El tiempo
miércoles. 29.06.2022
El tiempo

Vieiros novos

Judith Schalansky. EP
Judith Schalansky. EP

NAMENTRES O penúltimo bestseller sobre a historia de Roma rebenta as listas de libros máis vendidos, ben acompañado por certa narrativa mediocre en canto a tema e estilo e o triste efecto da fin prematura dun escritor coma Domingo Villar –triste é ir consultar unha lista e comprobar o efecto comercial da morte traumática–, a cultura española continúa coa súa problemática relación coa narrativa internacional.

Para os que si seguimos estes asuntos e temos a fortuna de ler en varias linguas e non ter que agardar as traducións o mundo literario é aquilo que ocorre namentres esperamos que se traduzan do polaco The books of Jacob, a que se considera obra mestra da Premio Nobel Olga Tokarczuk e finalista do Booker Prize Internacional –galardón fundamental para entender como se move a novela internacional– hai unhas semanas, e do ruso En memoria da memoria de Maria Stepanova –finalista do mesmo premio, libro gabado en toda a prensa especializada e anunciado para o outono en España por Acantilado–. Por se lles interesa, España non pinta moito e do español interesan Samantha Schweblin, Mariana Enríquez ou Claudia Piñeiro. Se non as coñecen é porque non andan metidas en operacións publicitarias en Europa: ocúpanse en escribir moi bos libros, máis ben.

Por fortuna algúns selos, como Anagrama ou Acantilado, si se preocupan polas tendencias novidosas da novela internacional e sacian a sede dos lectores que as demandan. Así, Acantilado puxo nas mans dos lectores españois Inventario de algunas cosas perdidas, tamén nomeada no citado Booker Prize, obra dunha escritora nova e alemá, Judith Schalansky, quen xa aparecera con forza no panorama novelesco con Atlas de islas remotas, publicada cando apenas superaba os trinta anos e traducida a máis de vinte linguas.

Namentres en España –e tamén en boa parte na Galiza– seguimos perdidos nas fragas da novela negra ou, peor aínda, na autoficción e os seus camiños, noutros lugares experimentan con éxito por vieiros novos. Por exemplo, as fronteiras entre a novela e o ensaio, que precisamente teñen o seu precedente máis senlleiro en Jorge Luis Borges, sen quen non podemos entender pezas como as que forman o libro de Schalansky.

A lectura deixa pouso no estilístico pola concreción da autora, cun estilo cheo de precisión, contido nos substantivos e nos adxectivos

A proposta é simple no seu concepto. A xa longa historia da humanidade, e tamén a historia de cada un de nós, está chea de cousas esquecidas ou destruídas. O esquecemento pode ser un proceso voluntario ou forzado pola bioloxía, namentres que a destrución case que sempre está relacionada coa violencia ou o desleixo. Pero, ao cabo, é difícil que algo caia nun completo esquecemento ou quede destruído totalmente: case que sempre quedan restos, faíscas, pequenos trazos do que unha vez existiu.

Tirando deses pequenos fíos constrúe Schalansky doce relatos breves separados por unhas páxinas negras de cuxa función non lle quedan moitas dúbidas ao lector. Pasan ante os nosos ollos animais extinguidos, os libros de Mani que os seus inimigos destruíron –en non poucas ocasións– coa carraxe do converso, paisaxes xermanas ou vivencias de personaxes que un tende a identificar coa autora –pois nin aquí conseguimos librarnos do incómodo peso da ficción personalizada–.

A lectura deixa pouso no estilístico pola concreción da autora, cun estilo cheo de precisión, contido nos substantivos e nos adxectivos, e hábil no narrativo, sobre todo nos finais abertos, moi acaídos para historias truncadas de seu. E tamén deixa pegada no pensamento por espertar a reflexión sobre aquilo que persoas e sociedades destrúen, posto que detrás deses procesos hai o que outro autor que pasou polos Booker, o angolano Agualusa, definiu con verbas mestras: unha teoría xeral –e literaria– do esquecemento.

Vieiros novos
Comentarios