jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

A profesión de intelectual

Unha boa maneira de comprobar se unha biografía é moi boa é valorala en función de como che cae o personaxe retratado ou canto che interesa a época histórica na que viviu.

GÚSTAME A figura de Lyndon B. Johnson, presidente dos Estados Unidos entre 1963 e 1968, e apaixóname todo o que ten que ver cos dereitos civís no Sur, polo que non é de estrañar que me engaiole a xigantesca obra sobre el escrita por Robert Caro, o parnaso do xénero biográfico contemporáneo.

Na primavera pasada, co correspondente atraso a causa da pandemia, anunciáronse os premios Pulitzer e na categoría de Biografía venceu Sontag, de Benjamin Moser, unha sinatura habitual de revistas de referencia da Costa Leste coma The New Yorker —esas que tanto despreza un fantoche como Donald Trump—. Non me interesou e non merquei o orixinal… pero os editores en España tiñan outra opinión, andaron espelidos e Anagrama pre senta agora a tradución. Non estraña que sexa precisamente o selo de Herralde quen asuma a tarefa, xa que nel podemos atopar por exemplo o clásico de Ellman sobre Joyce ou o de Diesbach sobre Proust.

Se o libro non espertou a miña paixón foi porque a figura de Sontag me resulta allea. Novelista mediocre, representante senlleira xunto a Warhol do Nova York posmoderno ou camp, renegada na práctica da cultura dos Grandes Libros que aprendera na Universidade de Chicago e altofalante destacado do adagio falso e simplista de que «o comunismo é fascismo», non a redimen no meu panorama intelectual o seu innegábel talento como ensaísta, a súa cultura enciclopédica e o feito de que crease toda unha gramática da enfermidade.

 A relación de Sontag coas súas parellas, masculinas e femininas, e a súa reflexión sobre o asunto ofrecen para o público xeral un toque de salsa rosa

Precisamente porque eu non admiro a Susan Sontag e porque non me interesa o mundo no que se moveu podo recoñecer o excepcional valor do libro de Moser. Na liña habitual do xénero nos Estados Unidos o autor mestura dúas fontes principais: a primeira, a análise dos milleiros de páxinas dos diarios de Sontag, que suman máis de cen volumes, é unha tarefa ciclópea; a segunda, a entrevista dunhas trescentas persoas que pasaron polo camiño da famosa ensaísta. O resultado é unha obra que se le axiña, na que resulta sinxelo pasar as páxinas, que é quen de recoller o espírito dunha vida, un tempo e un sistema cultural moi particulares.

Varios temas chave no marco da posmodernidade cruzan a vida de Sontag e o libro de Moser: a psicanálise e a relación de nais e fillas, a quebra do paradigma intelectual baseado no canon literario e filosófico, as complexas relacións entre o intelectual e o público e, sobre todo, a homosexualidade. A relación de Sontag coas súas parellas, masculinas e femininas, e a súa reflexión sobre o asunto —sempre se negou a que se referisen a ela como lesbiana— ocupan ducias de páxinas e, ademais de botar luz sobre a vida interior da escritora, ofrecen para o público xeral un toque de salsa rosa que, de seguro, impulsou as vendas nos Estados Unidos.

O problema é que un dos erros cometidos polo biógrafo é afastarse de máis en ocasións da personaxe por razóns sentimentais, en especial por exemplo cando se dedica un capítulo a Annie Leibovitz completamente desconectado do fío da narración. Tamén, dada a traxectoria de Moser, especialista na novelista brasileira Clarice Linspector, sorprende que precisamente outro dos puntos fracos do seu libro sexan as partes dedicadas ás obras de Sontag, cuxa análise é pouca fonda e obvia que Contra a interpretación, por exemplo, é un libro perfectamente prescindíbel para moitos teóricos literarios. Malia isto, un premio de sona coma o Pulitzer viuse honrado de contar no seu palmarés cun volume coma este, do que poden gozar ata os profanos ou críticos co personaxe.

A profesión de intelectual
Comentarios