viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Os libros non se comen

"LEER ES de maricas", na pintada. Desprezo aos libros sen malgastar neuronas. En tempos de brocha gorda os que odian a letra impresa din que coa cultura non se come. De sempre o poder mostrou os cairos contra todo o que abre as ventás ao coñecemento. Despois de pagar o solto dos cristais rotos da brutalidade e o miúdo da falta de educación, a ignorancia sempre foi cómoda para o poder. Contra os parvos non hai que afiar argumentos.

Libros, escola, cultura teñen como primeira e sagrada obriga formar cidadáns e non enmarcar másteres e diplomas. E dentro dos libros, convén retomar os clásicos que permanecen, modelos máis aló das modas. Axudan a vivir lonxe das présas e do utilitarismo.

Corren os anos tempo abaixo, medran portentosamente as ferramentas do coñecemento pero disminúe a cultura. Quen le a Homero, a Camus, a Cervantes, a Castelao, a Borges? Pouquiño a pouco foron abandonando os lugares de honra nas casas. O diñeiro ten moita présa pero a lectura precisa tempos lentos. Outra vez confundimos valor e prezo nun mundo de necios. Serve se vale cartos, se da diñeiro. A paixón pola cultura apágase entre o balbordo do ruído, os cartos, as présas. E sen embargo, segue a haber profesoras, mestres que inoculan nos alumnos o virus do saber, febre de cultura, paixón polos libros. Espertan a curiosidade, sopran nos rescaldos ata que o lume aviva a creatividade dos alumnos.

Máis aló do resultado, importa o proceso. A viaxe a Ítaca, de Kavafis: o importante non é chegar senón o camiño. A meta pode ser o diploma, o aprobado, o diñeiro. Os avatares da viaxe do coñecemento educan e forman, excitan a fantasía e cultivan a imaxinación. Son os que nos visten co traxe humano do suor, dos gozos e dos traballos. Os que invitan a abrir a caixa de Pandora e deixar ceibos os ventos da música, a poesía, arte e literatura, a filosofía e o pensamento. Eses ventos moven o mundo e empurran a historia.

A inversión que produce máis dividendos é a educación, a cultura porque están na base de toda idea de xustiza, de tolerancia, respecto ao outro, solidariedade, valores humanos, rexeitamento da trampa da corrupción. Todo o que entendemos como ben común está máis aló da cobiza humana nun mundo sombrío.

A cultura fainos libres e non é o camiño para acumular riquezas. Na escola, na biblioteca, nos libros apréndese que o coñecemento non se atesoura: medra cando se comparte, construción colectiva que beneficia a todos. A beleza, a cultura, os coñecementos hai que conquistalos cada día con sangue, suor e bágoas. E son os libros, tamén os clásicos, os que constrúen unha sociedade mellor. Aínda que se lles considere algo inútil na formación das cidadás, dos cidadáns. Os libros olen ben pero graciñas aos deuses, non se comen.

Os libros non se comen
Comentarios