Opinión

Regreso á escola

CANDO ERA un rapaz sempre pasaba uns días de verán n’O Galo, un pequeno lugar en Arteixo, preto da praia de Barrañán. Non lles parecerá moi cosmopolita, pero era tranquilo e familiar; algo moi acaído para un mozo lector da Montaña.

A nosa amiga Ana foi quen me puxo nas mans o Wilt de Tom Sharpe, algo arriscado en perspectiva. 25 anos despois nin verán houbo, eu teño exactamente os mesmos anos ca Wilt na primeira novela, traballo no ensino coma el e Anagrama tivo a xentileza de patrocinar o meu agosto co compendio das cinco novelas sobre o personaxe, moi acaídas para preparar as arrepiantes aulas en tempos de pandemia.

Inglaterra ten unha tradición de novela cómica da que eu non coñezo igual, con cumios coma os de Waugh ou P.G. Wodehouse co seu Jeeves. O caso é que para atopar a graza destes dous excelsos escritores hai que estar familiarizado co particular humor british. Non ocorre o mesmo con Tom Sharpe, quen ao se achegar ao mundo da educación e os movementos intelectuais a partir de 1968 é quen de conectar á perfección co mundo actual e as súas arestas.

Cando Sharpe comezou a escribir a serie de Wilt xa tiña ás costas unha peripecia vital cando menos peculiar. Nacido a finais dos anos 20, o seu pai foi unha rara avis por seguidor do movemento fascista inglés e por ese camiño continuou o fillo ata comprobar ao final da guerra a aniquilación á que se sometera aos xudeus. Licenciado en Cambridge despois da Guerra, emigrou a Suráfrica para dar clase en 1951 e deportárono unha década despois por apoiar a abolición do Apartheid. De feito, as súas dúas primeiras novelas coñecidas satirizaron a vida cultural dos colonizadores naquel país.

Non é unha esaxeración dicir que se trata dun dos grandes antiheroes contemporáneos da literatura popular: un home culto e intelixente

Cando regresou comezou a dar clase nunha universidade asociada a Cambridge situada en East Anglia onde tamén se ofrecían estudos de Formación Profesional Superior. E foi alí onde adquiriu as experiencias que o levaron a crear a Wilt. Non é unha esaxeración dicir que se trata dun dos grandes antiheroes contemporáneos da literatura popular: un home culto e intelixente aprisionado no seu traballo entre uns alumnos aos que a literatura non interesa nada e uns compañeiros entregados ás máis diversas tolemias posmodernas; un marido anulado pola fortísima personalidade de Eva Wilt —e despois, das súas catrillizas—, e, en xeral, un individuo cunha sorte desastrosa que semella sementar o caos alá por onde pasa. O humor das novelas, sobre todo das tres primeiras, as mellores da saga, baséase no choque persoal e lingüístico do inglés de a pémcoa modernidade.

Dito todo isto, é interesante facer en 2020 unha lectura crítica sobre Wilt, a súa comicidade e o que se agocha tras ela. Bardante que se recoñeza o xenio humorístico de Sharpe, as súas novelas expresan unha visión moi conservadora da sociedade británica e europea en xeral. A Sharpe non lle interesa demasiado saber cal é a orixe da violencia dos ‘chavs’ aos que Wilt dá clase, nin da fenda cultural existente entre alumnos e profesor. Calquera teoría que rache coa visión convencional do británico –consistente en esencia en ir traballar, comer mal e tomar unhas pintas no pub ao saír– recibe as feridas da súa pluma e calquera idea progresista pasa axiña ao comunismo para xerar unha visión maniquea moi propia das paranoias da Guerra Fría. E un non pode evitar pensar, cun calafrío, en que as letras que tanto o fixeron rir durante anos teñen detrás as ideas que agora afastan a un país querido coma Inglaterra da comunidade do coñecemento e a cultura.

Comentarios