lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Prohibicións

ÄS VECES hai que comezar as críticas cunha advertencia. Se vostede é antivacinas, non continúe dende este punto, xa que imos ofendelo a conciencia.

Seguir as liñas argumentais dos que se opoñen ás vacinas está nalgún punto entre o asombroso e o arrepiante. Esgotado xa o camiño do control mental e o 5G, mantense con forza a idea de que todo isto é un invento esaxerado —Austria ou Portugal decretan confinamentos por gusto, seica— e ábrese paso a comparación dos partidarios das vacinas con Mengele e os nazis en xeral —á marxe dos lentes eu non me parezo moito a Himmler, por exemplo, pero ben— ou con outras situacións discriminatorias ao longo do século pasado –enfermos da sida, homosexuais...

A maioría de gobernantes europeos teñen menos paciencia ca nós para a esgrima retórica e simplemente están a quitar do medio aos non vacinados. E para entender estes asuntos quizais conveña afastarse do caso concreto da pandemia, malia que non sexa doado, e buscar situacións históricas que nos permitan a comparación. É o caso da Prohibición do alcohol nos Estados Unidos, sobre a que temos nas librarías españolas o excelente El último trago, de Daniel Okrent, editado por Ático de los Libros.

Entre 1919 e 1933 estivo en vigor nos Usa a Décimo Oitava Emenda á súa constitución, que prohibía a fabricación, o comercio e o consumo de alcohol. Okrent explica con todo tipo de detalles –algúns deles excesivo para o lector español, o que se resolve con moi oportunas notas a rodapé– como se chegou a tal punto. E foi basicamente polo interese converxente de grupos de ideoloxía moi oposta: as sufraxistas, os puritanos, os demócratas, os progresistas... 

O porqué é interesante porque na historia da constitución dos Estados Unidos –que, por certo, se inclúe como un moi interesante apéndice ao libro– só dúas emendas limitaron os dereitos individuais: a que abolía a escravitude -polo tanto, a liberdade de posuír escravos-. E precisamente disto, de limitar dereitos, acusan os antivacinas ao resto da poboación na coxuntura pandémica.

Ata onde se pode prohibir beber alcohol, algo que é prexudicial para a saúde?

Así, o libro de Okrent, xa valioso de seu, adquire un terceiro nivel de lectura. En orixe era unha obra de historia que reflexionaba sobre os límites da liberdade individual e os poderes do Goberno. Ata onde se pode prohibir beber alcohol, algo que é prexudicial para a saúde? E aínda máis, ata onde é posíbel que un goberno aplique unha prohibición estrita dunhas substancias tan espalladas por todo o mundo? A resposta estaba clara: nin se pode deter o consumo nin se pode aplicar unha norma leonina.

O terceiro nivel aparece ao superpoñer aquela situación ética e legal sobre a actualidade. O resultado é obvio. A perigosidade do alcohol está máis que comprobada... pero nada ten que ver coa capacidade para contaxiar un virus potencialmente mortal daquel que non toma as máis mínimas precaucións, aínda que estas estean avaladas pola investigación.

Sumados todos estes elementos e mesturados cunha prosa áxil e coa habilidade do autor -e o tradutor- para conectar datos eruditos con feitos cotiáns dan como resultado un dos mellores ensaios do 2021, unha obra que debería ter chegado antes ao mercado editorial español, sempre un chisco á marxe de obras de temática aparentemente local pero que ao cabo poñen enriba da mesa importantes problemas éticos e morais.

Prohibicións
Comentarios