Opinión

Cando a lei segrega

UN GOBERNO foi impoñendo ao longo de varios anos, os últimos en minoría, a súa particular cosmovisión educativa á sociedade enteira. Unha sociedade complexa, diversa, plural, calidoscopio de razas, orixes, economías, linguas, relixións. Que unha lei educativa caduca e segregadora tenta vestir co mesmo uniforme, que non é o do ben común.

O pretexto da crise, que apostou polo negocio privado, encheu de cadáveres as cunetas da desigualdade, da pobreza laboral e de angustia de millóns de pensionistas. Servíu para facer brutais recortes de 6.500 millóns de euros na martirizada escola pública mentres a concertada sorteaba a crise e recibe hoxe 160 millóns máis.

O castigo da pública non remata aí. Ata 26.000 postos de profesores foron eliminados. E a que naceu para ser escola complementaria do público, agora medra sobre os seus cascallos. Iso si, apelando ao realismo fronte ás fantasías e o sectarismo dos adversarios. Penalizar o público éche un atentado contra un dos piares básicos dunha sociedade democrática que sempre ten que estar ao lado do ben común.

A maioría conservadora do Constitucional, nada menos, ponse do lado dos centros, sobre todo relixiosos, para que sigan financiando con cartos públicos idearios privados: os nenos cos nenos, as rapazas coas rapazas, din os togados, falando de "potencialidades propias de cada sexo". Pero... non quedáramos en que esas diferencias eran só culturais? En que algo tan caduco non pode ser subvencionado con fondos públicos?

A educación é coeducación. Toda socialización empeza nas idades tempranas, educativamente as máis relevantes. E a escola éche o mellor escenario para aprender a vivir convivindo. Xustamente aí hai que apostar pola igualdade, xamais pola segregación. Agora do sexo. E despois por nivel social, relixión, raza, lingua, cor da pel? Todo resulta así de raro, con togas ou sen elas.

Que vantaxes pedagóxicas poden atopar os xuíces, que non son pedagogos, nun modelo separador? Aprender con ritmos diferentes non é un freo senón algo enriquecedor. O empobrecedor é apostar pola desigualdade. O voto particular dun maxistrado sinala con acerto que "a educación diferenciada por razón de sexo nega o papel da escola como espazo por excelencia da socialización e convivencia en igualdade... e contribúe a perpetuar estereotipos sexistas".

A Lomce é unha lei caduca, cuestionada e non consensuada. Non está ao servizo do ben común. É para chorar que blindara a clase de relixión para acabar visualizando que os valores evanxélicos son máis nidios nas escolas públicas dos arrabaldes máis duros e do rural abandonado. E que cada euro que subvenciona os privilexios e a segregación éche un disparo na liña de flotación do ben común. O que a sociedade une ningunha lei pode segregar.

Comentarios