miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

A problemática memoria

OS DEBATES sobre a Memoria Histórica —así, en maiúsculas— en España son esgotadores, maiormente polo feito incuestionábel, como ben argumentou Gil Pecharromán, de que os partidos da dereita española son herdeiros directos do bando vencedor, que prolongou a súa vitoria nunha ditadura de case que corenta anos.
2021112309050173681

Este feito fai que en moitas ocasións pasen desapercibidos ou nin sequera se traten as problemáticas da memoria histórica noutros lugares. Non hai que ir moi lonxe para ver que as lembranzas de certos feitos moi achegados no tempo, como a Segunda Guerra Mundial, están cheas de gumes afiados que provocan feridas que sangran cada pouco tempo. Precisamente a isto se de dedica Prisioneros de la Historia: Monumentos de la Segunda Guerra Mundial, de Keith Lowe. Edítao Galaxia Gutenberg no ronsel de Continente Salvaje, éxito de público e crítica do mesmo autor —neste casom sobre Europa despois dese conflito—.

Como a Segunda Guerra Mundial foi o peor desastre da historia da humanidade é lóxico que existan unha morea de monumentos, situados nos países máis diversos —o adxectivo mundial neste caso, non é esaxerado—. O primeiro acerto de Lowe é agrupalos, aínda que no canto de cinco conxuntos podería ter rematado con dous: aqueles dedicados aos aliados e ás súas vítimas e os dedicados ao Eixe e as súas.

Porque si, no bando dos nazis e os seus aliados tamén houbo vítimas e tamén foron inocentes, o que nos leva ao núcleo do libro: unha cuestión ética, a existencia de vítimas de primeira e vítimas de segunda. En realidade, trátase da constatación dunha realidade que en España non se chega a comprender por distintas razóns históricas: os monumentos de Hamburgo ou Hiroshima non culpan aos Aliados senón que manteñen unha diplomacia exquisita que lembra que os mortos deses bombardeos pertencen aos mesmos xerarcas nazis e nipóns máis que a británicos e estadounidenses.

A Hungría de Orbán tivo a feliz idea de "resignificar" ás vítimas da invasión nazi en 1944... obviando interesadamente que o país fora aliado de Hitler


En canto ás vítimas máis coñecidas, impactan as reflexións de Lowe sobre os efectos da masificación turística en Auschwitz —ata que punto pode ser un lugar así unha atracción?— e o moi curioso caso do monumento ás vítimas de Karyn na beira do Hudson, en Nova York, que fala tanto daqueles asasinados coma da importancia da comunidade polaco-estadounidense dentro do panorama político alén do mar.

Un cruce problemático e ao que o autor dedica moito tempo é o de ética e nacionalismo. Trátase dos chamados «procesos de resignificación» nuns casos e dunha simple ocultación do ocorrido noutros. A Hungría de Orbán tivo a feliz idea de "resignificar" ás vítimas da invasión nazi en 1944... obviando interesadamente que o país fora aliado de Hitler durante case que cinco anos. Aínda máis terríbel, cunha descrición demoledora por parte de Lowe, é o caso de Eslovenia, onde nin sequera se exhumaron os milleiros de cadáveres soterrados en minas.

Namentres saía do prelo este libro unha nova saltou ás portadas de Internacional. Detiveron a dous axentes da policía alemá por facer exercicios de quecemento apoiados contra os bloques brancos do monumento ás vítimas do Holocausto en Berlín. Eu escoitei a nova da radio e ao principio pensei que foran uns mozos a xogar a pillar, algo que podería escusarse coma unha falcatruada.

O feito de que axentes da autoridade fixesen iso lémbranos unha idea que sobrevoa o texto de Lowe: a banalidade do mal. Podemos crer que a nosa sociedade é especial e que isto nunca podería volver ocorrer, mais a historia é teimuda e o fascismo, como sostén Lowe, non rematou completamente derrotado e pon en perigo as nosas sociedades namentres os cascallos de lugares coma Oradour ollan silenciosos a homes coma Zemmour.

A problemática memoria
Comentarios