miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Cando votan os algoritmos

É PALABRA TAN recente que aínda non está na linguaxe común. E iso que inflúe poderosamente nas altas decisións políticas e nos camiños das sociedades.

Lemos que algoritmo éche conxunto ordenado de pasos que poden utilizarse para facer cálculos, resolver problemas ou tomar decisións. Bots, motores de busca, algoritmos. As novas tecnoloxías moven o mundo que se paralizaría sen elas. Tamén dan un pouco de medo porque as democracias están indefensas diante delas. Cando a intelixencia artificial imponse ás intelixencias individuais e decide por elas.

Aínda que a sospeita sexa excesiva, fálase de que axudaron a aupar a un tipo pouco recomendable ata o trono do mundo. Moito se ten escrito que foron algoritmos e motores de busca os que inflaron interesadamente a crise catalana. Ata se sospeita de quen moveu os fíos neste 'tinglado da tecnolóxica farsa'.

Por iso volve a reclamarse ao xornalismo como garante das libertades. Porque sen el non hai democracia. Que xogue a cara descuberta e non no lado escuro donde ás veces se moven bots, algoritmos, motores de busca. Pero, ai, daquel xornalismo sen cinismo de Kapuscinski de ir, ver e contar a verdade queda pouco desde que os euros e non os xornalistas controlan a grupos de comunicación máis atentos ao negocio que á verdade.

Pululan as fake news, palabra do ano. Nadie investiga, dimite ou pide desculpas por publicar noticias falsas, son arma de destrución masiva da verdade. E moi baratas. Móvense á velocidade da luz no far west das redes sociais. Chegan moi lonxe e ocupan moito espazo no mundo virtual e real, mentres que os desmentidos son lentos e nunca chegan lonxe. As fake news son cabalos de Troia dentro das murallas permeables das democracias. A saber onde nacen, se na Rusia do eterno Putin ou na embaixada onde se aburre Assange. Pero o poder é tan grande, os diñeiros tantos e a tentación tan irresistible que resulta inimaxinable que non acaben tentando alí onde haxa un Silicon Valley.

A sementeira interesada de noticias falsas vén de lonxe. Recordemos o episodio da Eneida que narra os amores do heroe coa ninfa. E de como os rumores empezan a rodar e a engordar rodando. As fake news empezan quen sabe onde, engordan rodando polas redes e constrúen realidades paralelas que podrecen a convivencia.

Hai poderes escuros interesados en socavar as democracias e as sociedades libres, mesmo este illote de democracia e libertades que é a UE. Divulgan historias falsas, sementan discordias, entrométense nas elecións, avivan os rescaldos do odio ata facer sospeitar que son os algoritmos os que votan. Os ciberataques poñen en perigo ás institucións. Os motores de busca teñen o seu propio combustible que non é precisamente a vontade libre e informada dos votantes senón os algoritmos.

Cando votan os algoritmos
Comentarios