sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

A detective salvaxe

Triunfou sen pretendelo nos anos 60. Abandonou cando quixo, regresou da man de Dylan e mazou en Bush junior. É probábel que estea visitando a tumba de Rimbaud ou vendo unha serie de detectives nórdicos nun hotel calquera do Covent Garden. Patti Smith, a poeta iconoclasta do punk nos 70, volve actuar en terras galegas este verán. Actuará na Coruña o 9 de agosto. Gloria!

Patti Smith & Robert Mapplethorpe. ARQUIVO
Patti Smith & Robert Mapplethorpe. ARQUIVO

ESTA É A HISTORIA dunha muller viaxeira que tentou ser libre dende o berce. Nacida en Chicago no 1946 no seo dunha familia humilde, súa nai fora cantante de jazz e seu pai un antigo bailarín de claqué -que estudaba filosofía e traballaba nunha fábrica-. Durante a infancia Patti padeceu hepatite, tuberculose e escarlatina. De nena acostumaba fuxir soa en bicicleta aos bosques dos arredores e cultivou un gusto precoz pola lectura, idolatrando entre outras, a Jo March, unha das heroínas de Mujercitas, a novela de Louisa May Alcott. Jo —a nena protagonista— escribía relatos góticos a un penique a palabra; vendía o pelo da súa cabeleira para recadar fondos para a Guerra de Secesión. Mais Patti Smith axiña sentiu predilección pola propia escritora, unha significada sufraxista e abolicionista do século XIX, ademais de novelista de éxito. Este libro é a primeira fiestra pola que Patti Smith nace á mirada do oficio de escritora. Aprende do seu exemplo e tentará emulala. Comeza a escribir moi nova e isto vai marcar para sempre a súa vida.

Patti muda coa familia a New Jersey e alí recibe unha educación fortemente relixiosa —seus pais eran testemuñas de Xehová—. Sofre moi pronto a experiencia da perda ao morrer unha das mellores amigas, mais encontrará agocho durante a adolescencia na poesía de Sylvia Plath ou nos versos de Rimbaud —vendedor de ataúdes na Abisinia—. Entra a traballar nunha fábrica a mediados dos 60 e logo matricúlase na universidade, pero no 67 deixa a fábrica e os salóns de baile, as flores murchas. Marcha a New York.

Quere ser artista e poeta nun medio monopolizado polos homes. Traballando nunha xoiaría coñece a Robert Mapplethorpe, un xenio excéntrico con gusto polas fotos e xuntos percorren un camiño de experimentación iniciática no que se instalarán no Chelsea Hotel. Verase fortemente influenciada por Gingsberg ou Burroughs e toda a poesía beat; tamén por Shepard, Dylan ou Susan Sontag, os que tratará persoalmente. Nos primeiros 60, descobre o ritmo e a raíz da súa voz recitando versos de Sylvia Plath ou Rachel Lindsay en enormes follas pegadas na parede. Tenta debuxar palabras e plasmalas en letras. Cando refina o proceso achégase á performance, e logo á colaboración. É o paso previo a tocar nunha banda de rock and roll. 


Namentres, Mapplethorpe converterase no fotógrafo de New York dos 60 e 80, contribuíndo á visibilización da homosexualidade e sempre no ollo do furacán pola natureza pornográfica, polémica pero xenial de boa parte da súa obra. El será quen asine a portada de Horses no 75, disco que supón a irrupción e consagración definitiva de Patti Smith. Na imaxe xa icónica, en branco e negro, vemos unha muller de xesto andróxino; fita con desprezo o obxectivo, viste de traxe e colga a chaqueta ao ombro. O CBGB convértese no seu centro de operacións e ela, canda os Clash —tamén cunha forte vocación política e máis influenzas culturais có resto de grupos do tempo— significará o lazo que une o punk coa tradición musical e literaria da década precedente.

Polo camiño son detidos a punta de pistola. Teñen dous fillos e seguen a habitar o rock como actitude

Coñecerá a Fred Sonic Smith, guitarrista dos MC5, abandonando a escena no ano 1980 e trasladándose a Detroit; pero malia o que o relato superficial poida translucir estes anos serán intensos en moitos planos non sempre coñecidos. A parella dorme de día e vive de noite: beben, pintan, compoñen, planean delirantes programas de televisión... Xuntos viaxan á Guayana Francesa seguindo o rastro do Diario del ladrón de Jean Genet; queren coñecer Saint Laurent, a cidade desta colonia francesa, lugar de paso previo ao traslado dos presos á Illa do Diaño. Polo camiño son detidos a punta de pistola. Teñen dous fillos e seguen a habitar o rock como actitude: malia que ningún dos dous sabe nadar, mercan un vello barco-vivenda que instalan no xardín da casa. A el acoden para escoitar música e ver béisbol; namentres el aprende a pilotar pequenos avións, ela afondará na literatura xaponesa... O tempo pasa e as follas que agochan a morte descóbrense, erguidas en brazos de luz.

No 89 morre Mapplethorne e no ano 94, no prazo dun mes, morren seu home Fred e tamén Todd, seu irmán. Logo dunha forte depresión, Patti Smith volve á escena no ano 95, da man de Dylan, que a convida a xirar con el, publicando tamén novos traballos con certa regularidade até hoxe.


A languidez que proxecta a imaxe de Patti Smith na actualidade ten unha correspondencia co propio periplo vital pero tamén garda relación cun trazo do seu carácter, marcadamente culturalista e prendido ao fetichismo literario. Mais hai unha ambivalencia na súa traxectoria que contrasta coa agresividade punk. Así, ademais de xirar por todo o mundo dando concertos, recitais ou conferencias, cómpre resaltar a faceta literaria, central na súa vida; porque aínda que o escintilar da rock star oculte o demais, o seu relato dos primeiros anos con Mapplethorpe en Éramos unos niños é un libro de culto. E a lectura dos seus libros (M Train ou Desvelo) ofrécenos unha prosa magnética de contido autobiográfico aderezada pola sensibilidade e polo coñecemento exhaustivo de varias literaturas.

Hai outras cuestións menos coñecidas, que falan dela como unha peregrina infatigábel do seu propio universo literario; como rendida admiradora de Roberto Bolaño, visitou a familia do autor chileno —autor da monumental 2666 (Anagrama)— en Blanes, a quen lle dedicou un poema de cen versos; tamén son numerosas e continuadas as súas visitas na actualidade ás tumbas de Rimbaud, Sylvia Plath, Gógol, Jim Morrison ou á Casa Azul de Frida e Diego Rivera.

Formou partE, até a súa disolución hai uns anos, da CDC, unha sociedade secreta de científicos e académicos a escala europea

Foi unha das acérrimas opositoras a Bush fillo e participou nas manifestacións para a defensa do barrio do Cabanyal en Valencia. Pero formou parte tamén, até a súa disolución hai uns anos, da CDC, unha sociedade secreta de científicos e académicos a escala europea que, entre outras cuestións, se preocupaban por cousas como visitar os xardíns onde Schiller discutía con Goethe de poesía ou planeaban render homenaxe a Alfred Wegener, quen formulou a teoría da deriva continental, repetindo a súa viaxe ao Círculo Polar Ártico. 

É probábel que a afección recoñecida desta icona do punk polas series de detectives teña condicionado a súa evolución artística e literaria. Manexa unha listaxe de hoteis preferidos para ver The Killing, Luther ou True Detective. Pero namentres que as parellas de detectives chegan á escena do crime e interróganse e achéganse pistas o un ao outro, a escritora é un detective solitario. E é difícil encontrar as pistas que unha agocha en si mesma. Así as cousas, a procura convértese nunha expedición sen fin. 
T.S Eliot dixo que lle corresponde a cada xeración traducirse a si mesma e abrazar a historia e esgazala. Botamos a vida apañando os nosos anacos para marchar despois, cando xa os temos todos no Val Perdido do tempo. Patti Smith recolle os seus na penumbra do solpor, pero aínda destila o arrecendo da poeta que xuntou poesía e punk, cando berraba en Horses que "Xesús morreu polos pecados de alguén/ pero non polos meus".

A detective salvaxe
Comentarios