Nostalxia de preto
CANDO SE traballa a nostalxia como materia prima algún elemento non remata de encaixar correctamente. Retorcer o pasado e escoller meros aspectos estéticos para recrear un estilo é tan arriscado como estéril. O segredo, se é o que hai, é empregar correctamente a sensación dese pasado mellor. Debe comportarse como canle ou envoltorio, pero non como corpo.
A coexistencia de xeracións tan dispares trae ademais escenarios curiosos, como a nostalxia dun grupo cara un tempo que outra parte da sociedade non tan maior recorda ben. Actualmente vivimos o descenso en popularidade e creación da tendencia Y2K, é dicir, Year 2 Thousand. A cultura dos anos 2000. Isto significa dúas cousas: a nostalxia é un ente móvil que avanza e cada vez hai menos distancia entre presente e pasado glorificado. Na mesma semana, dúas cantantes apostar por revivir as décadas amadas con resultado exitoso.
A cantante Erika de Casier, nacida en Portugal e criada en Dinamarca, é unha desas forzas musicais que traballa no subsolo da música vangardista. Fixou o seu marco artístico na década dos 90 e nese espazo crea sons e ritmos que recordan a Sade, Janet Jackson e un certo RnB de época. A melodía de fin de século e década. Aínda que é coñecida por un público maior grazas ás súas colaboración con Blood Orange ou Mura Masa, vén de lanzar o seu cuarto traballo en solitario.
Hai unhas semanas coñecíase a noticia de que Erika de Casier conseguía vender todas as copias do seu novo disco, unha rareza que vendía a través de Bandcamp e só en formato casete. Debido ao éxito e un par de filtracións a YouTube, a artista decidiu tomar a dianteira e responder á demanda. O álbum Lifetime xa se atopa en plataformas. De novo, Sade e Janet están no recordo, pero agora engade a Madonna e un bo grupo de sintetizadores e bases graves.
Un ascenso lastrado
O ano pasado o nome da artista seguía a senda sinalada cara o éxito. Permitía entrar á gran produción e nomes maiores da industria compartían títulos con ela. Aceptábana. O resultado final, o disco Still, quedou tristemente no terreo medio. A perda de dominio sobre o seu traballo lastrou o seu ascenso. Por iso, este novo traballo no que figura como compositora e produtora, ademais de ser lanzado a través da súa discográfica, ten a intención de recuperar o control.
Así, en pistas como Delusional, Miss ou December pode apreciarse esa querencia tan dos noventa pola recreación de escenarios. A artista xera ambientes de sons para enviarnos a paisaxes inexistentes, pero claramente evocadores. En You Can’t Always get What You Want recupérase unha sensualidade máis sutil e perdida na música contemporánea. O colofón nostálxico corre a cargo de The Chaser, unha peza que recolle e expón ruídos perdidos, como as de marcar un número de teléfono, e que recordan á sociedade do contestador automático. Un tempo que parece máis fílmico que pasado.
Se a toma de poder suave pero progresivo de Erika de Casier non consola o gusto ou certa nostalxia, a primeira estrela musical da Xeración Z leva máis aló a súa pasión polo Y2K e achégase case ao 2010.
A británica PinkPantheress chegou ao mainstream a través da rede social TikTok e a canción viral Boy’s a liar pt.2, que lanzou á rapeira Ice Spice ao estrelato. Logo da súa reconversión musical, a cantante vén de publicar Fancy That, o seu segundo traballo tras debutar en 2023 con Heaven knows, un disco que recolleu críticas moi positivas e éxito de público. Un álbum anterior debe ser tomado independentemente, segundo ela mesma.
Aínda que aprobase con nota o seu primeiro exame artístico, o ollo dos expertos non se alonxaba dela. Pola orixe da súa fama e o tipo de público que a consume, o escrutinio comportábase dun xeito máis esixente. Poñíase en dúbida a capacidade de PinkPantheress para crear sons propios, debido a que un dos seus signos é o sample doutras cancións e as referencias a máis artistas, e tamén a súa habilidade para expandir a duración das súas pezas. Debido ao formato TikTok, non acostumaba superar os dous minutos. Neste novo disco, tamén loita con ese prexuízo e négase a ese requisito da industria.
En Fancy That atópase unha troupe de referencias ao fin da primeira década dousmileira. Está, por unha banda, a estética que abrangue desde a portada do álbum á roupa da artista ou os videoclips, que aumentan o imaxinario superando a imitación. O son transpórtanos ás falsas adolescencias de películas baratas e aos ritmos frenéticos de grandes urbes, sempre aumentados no relato. É un contraste de gran calado a escrita da británica, moito máis próxima á cultura emo, e o xénero musical que traballa, un pop electrónico digno de escoita, aínda que sexa só polo traballo de armar tantas capas.
A nostalxia de preto é un lembrete da propia idade. Recordar idealizando é unha mala idea, pero ás veces os ollos máis novos rescatan o ouro perdido entre tanto souvenir barato.