Opinión

Aposta polo futuro de Alcoa

As novas medidas propostas polo Goberno para abaratar os custos eléctricos xa non garanten a súa viabilidade

A POLÍTICA equivocada de Pedro Sánchez, tamén no eido das industrias electrointensivas, obrigou ao peche, hai uns meses, das factorías de Alcoa en A Coruña e Avilés e agora pon na corda frouxa á de San Cibrao, a única que permanece activa en España.

No Partido Popular estamos preocupados polo futuro de Alcoa-San Cibrao, unha das empresas que se erixe como motor económico non só da Mariña, senón de toda a provincia. Están en xogo 2.000 postos de traballo directos e indirectos e a economía dunhas 6.000 familias depende deste complexo.

As novas medidas propostas polo Goberno para abaratar os custos eléctricos xa non garanten a súa viabilidade. O Estatuto do Consumidor Electrointensivo que pretende aplicar o Executivo socialista non establece un marco estable e competitivo que ofreza a estas empresas as mesmas condicións que no resto de Europa. Dende o Partido Popular imos pelexar para que a ineficacia e a desidia de Sánchez non destrúan o futuro de miles de familias da provincia.

Pedímoslle ao Goberno que rectifique, que mire cara outros países como Alemaña e Francia, que xa implementaron medidas fiscais e lexislativas, como a rebaixa sobre as peaxes ou compensacións polos custos derivados das emisións de CO 2. E se non quere mirar cara outros países veciños, pedímoslle que bote a vista atrás e copie as decisións adoptadas polo Goberno de Rajoy, que no seu momento introduciu no orzamento unha partida de 150 millóns de euros que lle permitía a estas empresas compensar a suba do prezo da enerxía.

Nin a factoría nin os traballadores están de acordo coa proposta do Goberno. Parece que a Pedro Sánchez non lle importa actuar de costas a eles, todo o contrario do que fixo o Partido Popular cando estivo no Goberno. Foi o propio Mariano Rajoy o que se reuniu en Nova York co máximo responsable de Alcoa, co obxectivo de garantir o futuro da compañía e dos milleiros de traballadores que dependen dela.

Diante da pasividade de Sánchez, coa conivencia do PSOE galego, só un cambio de rumbo o vindeiro 28 de abril permitirá garantir o futuro de Alcoa en San Cibrao. Precisamos un Goberno serio que se preocupe por España e non poña en risco a estabilidade económica que tanto nos custou recuperar.

Comentarios