Vella nova narrativa
Nada teño en contra de Begoña Caamaño, a autora escollida para as Letras Galegas de 2026, senón máis ben todo o contrario: calquera cousa que teña que ver coa materia de Bretaña, Cunqueiro e as Terras de Miranda ten o meu incondicional apoio. Dito isto, chámame a atención que a RAG ignore dende hai sete anos a quen, na miña opinión, é a carón de Carlos Casares e Xohana Torres é o mellor novelista daquilo que se deu en chamar a Nova Narrativa Galega, que non é outro que Camilo Gonsar.
Á marxe de obras coñecidas e imprescindíbeis como Cara a Times Square ou Desfeita existen outras magníficas do autor sarriano. É o caso de Lonxe de nós e dentro, que xunto con Outras páxinas vén de editar Galaxia, quen xa fixera o propio en 1961 co orixinal, obra de debut de Gonsar. Pon unha introdución moi persoal a tamén escritora Antía Yáñez, afastada neste caso do académico e achegada a unha lectura contemporánea do autor.
Lonxe de nós e dentro é un libro de relatos, xénero que Gonsar practicou en abundancia. Suponse que, se seguimos a historiografía da literatura galega, a Nova Narrativa Galega introduce modelos culturais e narrativos que xa triunfaran nas literaturas europeas e na estadounidense denantes da Segunda Guerra Mundial, nun movemento que pode compararse ao que ocorreu na literatura española nesa mesma época con Tiempo de silencio de Luis Martín-Santos: autores coma William Faulkner ou James Joyce. Ademais seguiría tamén a pegada do obxectivismo do Nouveau Roman francés.
Todas estas referencias culturais poden arrepiar ao lector casual aínda que un chisco informado, o cal sería inxusto. No caso da influencia francesa, o mesmo Gonsar negouna en diversas ocasións, como ben recolle Antía Yáñez no seu estudo previo. No caso dos autores anglosaxóns, pode apreciarse nas novelas citadas anteriormente, mais non aquí.
Á marxe dos moi curtos relatos contidos nas Outras páxinas, Lonxe de nós e dentro recolle seis relatos que son anacos de vida moi diversos, tanto en tema coma en lonxitude e fontes. Todos eles aparecen marcados por un realismo achegado ao cotián, con personaxes solitarios e mesmo achegados á unha marxinalidade á que non sabemos como chegaron, pero da que si intuímos –a causa das finais abertas, tan características da narrativa gonsariana– que non han poder saír con facilidade.
Se nos dous primeiros contos si podemos atopar un trazo típico desas innovacións da narrativa galega nos sesenta e setenta, como é o cosmopolitismo, con historias que se desenvolven en Londres e cun retrato da precariedade da emigración galega por toda Europa, o longo e terríbel Echevarría pon o foco na realidade do alcoholismo local, coa vida nos bares e o particular ritmo que impoñen os puntos suspensivos que interrompen a casa paso as palabras dun protagonista abafado pola vida.
Co que vimos de dicir, sen necesidade de entrar nas virtudes estilísticas e estruturais da obra de Gonsar ou desvelar máis do argumento dos seus contos e novelas, podemos ir á paradoxal frase que titula esta crítica: a pesar de estarmos ante unha obra de principios dos 60, vella porque está ben máis preto da lírica dun Cabanillas ca da novela dunha Antía Yáñez, en realidade atopámonos perante unha narrativa contemporánea, tan nova como podamos desexalo. Nin os problemas que se abordan, nin o xeito de tratalos e expresalos coinciden con algo fóra da moda senón co día a día de moitos e moitas de nós. Por iso debemos celebrar a Gonsar, con ou sen Letras, e tamén demandar un mellor trato editorial, na liña do que vén de facer Galaxia, para estes clásicos da Literatura Galega.