Opinión

Perigo: un escritor

UN XEITO de coñecer aos escritores é polas súas obras, sempre que eliminemos ou fagamos difusa a barreira entre autor, narrador e personaxe —algo que un bo lector, en realidade, nunca debería facer­—. Unha forma mellor, aplicábel sobre todo aos grandes autores, son as biografías —un xénero que xa dende hai anos dá grandes satisfaccións aos que desexan interpretar a Historia (tamén a da literatura) a través dos seus protagonistas—.
photo_camera Philip Roth

Sen lugar a dúbidas o grande acontecemento do xénero biográfico español en 2022, polo menos no que corresponde á literatura, é a tradución do descomunal libro que Blake Bailey dedicou a Philip Roth, o meirande novelista estadounidense da segunda metade do século XX e tamén o máis senlleiro representante da cultura xudía na terra da liberdade... aínda que moitos dos seus correlixionarios non só disentirían desta opinión senón que, aínda hoxe, consideran a Roth un traidor e un patrocinador do antisemitismo.


Tería sido lóxico que a obra viñese precedida por unha forte polémica a causa da personalidade de Roth e a súa relación coas mulleres: ao longo dos anos non faltaron as acusacións sobre o mal trato do escritor ás súas parellas, o que derivou en acusacións delas e mesmo graves problemas psicolóxicos. Ocorre que isto sabíase e a polémica chegou por Bailey: en Estados Unidos a obra saíu das librarías polas acusacións de acoso sexual que recibiu para despois volver en medio de artigos a favor e en contra do asunto. Nada disto semella ter afectado á edición en español, que chega en tempo e forma na Editorial Debate.


Bailey é o biógrafo autorizado e definitivo de Philip Roth, polo tanto o seu libro é e será a referencia para o estudo vital e biobibliográfico deste escritor. Isto invade o texto, ás veces de xeito incómodo, pois semella evidente que Roth só deu permiso para introducir certos episodios —en particular moitos relacionados co seu matrimonio coa actriz Claire Bloom, coñecida en España como a coprotagonista de Candilejas a carón de Charles Chaplin— coa condición de que quedase claro que el era inocente neles dende un punto de vista ético.

Bailey consegue saír airoso tamén das polémicas literarias do seu protagonista


Iso si, na maioría das ocasións o lector remata beneficiado pola escolla oficialista de Roth. O escritor de Newark (Nova Jersey) puxo a disposición de Bailey toda a información precisa sobre as súas obras: arquivos e amplas opinións. O resultado é un fondo exercicio de crítica literaria sobre a xénese, significado e recepción de cada un dos libros importantes de Roth —algo que adquire aínda máis importancia se pensamos que o biografado foi un dos grandes popes da autoficción, por moito que el se esforzase en negalo—.


Vimos de mencionar a recepción dos libros de Roth e este é o último aspecto salientábel deste libro. Bailey consegue saír airoso tamén das polémicas literarias do seu protagonista. Pensemos, por exemplo, na creación do personaxe de Portnoy, un masturbador compulsivo que rexeita as normas morais da comunidade e non cre que a Shoah poda xustificalo todo. O protagonista de O mal de Portnoy custoulle a Roth críticas, demandas e mesmo unha especie de proscrición. 
Non se achantou, como bo escritor libre, e converteuse nun perigo para os fanáticos relixiosos. Cando lle preguntaron se era abondo xudeu para ir a Israel respondeu que el non era un escritor xudeu senón un escritor que daba a casualidade que era xudeu. Así era Roth e con iso gañou unha inmortalidade que pode apreciarse nesta biografía e en novelas coma A triloxía americana ou Operación Shylock que son lecturas perfectas para o verán e o longo inverno que nos agarda.

Comentarios