El tiempo
viernes. 02.12.2022
El tiempo

Política contra a evidencia

Hai unhas semanas viralizouse un corte dun programa de televisión. Dous políticos de dereitas discutían cun científico. Ben, o de discutir é unha licenza poética. En realidade os dous opinadores interrompían a quen sabía e facían escarnio e maldicir dos seus argumentos científicos sobre o cambio climático. "Mañá volveremos, se non chega a Apocalipse" —o clásico recurso da esaxeración paródica da razón do opoñente—.

Foi unha mostra lamentábel dun mal común nos medios de comunicación españois: o de poñer ao mesmo nivel a ignorancia duns e a sabedoría doutros para despois estomballarse na cadeira e falar sen avergoñarse de posverdade e fake news. Cando un non sabe, o máis intelixente é escoitar e ler con respecto aos que saben, coma Antxon Olabe, quen vén de publicar Necesidad de una política de la Tierra en Galaxia Gutenberg.

Olabe é un especialista non só na ciencia do clima senón tamén na política medioambiental, algo que como vimos de ver é imprescindíbel. Dende os anos 80 a franxa dereita do espectro político nega a evidencia do cambio climático porque está en desacordo cos seus principios e porque ten a impresión de que as consecuencias do que ocorra van ser desastrosas para eles dende o punto de vista electoral.

A liberdade de acción política permite a estas persoas soster calquera idea. Ocorre que o negacionismo climático é especialmente perigoso: é unha mentira descomunal e as vítimas da mesma somos todos —incluídos moitos que nin sequera viñeron ao mundo arestora—.

O discurso historicista manca moito aos negacionistas. Como Olabe demostra datos en man, o deterioro do planeta ten uns responsábeis históricos: Europa e Estados Unidos

En canto ao aspecto científico, Olabe non fai máis que repetir e actualizar ideas que defenden miles de científicos en todo o mundo. É especialmente importante: por exemplo, hai anos pasou por esta columna En la espiral de la energía, un libro que prognosticaba para o 2030 o colapso da economía occidental pola imposibilidade de obter un fluxo de enerxía barato. Pode que esteamos preto de graves dificultades este mesmo inverno, pero é obvio que estas teñen a súa orixe en asuntos xeopolíticos e sanitarios —a pandemia, a guerra en Ucraína—, non na escaseza do petróleo a longo prazo.

Cando se trata de mirar ao futuro as ciencias amosan lóxicas imprecisións. A elas agárranse coma a un cravo ardente políticos de todo o globo para lanzar o perigoso discurso que Olabe describe, rexión por rexión e, ás veces, país por país, na parte principal da súa obra, dedicada á xeopolítica. A confrontación polo clima chega nuns intres nos que é evidente a «necesidade» da que fala o título do libro: sen unha política mundial consensuada será imposíbel resolver un problema que afecta a todos pero ten uns responsábeis.

O discurso historicista manca moito aos negacionistas. Como Olabe demostra datos en man, o deterioro do planeta ten uns responsábeis históricos: Europa e Estados Unidos, desenvolvidos grazas aos seus avances tecnolóxicos, uns avances que nunca tiveron o freo da contaminación. Fomos nós, non outros, os que levamos ao planeta ao borde do precipicio.

Porén, arestora o principal perigo chega de China ou a India... e os gobernantes dos xigantes asiáticos afrontan os seus propios desafíos —por exemplo, a loita pola auga do Indo entre Paquistán e India— namentres preguntan por que os seus cidadáns teñen que pagar polas toneladas de carbón usadas en Coventry ou Cleveland hai un século cun menor grao de desenvolvemento. E entre uns e outros hai unha emerxencia climática sen resolver, quen sabe se xa nun punto no que será imposíbel volver atrás ou recuperarse.

Política contra a evidencia
Comentarios