Opinión

Estrelas Michelín na árbore de Nadal

HAI UNHA relación incomprensible entre o aumento da fame e da a obesidade no mundo e o diluvio universal de concursos de cociña e masterchefs nas televisións. Nestas datas de bebidas excesivas e caras e comidas caras e copiosas, a árbore de Nadal énchese de estrelas Michelín.

Nas mans, a revista que regalan co xornal: 212 páxinas, sen contar as moi coloreadas e atraíntes portada e contraportada. Unha publirreportaxe para consumir Nadal. Ata se titula Extra Navidad.

Quitas os artigos necesarios onde opinan os que teñen algo que dicir e saben como facelo, a reportaxe dalgún lugar exótico e irreal... e pouco máis. A tristeza do consumismo. Un arquipélago de purpurina nun océano de necesidade. Un bazar de luxos ao alcance de poucos. Viños que sempre beben os mesmos. Lugares exclusivos que visitan unha e outra vez os de sempre. Reloxios. Cousiñas vedadas á inmensa maioría, porque a riqueza sempre é independentista. Onde vai que os máis ricos impuxeron o seu dereito a decidir: non viven, nin comen, nin traballan, nin se divirten, nin van de vacacións alí onde come, estuda, viaxa… etc, a xentiña do común. En Nadal o divorcio que separa a ricos e pobres é máis visible.

A casualidade malintencionada abre a revista pola páxina de Tratamientos para mimarse, un hidratante con aceite de Abisinia, 418,80 euros: o que gaña un abisinio ao ano. Como se fora un diagrama de Venn, hai mundos veciños que xamais se tocan. Hai un mundo rico que non permite que lle toquen nin tanxencialmente os outros mundos. Non interseccionan con el. Veciños no mesmo planeta habitan galaxias afastadas.

A volta ao mundo que imaxinou Jules Verne en 80 días, pódese dar nas 212 páxinas onde se fan visibles as feridas no mapa, os valados que separan. Ás veces, habitantes doutros mundos cólanse no que describe o Extra Navidad e cren ter chegado ao paraíso. Pronto descobren que o ceo tamén ten cloacas.

Ningunha estrela Michelín colga da súa árbore de Nadal. Os whiskys caros, o xamón ibérico, os perfumes exclusivos non están ao seu alcance. Non se pode chegar en patera aos paraísos artificiais que ofrece: vivirán nos sumidoiros do primeiro mundo. Contemplan a mesa de Nadal ben servida pero non poden sentar nela. Nin poñerse o tratamento antiidade de 164 euros, ou a máscara facial con activos extraídos de algas de 258 euros. Nin viaxar ás Maldivas, nos antípodas do mesmo mundo.

Hai festas así: teñen tanta luz que iluminan a outra cara da moeda. Hai muros que separan os produtos de luxo do pan noso de cada día. Hai muros onde uns poucos metros están afastados por éxodos de centos de quilómetros. Está o mundo das 212 páxinas de papel cuxé. E os outros mundos, onde non escintilan estrelas Michelín na árbore de Nadal.

Comentarios