lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Xapón e as novas xeracións

Ván de saír en catalán, por iso non llelo imos traer aínda por esta sección, certo libro sobre o que se coñece como tapón xeracional: o feito de que en España todo aquel nado despois de 1975 ten serios atrancos para desenvolver un proxecto de vida convencional porque o sistema está esencialmente deseñado para favorecer aos grupos de idade máis vellos, que non ceden as súas parcelas de poder a pesares de non ser xa as xeracións máis preparadas.

En perspectiva isto resulta aínda máis dramático para a rapazada das xeracións Zeta e Alpha —así chamadas provisoriomente, aínda que case que podiamos bautizalos coma Os Nenos das Crises— ca para os millennials porque están a medrar nun mundo máis amplo e aberto. O ano pasado, por exemplo, coñecín a Marta, que en plena adolescencia xa sabe as súas cousiñas de xaponés e coreano e aspira a traballar na industria do pop coreano. Coa súa idade eu pasaba o día cantando "Dónde vas cabrón/ dónde te has metío".

O mercado editorial está a responder a estes intereses relativamente novos con obras valiosas, paradoxalmente moitas delas escritas por autores que tiveron que marchar fóra da Galiza —ou de España, para o caso— para desenvolver a súa vocación. É o caso de Andrés Pérez Riobó e Gonzalo San Emeterio, dous historiadores galegos e do 80 que marcharon doutorarse ao Xapón e agora regalan ao público Japón en su historia, sen lugar a dúbidas o mellor libro sobre a cuestión escrito no século XXI en España.

Edita Satori, selo de Xixón especializado no país nipón, e merece algo máis ca unha mención de pasada. Ademais de terse esforzado tempo atrás con publicacións de autores fundamentais coma Akutagawa, Satori edita con verdadeiro amor pola experiencia de lectura. A feitura deste libro, cheo de material gráfico de todo tipo e en especial de magníficas fotografías e cunha maquetación de grande complexidade, é espectacular.

A proba do algodón en obras como esta atópase na capacidade de síntese dos autores. Xapón ten unha historia secular, que nas obras de referencia precisa seis ou sete tomos para contarse. Pérez e San Emeterio contan cun só volume e non moi groso... e saen triunfadores, grazas tamén a un estilo fluído e a unha grande capacidade para dar contexto en poucas verbas ou frases a datos complexos en ocasións.

Se algunha tacha lle temos que poñer ao libro un certo desequilibrio estrutural, do que sen dúbida os autores e o editor son conscientes. Ninguén que saiba un mínimo da historia xaponesa pode negar a importancia da Idade Clásica e o período do shogunato... pero o xigante asiático non é distinto doutras nacións: a velocidade da Historia, con maiúsculas, acelerouse alí dende a década de 1850, coa chegada dos buques estadounidenses do Comodoro Perry. A moitos lectores, tamén a un servidor, quizais lles prestase unha parte dedicada ao século XX máis ampla ou mesmo un volume específico a partir do emperador Meiji.

Poderase obxectar a isto que estamos perante unha introdución global e é certo. De feito isto pode ser unha febleza cara a certos públicos. Decote as persoas que se senten atraídas polos moitos aspectos da cultura xaponesa afondan axiña no coñecemento dela e da súa historia, polo que quizais un libro coma este non lles ofreza demasiada información orixinal e prefiran outras alternativas. Porén, quen queira dar os primeiros pasos terá onde facer pé e recibirá ademais, nos anexos que pechan o volume, pistas para continuar as súas pescudas en obras máis específicas, tanto en xaponés coma en inglés.

Xapón e as novas xeracións
Comentarios