Opinión

Compromiso coa igualdade

O uso partidista da loita pola igualdade real non é o camiño axeitado para conseguir un mundo sen discriminacións

ESTE 8 DE MARZO supuxo a continuación do estalido reivindicativo iniciado un ano antes. As mulleres volveron a saír á rúa para reclamar igualdade de dereitos e de oportunidades. É unha reclamación xusta á que dende o PP nos sumamos sen fisuras.

O problema do 8-M son as mensaxes radicais e antisistema que algúns sectores disfrazan de feminismo. O uso partidista da loita pola igualdade real non é o camiño axeitado para conseguir un mundo sen discriminacións. O verdadeiro apoio á igualdade efectiva entre homes e mulleres basease no traballo diario de todas as administracións e non na protesta dun día tralas pancartas.

O compromiso coa igualdade real non é patrimonio duns poucos. Esta causa, coma todas as grandes causas, é responsabilidade de toda a sociedade e demanda o noso compromiso diario en forma de medidas eficaces que consigan crear un mundo mellor.

O PSOE de Sánchez volveu a situarse este 8 de marzo como grande defensor da igualdade e iso que o seu Goberno deixa tras de si un triste récord: desde que chegaron á Moncloa 2 de cada 3 parados son mulleres. Pola contra, cando gobernaba o Partido Popular a metade das mulleres que abandonaban o paro na zona euro facíano en España e o emprego feminino situábase en máximos con 8,8 millóns de mulleres traballando.

Dende o PP cremos que o emprego é a mellor ferramenta para o fomento da igualdade. Nos últimos dous anos de Goberno do PP a brecha salarial reduciuse un 13% situándose por debaixo da media europea. Ninguén debería poñer en dúbida que se un home e unha muller traballan no mesmo teñen que cobrar o mesmo.

O PP amosa a súa implicación na loita pola igualdade efectiva con feitos. Foi un goberno popular o que puxo en marcha en 1998 o primeiro plan de acción contra a violencia doméstica (denominación que tiña nese momento). Tamén foron gobernos do PP os que aprobaron en 2003 a Lei reguladora da orde de protección das vítimas de violencia e en 2017 o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O uso partidista e electoralista da igualdade non é camiño. Só coa implicación de toda a sociedade e todas as administración, todos xuntos, homes e mulleres, sen ideoloxías nin partidos, conseguiremos romper coas desigualdades e construír unha sociedade libre e equitativa.

Comentarios