domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

Algo que non sexa

A inocencia é un valor á baixa no mundo de hoxe. Asóciase á falta de coñecemento deste e do xeito en que funciona. A astucia, a ostentación da imbecilidade, o cálculo, a ousadía ignorante: eses son os valores que triunfan no capitalismo tecnolóxico.
Verto Temazos
Verto Temazos

MÁIS hai algo tamén paradoxal na inocencia, cativador: esta revela a natureza transparente de quen a posúe pero, ao mesmo tempo, preservala require certa ocultación. Hai algo que se resiste a ser revelado e comunicado ás demais, iso que a fai tan atraínte. A disposición a ser unha mesma e fiel ao xeito de pensar nun mundo cheo de trampas e atallos.

Cadrounos con felicidade no tempo asistir a un concerto do dúo musical galego Verto Temazos e vermos a película italiana Lazzaro feliz. Verto Temazos formárono en 2019 Alberto Mira Berto e Fernando Peleteiro Fer. Cun formato de bases electrónicas, teclado, guitarra eléctrica, ‘autotune’ e efectos varios, combinan felizmente pop, música disco, trap, techno e, como trazo distintivo, letras en galego ensambladas con mestría musical, sentido rítmico e harmónico: o desamor, a incomunicación, Compostela, a nostalxia, certa crítica política, desexo, pulsión de vida. A forza da xuventude. Hai algo que nos remite á matemática beatle: letras tristes en melodías alegres.

Presentaban en Lugo Embora, un disco aparecido hai unhas semanas —vai camiño do medio millón de escoitas en Spotify— e que un Auditorio completamente ateigado coreaba canción por canción. A luz tisnada pola penumbra delataba facianas universitarias radiantes de plenitude, contaxiadas da emoción verdadeira que destila a súa música. Mesmo Berto se emocionou até chorar interpretando Algo que non sexa. O seu compañeiro achegouse e apertouno antes de continuar coa actuación. O público cantaba e bailaba sentado, en sintonía cos dous espigados rapaces de Verto Temazos, nos que non se albiscaba o menor indicio de impostura.

Desenvolvíanse con confianza e naturalidade entre a maraña de bases e efectos cos que interactuaban en cada canción, establecendo unha atmosfera cómplice coa platea, xa entregada no minuto un, nós incluídas. Pequenas chanzas e comentarios que falan disto mesmo: "Esta é unha máquina de fume, tróuxonola un colega o outro día, aínda non sabemos ben como funciona, mola, he?".

A singularidade de Verto Temazos ten que ver con certa inocencia, co período máxico tamén da xuventude e o talento manifestado sen excesivo filtro, con pureza

Sleepy Spice en Achégate e Toni Martelo e Coco en Embora —quen recitou unha intelixente adaptación de Paxaro Azul, o poema de Charles Bukowski— foron as colaboracións elixidas polo dúo para a cita. Cando mirei á miña esquerda, meu fillo de oito anos coreaba tamén a letra de Oie, Gayego, un dos himnos xa oficiais do grupo. Á marxe do musical, perfectamente executado, a singularidade de Verto Temazos ten que ver con certa inocencia, co período máxico tamén da xuventude e o talento manifestado sen excesivo filtro, con pureza. Algo máis que, unido ao duende e a sensibilidade, é o que nos conmove.

Unha sensación parecida esperta a película italiana Lazzaro feliz, un despregue de intelixencia tenra sobre a natureza das cousas, unha mirada amábel sobre as persoas, pero incisiva, sobre unha sociedade sen compaixón. Nela, unha comunidade do rural italiano vive illada da civilización e todo contacto co exterior, explotada por unha marquesa excéntrica —ao xeito do feudalismo— e unha caricatura de Shylock, un recadador sen ningún escrúpulo. Á súa vez, os aldeáns explotados aprovéitanse da fortaleza física, a inocencia e a bondade de espírito do seu protagonista, Lazzaro —da man do hipnótico Adriano Tardiolo—, sempre disposto a facer o ben, axudar os demais e ofrecerse cándido a quen o rodea.

Esta historia baséase en feitos reais acontecidos en Italia a mediados dos cincuenta. Resulta inevitábel pensar que cada cine é tributario do seu pasado fílmico, círculos concéntricos; as películas italianas da actualidade explícanse, en parte, por Fellini, Sica ou Pasolini, entre outros. A súa directora, Alice Rohrwacher, tece aquí unha fábula atemporal, un conto marabilloso. Non falta o lobo bo —como unha reminiscencia ou chiscadela a Hesse— ou a resurrección do protagonista, vomitado por arte de maxia dende a súa morte nun precipicio ás entrañas do capitalismo, nunha cidade industrial enferma de pobreza e carestía.

Alí, nas marxes do capital, entre xente refuxiada e o resto de aldeáns —escintila tamén a interpretación do catalán Sergi López, magnífico— teñen lugar os mellores momentos dun filme memorábel. A poesía da amizade, a empatía na pobreza e o reencontro de Lazzaro co seu vello amigo, Tancredi, fillo díscolo da marquesa e a indiferenza dun mundo voraz cara quen busca o ben e se deixa guiar pola inocencia.

É probábel que a boa música ou o cine non abonden para elevar o noso espírito. Pero o seu eco resoa no noso interior, alí onde agonía sen morrer nunca de todo o paxaro azul que levamos dentro. 

É tan fermoso que poderías chorar.

Algo que non sexa
Comentarios