Orgasmo conxugado
Precisaba dun vehículo para continuar co seu oficio e o que mellor prestacións lle tiña, segundo o visto, era o Kona. Pero para eliminar un rastro de vergoña sobre rodas, arrincou o nome do coche. Está de volta a moral cristiá ou é este o seu último grande acto?
Multitude de estudos apuntan que as novas xeracións teñen un ínfimo interese no sexo, esa xeración á cal chaman Z e que xa recolle parte dunha mocidade perfectamente integrada na sociedade civil, laboral e emocional. Un deses máis recentes textos indica que a representación do coito durante un filme ou unha serie é innecesario ata para o 30% deste público. Un de cada tres, en resumo, non quere ver iso que hai 50 anos era impensable en Galicia, salvo polo clandestino. Un de cada tres está na mesma tesitura que o cura de Rábade co seu Kona
Hai tempo da ameaza previa coa chegada dun novo neopuritanismo, que con certo tino recolle Lucía Lijtmaer no seu ensaio Ofendiditos (Anagrama), pero o tempo vén de demostrar que a revolución dos antigos valores ten outra idade, outro rostro, outros intereses. A mocidade con maior tipo de relacións e vinculacións sexoafectivas perdeu, dalgún modo, o interese polo pecado máis pelexado. Isto debe analizarse e agardar se se trata dun fenómeno inmutable, un novo signo de rebeldía xuvenil.
Algunhas destas investigacións, como as do Kinsley Institute ou as da Universidade de California en Los Ángeles, afondan máis na cuestión e fálanse de cifras, frecuencias, prácticas e desexos. Segundo indican, a xeración Z non practica o sexo de xeito habitual na medida en que outras si o facían e para esta poboación non é unha parte fundamental da parella. Tamén diminúe o número de persoas coas que manteñen pecados carnais. Cómpre parar un intre a pensar se é por unha falta de experiencia vital, de camiño percorrido ou se, pola contra, estamos nun cambio de ciclo respecto do comportamento sexual.
Por outra banda, os fetiches cobran unha especial relevancia respecto ao pasado, xa que quizais permanecían como un terreo para o misterioso. Así, moitas películas de misterio, acción e potente carga erótica convertiron, por exemplo, o sadomasoquismo nun elemento tan estético como escuro. A xeración Z mergúllase de golpe na diversidade de desexos e peculiaridades, así como de prácticas. En certo modo, conseguiron en grande medida desvincular a sexualidade dos actos sexuais concretos. Logo dun mes de escándalos múltiples, de coroas caídas e vedettes cineastas, de infidelidades institucionais, de políticos vinculados a violencias sexuais íntimas e en serie; o pecado violento da carne volveu ao centro do debate por distintos motivos. A cuestión palpitante e xenital amósase tan conflitiva como séculos atrás. Como non pensar, tomando como exemplo a actualidade desde hai décadas, que o sexo trae máis disgustos que beneficios?
Di o filósofo e pensador Jesús Maestro, moi recoñecido polos extractos das súas clases que pululan pola rede, que non hai un só dispositivo cultural, nin película nin libro, que se poda antepoñer a un coito. E engade noutro vídeo que ningún individuo ten a capacidade de denominarse como culto ou intelixente sen o gusto de vivir e experimentar. En que lugar deixa esta posición á xeración Z?
Pornografía de alcande simple
Debe destacarse que a mocidade á que me refiro vén de medrar no capitalismo sexual máis obvio da historia, privados do misterio e da curiosidade por culpa dun sinxelo e explícito acceso á biblioteca de erotismo. Nunca a pornografía foi de tan simple alcance nin a cultura estivo tan ligada ao pecado carnal. As cancións e escenas sexuais cóntanse por milleiros e chegan sen filtro a quen non logra comprender. Animo a escoitar os éxitos musicais de Spotify e contar as referencias a múltiples prácticas íntimas, do oral ao manual. Quizais ocorre algo máis sinxelo. Quizais a xeración Z está sobreexposta ao sexo e está aburrida de vivir rodeados de sexualización, de visualización constante dun acto como ese en cada pantalla, de partes do corpo en primeiro plano comerciadas ao por maior. A democratización do orgasmo. Por iso, o difícil obxectivo da mocidade agora pasa por acadar a intimidade máis espiritual.
Afloran así series como Big Boys ou Chewing Gum sobre a experiencia da virxinidade, impensable sen humor burlón e humillante hai uns anos. Tamén un grupo de cantantes que romantizan a experiencia sexual por enriba do propio acto, emulando a sensualidade censurada de hai décadas. Baladas, bossa nova, música ambiental; Billie Eilish, Clairo. O escenario en lugar da acción. O cinema, pola súa parte, vén de marcar o ritmo do debate con películas tan dispares como Slow, sobre a asexualidade, Shiva Baby ou Bottoms.
Finalmente, é preciso engadir gradientes na experiencia sexual da mocidade para evitar un renacer do castigo e da castidade. A censura do orgasmo pode chegar por múltiples vías e a indiferencia ou o aburrimento son tan perigosos como a prohibición. Se isto non se logra, a vida sexual corre risco de ser novamente un elemento de escarnio público e as prácticas íntimas e consensuadas, consideradas por estas masas como dexeneradas, un motivo para a expulsión do individuo da esfera política e social.
