Traidor á causa

Alberto Maurín /EP
Alberto Maurín /EP

WINSTON Churchill, que era moi de frases lapidarias como xa temos contado aquí mesmo, dixo aquilo de que o problema dos Balcáns era que producían historia a unha velocidade á que non podían dixerila. Algo así podemos dicir da España que mediou entre o asasinato de Cánovas en 1897 e a entrevista de Hendaia entre Franco e Hitler: a historia de España converteuse nun remuíño que levou por diante a moitos e expulsou a outros tantos.

Por iso moitas vidas daqueles tempos aparecen agora perante os nosos ollos como aventuras sen igual, incríbeis no mundo relativamente pacífico, burgués e postcapitalista do século XXI. É o caso da biografía de Joaquín Maurín, un dos principais líderes do comunismo español, acusado pola tradición soviética de traidor á causa e agora rehabilitado —total ou parcialmente, segundo se atendan os argumentos— por unha excelente biografía de Alberto Sabio, Excomunistas, publicada por Galaxia Gutenberg.

Maurín estaba en Santiago de Compostela o infame 18 de xullo de 1936. Facendo que? Non se sabe exactamente, porque as incógnitas nesta vida son moitas e, a pesar do seu esforzo, o autor, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Zaragoza, non consegue despexalas todas. Se damos por boa a súa versión, trataba de espallar nas nosas terras o pensamento do seu partido, o Poum, que para a Historia estaría vencellado nada menos que ás figuras de Andreu Nin e George Orwell. Sobreviviu grazas aos bos oficios de Uxío Carré Alvarellos, quen o refuxiou na Coruña.

Milagrosamente conseguiu retornar ao seu Aragón natal. Alí atrapárono e librou do fusilamento polos bos oficios de certos coñecidos do bando franquista.
A milagreira fuxida e o feito de que escollese para o seu exilio Estados Unidos e non México ou a Francia natal da súa dona espertaron unha lenda negra que Alberto Sabio trata de desmontar de vez: foi Maurín un axente da CIA unha vez que desertou do comunismo? Se atendemos ao autor, a resposta clara é non. Segundo o longo relato do profesor Sabio, Maurín, coa única forza do seu intelecto e a súa capacidade de traballo, foi quen de artellar unha extensa rede de contactos que se traduciu na American Literary Agency, unha axencia que vendía artigos de prensa escritos por prestixiosos intelectuais (Madariaga, Sender, o Premio Nobel guatemalteco Miguel Ángel Asturias) a xornais de toda América.

Propaganda proestadounidense

Ocorre que cando entramos no papel de Maurín na Guerra Fría Cultural toupamos contra un muro moi difícil de franquear: o da CIA, o Servizo de Intelixencia dos Estados Unidos. Xa hai anos, nestas mesmas páxinas, reseñamos o magnífico libro de Frances Stonor Sanders sobre o Congreso pola Liberdade da Cultura, un clásico no que se desvelou a existencia deste órgano de propaganda pro estadounidense que nada tiña que envexar aos órganos soviéticos equivalentes. E a el pertenceu Maurín: convencido ou pagado? 

Sabio afirma que convencido e independente, pero a sombra da dúbida permanece no lector. Por que? Sabemos que a CIA continúa a ter documentos sen desclasificar. Mesmo cando estes aparecen, pinga a pinga, non adoitan recibir moita atención na prensa ou a literatura histórica española, pois desafían certos relatos impostos. Sen esa peza do crebacabezas é difícil apoiar todos os argumentos do autor. Non obstante, isto non impide cualificar de excelente o seu libro, escrito ademais cun estilo áxil e divulgativo, obra fundamental para coñecer unha época e a un personaxe fundamental para coñecer o anarquismo, o comunismo e o exilio da República nos Estados Unidos.