar a Inglaterra vitoriana e o Xapón imperial, e para espallar as cerdeiras niponas por medio mundo -enviou gallos a lugares tan afastados coma os Estados Unidos, ás veces simplemente cravados en patacas para que non secasen- precisábase unha personalidade especial, cun toque obsesivo, como a que el tiña. E para relatar esta mestura de culturas, países e caracteres unha man habilidosa como a de Naoko Abe, que deixou unha obra tan particular como apaixonante.

Paixóns botánicas