jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

O ano da peste

En 1772 Daniel Defoe, coñecido polas Aventuras de Robinson Crusoe, escribe Diario del año de la peste. Describe a epidemia de peste bubónica que asolou Londres entre 1764 e 1766. E algo que se repite na historia cando petan traxedias xigantes, a saber: comportamentos heroicos e comportamentos mesquiños, ao fin, comportamentos humanos. Xente que coida dos outros. Que defende coa vida a saúde de todos. Tamén pais que abandonaron aos fillos. Xente rica e cobizosa, máis cerca do ouro que da humanidade, foxe e espalla a epidemia.

O de Defoe éche relato novelado, dramático e sobrecolledor onde anota con precisión matemática o avance da epidemia, os mortos semanais. Recorda o destes días: titulares morbosos recontando infectados.

Con motivo da ondada máis letal da peste negra que asolou e baldeirou Europa en 1348, Boccacio escribe o Decameron. Cunha descrición inicial do episodio de peste ocurrido en Florencia. Hoxe non sería a mellor idea fuxir para refuxiarse xuntos nunha vila abandonada durante dez días contando contos. É o que fan hoxe bobos insolidarios: escapan das capitais e poñen en perigo a envellecida poboación da España Baldeira.

Máis cercana á nosa sensibilidade é La peste, de Albert Camus, no Orán alxeriano. Epidemia imposible no século XX. Peche da cidade, intentos de fuxida. As limitacións impostas á poboación eran unha alegoría das ditaduras da primeira metade do século XX. Episodios de abnegación e egoísmo. A culpa e a dor dos inocentes. Relato de empatía e civismo, modelo para esta pandemia de coronavirus e medos. Ao fin, historia de amizade. Con seguridade un dos cumios da literatura universal.

Pero hai outra cara da pandemia. Porque os satélites mostran o milagre ecolóxico en China, fábrica do mundo: drástica redución de contaminación que mata máis, máis rápido e con máis persistencia que o inédito Covid-19.

Este tempo de corentena imposta asisadamente polas autoridades, da oportunidades ao silencio, a vida máis pausada, a remoer as ideas neste ecosistema de ruído.

Percatámonos agora da inmensa conquista social da sanidade pública, eficaz e universal, enfrontada á pandemia do coronavirus. E tamén ao virus da cobiza humana que tentou e tenta converter este vital servizo público en negocio privado, distopía dunha sanidade para ricos e lazareto para pobres.

Agora temos claro que o mellor modelo económico non é o que condena a medrar sempre. O planeta agradece o freo á depredación de recursos naturais e a atolada carreira cara á desigualdade.

E si, tamén estes días podemos reler Diario del año de la peste de Daniel Defoe. O Decamerón de Boccacio. E a estremecedora novela La peste, de Albert Camus. Mentres confiamos que outra pandemia non esperte os seus virus contra unha civilización cega e deshumanizada.

O ano da peste
Comentarios