Opinión

Incendios provocados nas redes

ARDEN AS redes. Trending topics. Boicot a un cineasta, a unha revista satírica. Ou eses Pásalo!. Un caudal inexgotable de opinións, fotos, memes. Pululan os haters. O insulto é rápido e audaz, e as ofensas chegan a acobardar as ideas. Aos comisarios políticos da democracia encántalles falar en nome do pobo e usar a primeira persona do plural. No far west das redes corren ventos de liberdade e abondan árbores do aforcado. Nalgunhas escolas en USA prohibiron Huckelberry Finn ou Matar un ruiseñor, cantos á tolerancia. Arden las redes sociales: o libro de Soto Ivars evoca mar groxa máis que navegación apacible.

Ao silencio sucede o ruído. Ao trazo fino das ideas, a brocha gorda dos berros, o ferver da indignación. Na xigantesca feira menudean babecos. Forzas escuras e interesadas fan perigar as democracias e moven nas sombras os fíos das eleccións.

Múltiples voces únense en mandas desapiadadas como forma de control social. O problema é cando os bandos se transforman en bandas e marcan aos disidentes co ferro das etiquetas de machista, nazi, radical, fascista. E como en toda guerra hai vencedores e perdedores: os escándalos inflan as visitas.

A corrección política obriga a pensar con pés de la. Cada bando impón liñas vermellas que xibarizan a libertade de expresión dos outros. E exerce unha vixiancia nas redes máis intensa que a dos grises funcionarios das ditaduras.

Os faiados da memoria das redes son unha mina gorentosa para asesores dos vellos partidos hexemónicos ameazados por xente nova en partidos novos, ilusionados pero despreocupados polo pasado. A máquina de fango descrita por Umberto Eco funciona a pleno rendemento. Campo de batalla de gnomos, trolls, haters. Tuiteros dictan sentencia e comparten titulares escandalosos sen comprobar a veracidade da noticia. O anonimato envalentona e lanza ás redes a rabia represada nos adentros. Circulan a mesma velocidade noticias, verdades e posverdades, fakes. O ollo do Gran Irmán vixía. O ambiente de sospeita multiplícase nos grupos de presión. A libertade de expresión ten dúas caras, a verdade amable e o linchamento dixital. Agora a censura non vén do poder: dispara desde o lado en mans de miles de anónimos censores. Ábrese paso de xeito sibilino non por prohibición, senón por inundación. Ao final o medo alimenta a autocensura: mellor caladiños e non complicar a vida.

O que se afasta da ortodoxia pode ser obxecto de cacería mediática. Vivimos nunha sociedade artificialmente rachada polo que as redes pretendían unir: unha incivil guerra civil onde vai desaparecendo o único necesario para convivir: a tolerancia. Ou para facer política: o consenso. Sen elas, só queda verquer queroseno. E incendiar as redes.

Comentarios