martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Quen le agora a André Gide?

NESTA columna non somos de polémicas nin de establecer diálogos con outros críticos, máis cando son excelentes e cun golpe de pluma e miolo nos poden liquidar. Porén, si somos de facer preguntas sobre certas boutades que sempre aparecen na práctica dos estudos literarios, como a que dá título a esta peza.

Quen lanza a pregunta do título ao aire é Ignacio Echeverría, mente preclara da crítica literaria en España e a quen un ten que gardar o máximo dos respectos porque, como é sabido, perdeu anos hai a súa tribuna en acto de servizo -ao sinalar que un libro de Bernardo Atxaga era pésimo-. A pesares disto continuou no negocio e agora é o encargado dos limiares aos Diarios de André Gide, lugar onde lanza tan provocadora cuestión.

Esta edición da obra mestra autobiográfica de Gide (aínda non completa, pois veñen de tirarse só dous dos catro tomos nos que consiste) é un fito para o mundo hispánico. Os Diarios son un dos grandes libros da literatura francesa do século XX. En español só estaban dispoñíbeis escolmas máis ou menos xenerosas ou libros fóra de catálogo e fragmentarios, isto último debido á utilización de versións antigas do orixinal. Ademais estamos perante unha edición feita cun grande coidado, nun formato de peto con tapa dura común noutros países —pénsese en coleccións como La Pléiade en Francia, I Meridiani en Italia ou a LOA en Estados Unidos—, pero pouco frecuente en España.

Respondamos á pregunta xa que logo. A André Gide leno menos persoas das que deberan lelo. É obvio que o seu prestixio sufriu un deterioro, como sucede con todos aqueles escritores que ademais ocuparon postos importantes no sistema literario correspondente. Nos dous tomos editados do Diario vemos como Gide, á marxe do valor da súa escrita, chega á dirección da NRF, a principal revista literaria francesa do século XX, posto dende o que ten ocasión de dirixir a carreira de autores fundamentais e de cometer erros históricos, como o de non aceptar a primeira parte da Recherche de Proust.

Os 'Diarios' remataron por ser a súa grande obra debido a unha constancia excepcional

Malia isto, o xuízo de Echeverría, que recolle o doutros historiadores da literatura, é duro de máis. Novelas coma Os falsificadores ou O inmoralista aparecen entre as mellores do século pasado e os seus libros testemuñais -sobre as súas viaxes a África, a súa condición de homosexual ou a relación coa súa dona, Madeleine, nun matrimonio ficticio- aínda teñen un grande valor tanto humano coma estilístico. O mesmo poderiamos dicir dos libros de Claudel, Eluard ou Saint-John Perse. E tamén pensar en se o valor dunha obra está en que teña moitos lectores e onde nos leva iso.

Regresemos a Gide. Os Diarios remataron por ser a súa grande obra debido a unha constancia excepcional —comezou con eles en 1887 e rematou pouco antes do seu pasamento en 1951— e a unha crecente vontade de estilo e conciencia de que antes ou despois verían a luz. Ao principio atopamos uns poemas bastante mellorábeis e unhas listas interminábeis de lecturas, pero pouco a pouco entramos no mundo interior do autor: as súas dúbidas, a grande cantidade de amigos e coñecidos que modelan a cultura parisina, as súas viaxes... 

E tamén nun lado escuro que fai que moitos lectores, antes e agora, se sintan incómodos: Gide era un pederasta a quen lle gustaba perseguir a mozos e usar a súa posición para manter sexo con eles a cambio de cartos, feito que non agocha nos seus escritos máis íntimos. Hoxe estaría no cárcere ademais de no parnaso literario... pero nesta columna somos moi de xulgar aos autores pola súa obra e non pola súa vida, e por iso podemos recomendar sen vergoña tal monumento literario.

Quen le agora a André Gide?
Comentarios