jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Xadrez

A fotografía viralizouse hai uns días. En primeiro plano aparece o ministro de Universidades, Manuel Castells, despeiteado, cunha camiseta reivindicativa e americana; nun plano superior, con sorriso de desprezo e escarnio, Rafael Hernando, coñecido voceiro do Partido Popular na anterior lexislatura
Bobby Ficsher in an Iceland hotel room in 1972
Bobby Ficsher

A  FOTO NON se tirou nin se difundiu a traizón senón que foi un dos seus protagonistas, Hernando, quen a difundiu para facer mofa do ministro polo seu desleixo, que contrastaba coa elegancia do político rival.

Ocorre que Manuel Castells é doutor honoris causa por máis de vinte universidades, un dos poucos españois considerado unha autoridade mundial no seu campo de investigación —relacións entre comunicación e poder— e un profesor de prestixio internacional enorme. Pola súa banda, Rafael Hernando é un político ao que non se lle coñece oficio fóra da política aínda que oficialmente sexa licenciado en Dereito.

A fotografía ten unha lectura política que non nos interesa. A que si interesa ten que ver co humano: é un exemplo perfecto da incomprensión que se produce moi decote entre os xenios e as persoas de intelixencia media. Quizais por iso non hai deportistas máis incomprendidos cós grandes xogadores de xadrez, habitantes seculares dun Olimpo intelectual aos que moi poucos teñen acceso e asemade señores —e algunha señora— coma vostede e coma min, con dúas pernas, dous brazos e unha cachola, zarandeados cando toca polos ventos da historia. A eles dedica o xornalista Jorge Benítez Nieve negra, axeitadamente subtitulado Dioses, héroes y bastardos del ajedrez.

O mellor que lle pode pasar a un libro de xadrez de cara ao grande público é que non fale do xogo


Os libros de xadrez adoito son manuais longos, aburridos e moi especializados. Mesmo cando os escribe Miguel Illescas, Gran Mestre e docente con capacidade para o entretemento. O mellor que lle pode pasar a un libro de xadrez de cara ao grande público é que non fale do xogo, porque xa saben, os profanos non podemos acceder a eses misterios. E para ler Nieve negra, dende logo, non fai falla saber do xogo senón ter curiosidade —o grande motor do intelecto—.

Por riba de todo curiosidade histórica para repasar as tres categorías nas que o autor divide os xogadores. Entre os deuses, chaman a atención dúas figuras impoñentes e simbólicas: o cubano José Raúl Capablanca e o estadounidense Bobby Fischer. O primeiro chegou ao grado máximo da frivolidade: perder un campionato do mundo por andar de esmorga. O asunto ocorreu en Bos Aires e polo medio andou unha vedette vitoriana, Gloria Guzmán; que, vistas as fotografías, xustificaba a distracción de Capa. Polas particulares normas deste deporte e polos convulsos tempos das Guerras Mundiais o cubano non puido volver a competir polo Mundial.

Capítulo aparte merece, en todos aspectos, o único campión estadounidense, Bobby Fischer. Como di o título dun famoso libros sobre o mundo dos escaques, Bobby Fischer foi á guerra, non a xogar contra Boris Spassky en Islandia. Tratábase, e non é unha esaxeración, da loita dun home contra un imperio. Ben é verdade que era alguén extraordinario: noutra das historias do libro conta Benítez como nos cuartos de final do Torneo de Candidatos Fischer esnaquizou a Taimanov por 6-0 para convertelo nun paria na URSS… e case que cincuenta anos despois ninguén logrou gañar unha eliminatoria directa por máis de catro puntos sequera. Para os soviéticos vencer era cuestión de estado e puxeron detrás de Spassky toda a maquinaria e toda a presión. Perdeu. En realidade os dous perderon, xa que Fischer se converteu nun individuo desequilibrado que nin sequera defendeu o seu título, comezou a percorrer o mundo facendo comentarios antisemitas —era xudeu—, desafiou a legalidade estadounidense ao xogar na Iugoslavia en guerra e non rematou no cárcere grazas á xenerosidade de Islandia, país que lle deu asilo político e tranquilidade para resolver nos seus últimos anos os seus evidentes problemas mentais.

Era un covarde no taboleiro e fóra del: amigo do xenocida nazi Hans Frank, anos despois atopáronse os papeis nos que denunciaba a xogadores xudeus coma Akiba Rubinstein ou Emmanuel Lasker


Pode haber malvados nun xogo de cabaleiros coma o xadrez? Pode, xa dixemos que os xadrecistas son ás veces demasiado humanos. Pénsese no caso de Aleksandr Alekhine. Atrapado pola Primeira Guerra Mundial e o réxime comunista, dedicou trece anos en exclusiva a estudar a Capablanca… e aínda así precisou as festas do cubano para gañarlle. Unha vez campión, negoulle a revancha miserabelmente. Era un covarde no taboleiro e fóra del: amigo do xenocida nazi Hans Frank, anos despois atopáronse os papeis nos que denunciaba a xogadores xudeus coma Akiba Rubinstein ou Emmanuel Lasker. Atopou a morte como campión vixente nun restaurante de Estoril, dun xeito absurdo: afogou cun anaco de carne sen que ninguén se decatase.

Os outros malvados da historia do xadrez son os soviéticos. Así, en colectivo e sen demasiadas distincións. Unha rápida ollada á lista de campións da posguerra explica o asunto: Botvinnik, Petrosian, Tal, Spassky, Karpov, Kasparov... e isto deixa fóra a finalistas ou semifinalistas do Torneo de Candidatos. Pódese afirmar sen dúbidas que o campionato nacional da URSS foi a competición nacional máis difícil de vencer en calquera deporte durante décadas. Era isto intrinsecamente malo? En realidade, non. O mesmo Benítez cae no tópico cando fala de Botvinnik e o seu "corazón de silicio": os soviéticos foron os pais da analítica e o algoritmo aplicados ao deporte. Cousas das visións románticas da competición. O mal non estaba a idea senón na ética e as consignas do Comité Central: durante décadas os xogadores soviéticos amañaron os torneos de clasificación pactando táboas ou deixándose gañar polo xadrecista designado polas autoridades para conservar a hexemonía.

Moshe desembarcou na Arxentina en agosto de 1939 para disputar a Olimpiada de Xadrez. Nunca volveu á súa casa

A mente dos mestres do xadrez, como a de calquera de nós, tamén ten os seus currunchos escuros, algo que queda claro co retrato de Akiba Rubinstein, o patrón dos reis afogados. Xudeu, polaco e pobre, estaba no intre equivocado no lugar equivocado: pola profesionalización do xadrez e o nacemento das bolsas para os participantes, nunca lle puido disputar o mundial a Lasker ou Alekhine. Despois sucumbiu a graves problemas psiquiátricos: sobreviviu ao Holocausto, segundo contou Miguel Najdorf, porque, cando un oficial nazi lle dixo que ían a Auschwitz, Rubinstein se ergueu, colleu o gabán e díxolle que estaba ben, que lle ía encantar traballar alí.

Se alguén merece pechar este pequeno relato é precisamente Najdorf, que en realidade non se chamaba Miguel senón Moshe e que non era arxentino, bandeira baixo a que figura en todas as competicións; senón polaco de Grodzisk e xudeu. Nunha peripecia similar á do seu lendario compatriota, o escritor Witold Gombrowicz, Moshe desembarcou na Arxentina en agosto de 1939 para disputar a Olimpiada de Xadrez. Nunca volveu á súa casa e endexamais volveu ver ninguén do seu sangue: nas cámaras de gas remataron muller, filla, pais e irmáns.

Para el zoaban os ventos da historia… pero a mente e o xadrez viñeron ao rescate. Só, sen cartos, ignorante da cultura e idioma dun país descoñecido, sobreviviu ao principio mercando produtos no barrio xudeu bonaerense e revendéndoos uns poucos quilómetros máis lonxe. Pero para saber algo dos seus e conseguir un emprego mellor precisaba algo que o fixese famoso… e usou o seu mestrado no xadrez: bateu en Rosario en 1943 o récord mundial de simultáneas a cegas e aumentouno en Brasil en 1947.Durante 24 horas seguidas disputou 45 partidas ao tempo sen ver nin o taboleiro nin aos rivais, o que supuxo memorizar unhas 1.800 xogadas. Famoso xa, atopou a mesma ocupación ca outro xudeu famoso, Franz Kafka: vendedor de seguros.

Non foi un mal destino. O xogador español máis famoso durante décadas, Arturo Pomar, gañou a vida como carteiro; Mequinho, o brasileiro máis coñecido, retirouse por enfermidade e dedicouse á relixión. Algo así é impensábel agora mesmo, cando xogadores coma Judit Polgar, referente do deporte feminino mundial, puideron tomar o camiño da retirada relativamente novos e dedicarse a espallar os beneficios do xogo por todo o mundo, con especial atención á infancia e á educación.

Xadrez
Comentarios