Lugares para vivir
Despois de anunciar os gañadores dos XXXVII premios Loewe o pasado mes de outubro, as obras victoriosas acaban de chegar aos estantes das librarías. Ambos textos apostan pola progresión, así que esixen a quen lea máis cantidade do seu tempo para recibir o ouro. O resultado é unha experiencia na que o espiritual e metafísico compleméntase co urbano e fractal, a experiencia máis contemporánea e global. O platonismo máis próximo a nós.
Javier Velaza é un poeta de bibliografía escueta, pero cun nome asentado nas letras españolas desde unha década ata hoxe. Agora figura como o presente laureado co XXXVII Premio Loewe con Las ignorancias, unha obra máis aló do linde dun poemario. Este libro establécese como un tratado en verso sobre a posibilidade de non ser, de non ser capaz nin de existir e, no último caso, da incapacidad para saber. Continuando coas tres sentencias de Gorgias, Velaza establece que o único posible para o ser humano é vivir na ignorancia.
Este autor navarro é un investigador consolidado no campo da Filoloxía clásica e, en especial, nas epigrafías romanas e antigas. Pode presumir de ter figurado no equipo de tradución e interpretación da Man de Irulegi, atopada en 2021 e datada do século I a.C. A mensaxe de dita reliquia permanece incorrupta por estar escrita nunha lingua descoñecida.
En Las ignorancias, Velaza propón un tránsito luminoso para comprender a grandeza do cotián, non como a sublimación da vida rutinaria senón como a existencia de milagres para cada un de nós. "Nada existe. E se algo existise, sería incognoscible. E se algo existise e fose cognoscible, sería incomunicable", son as palabras de Gorgias que atravesan este poemario.
Deste modo, o autor anima a superar o pesimismo inicial de que nada existe pensando en que iso é así polo fugaz do presente. Vivimos no tránsito do futuro ao pasado e da experiencia do inmediato e no medio, nada existe. En certo modo, o pulso trascendental de Whitman latexa nestas páxinas. Versos como os de Una milmillonésima de segundo recollen todo o que supón un raio de Sol iluminando o rostro da persoa amada. "Dicen que es ilusión y que es estéril/ pero ojalá te ocurra alguna vez".
Unha vez máis, Velaza eleva o discurso clásico sobre a razón sendo incapaz de coñecer a realidade. Emprega o símbolo do fotón, a partícula luminosa, como un exemplo claro disto. O fotón é a luz en si mesma e ao tempo non sabe que é a luz, sendo esta pregunta dúas nunha: non sabe o que é a luz nin que el é a particula da luz. Este pensamento inunda o resto dunha compilación de brillantes reflexións e versos que recordan máis a unha exaltación do ánimo por vivir que a unha anatomía da alma humana.
Voces de Latinoamérica
Pola súa banda, o poeta Omar Castro Villalobos alzouse co galardón á Creación Moza que tamén entrega a Fundación Loewe, neste caso para autores menores de 33 anos, idade cristiá. Nos últimos anos, esta distinción vén de caer en numerosas ocasións en voces líricas ubicadas ou procedentes de Latinoamérica. Esta debe ser a dirección na que ollar na procura dese talento novo. Anteriormente, nomes como Mario Obrero ou Elena Medel conseguiron este premio.
No caso de Castro Villalobos, o éxito chegou en forma de debut con Habitación persona sola, un poemario exploratorio e social que ten tintes de artefacto, polo que tamén racha cos límites clásicos. Para isto inclúe información real de institutos estatísticos ou noticias como notas. A visión do autor, nacido e actual cidadán en Lima (Perú), recolle varias problemáticas actuais de América Latina. O resultado é unha lírica que supura política, economía e rabia social partindo dunha pesquisa moi sinxela: atopar unha casa na que vivir na cidade onde chegou ao mundo.
O autor peruano simboliza nas catro paredes, como el reduce e define un fogar, as ansias xeracionais e as conquistas perdidas na constante crise do sistema. O propio título da obra emana desta obsesión. Habitación persona sola é un poema ao comezo que está construído a partir de frases de anuncios de alugueiros de habitacións en Lima na plataforma Marketplace, de Facebook. A peza avanza das condicións máis pésimas ata o digno, sempre atravesado pola solicitude dunha soa persoa para un cuarto.
A pobreza dos tellados
Castro Villalobos tamén matina no xeito no que as casas se compoñen de certos materiais e a pobreza que reflicten os tellados, "preguntándonos de nuevo/ si es el cielo lo que vemos/ o es la sucia espalda blanca de un edificio vecino". Deixa oco para pensar na condición migrante e na violencia urbana dun país en crise histórica, "con palabras/ y con balas/ reducen manifestantes/ esto no sorprende a nadie".
Igual que Celanova para Celso Emilio Ferreiro, Lima é para Castro Villalobos o mundo enteiro e o lugar desde o que lanzar unha serenata ferida que tampouco ten motivo de chegar máis lonxe da súa cidade. Fala do seu ceo sempre gris, da costa e das aves que comen cadáveres a carón do mar e, en conxunto, da desigualdade drástica nun mesmo espazo que se quere habitar con dignidade. Cita o autor a Victoria Guerrero, "Lima es dolorosamente bella para los que se levantan al lado de mi casa".
E se só podemos ser ignorantes, que mínimo poder ter unha casa, aínda que sexa de catro paredes, pero que non custe unha vida enteira levantala para vela caer.