El tiempo
sábado. 04.02.2023
El tiempo

Antía Cal, a escola da palabra xusta

"Casou con Antón Beiras, tiveron catro fillos e educáronos en galego malia que por aquel entón estaba prohibido. Admiradora de Pestalozzi, e movida tamén polo seu contacto cos círculos de pedagogos europeos, fundou a Escola Rosalía de Castro, bautizando as aulas con nomes de fusilados ou exiliados galegos durante a Guerra Civil"

CADA CRIANZA tiña que resumir o máis brevemente o que aprendera aquel día na escola, a poder ser, cunha soa palabra. Despois penduraríanse as respostas na parede e entre todas elixirían a mellor. Chamábase A palabra xusta, un xogo inventado pola mestra, xeógrafa e pedagoga Antía Cal (A Habana, 1923) e que lle dá título ao documental de Miguel Piñeiro que se proxecta esta vindeira semana en varias cidades galegas e en Madrid, arredor do vindeiro mércores día 21 de febreiro, declarado pola Unesco Día Internacional das Linguas Maternas. Souben da proxección do documental da Tita por Emilio Ínsua e logo de recibir a chamada de Carme Varela, unha das súas produtoras executivas. Que coincidan en dúas semanas en Madrid a proxección en galego do documental sobre a figura de Antía Cal e a inauguración da exposición no Cervantes arredor da figura doutro galego, Baldo Pestana, soa a fermosa xustiza poética, cando formacións políticas que gobernan e outras que aspiran a facelo se negan a participar na Folga de Mulleres do 8 de marzo ou lanzan propostas para afondar na ignorancia e descoñecemento das linguas cooficiais. Explicárao ben o pai aquel: "Al cativo el gallego no le da salido ni anque lo maces a hostias, salió cuspidito al padre y no le hay que hacer. Hablará justito lo que le cuadre!".

Pero o gusto pola palabra xusta tamén adoita acompañar os padais literarios refinados. Flaubert tíñao, talvez en exceso. De feito, Dumas afirmou que o autor de Madame Bovary sería quen de talar un bosque enteiro pra facer o caixón dun armario. Eu non sei se foi por Flaubert ou pola palabra xusta en galego —a poder ser ningunha— polo que Galicia Bilingüe decidiu recoller sinaturas en Madrid na defensa do castelán hai uns meses. Por aquí inda o imos falando —o castelán— pero por aí abaixo cústalles máis e é unha mágoa que se perda. Idéntico fervor flaubertiano debe andar a guiar a teima do Goberno do Estado de incluír novos contidos curriculares para a defensa de España e dos símbolos patrios. Seica queren reforzar, amais, a imaxe da Monarquía e do Exército. Mais esta apaixonada defensa patria, ao tempo que pasan pola xastraría os servizos sociais, incluído o ensino público —para lle cortar as mangas ao chaleco—, soa á Teoría Leiteira de Nicanor Parra: ordeñar a vaca e logo botarlle o caldeiro cheo de leite por riba da cabeza.

A lingua popular tamén é propensa á palabra xusta: "Están a monte!". Pero o monte pode ser outras cousas: agocho e amor, mesmo a metáfora dun país. Veume á cabeza o monte hai dous venres no Clavicémbalo de Lugo. Agardaba eu pra subir ao palco canda Xiao Berlai e a súa banda. Cantamos o poema Lady Glosia —dun tal Lois Pérez—, oda 'stone' a unha viguesa incerta seguidora de Flaubert pero amiga da tala lingüística do galego. O último traballo de Berlai, ‘Desconhecido’, mestura música, banda deseñada e poesía. Fala de desamor, soidade e abandono. Conta a historia de Alfonso, tío-avó de Xiao, que botou boa parte da súa vida só no monte. Impedíranlle casar coa muller que amaba. Cando morreu, encontrárono apertado a un xersei que era dela. Pasaran corenta anos. Paga a pena escoitalo. Ao baixar de cantar lembrei As mulleres do monte, a fermosa pero terríbel colección de lembranzas e pantasmas de José Antonio Gurriarán, nos tempos da posguerra na zona do Barco (Editorial Galaxia), e caeron coma pingas no meu maxín as historias da Toña, símbolo da guerrilla; a de Consuelo, a guerrilleira da illa de Ré; a de Paquiña, a Miss Ponferrada que foi ao cárcere; a da Pastora de Gestoso ou a da secuestrada no Courel; a da misteriosa dama de Sernande ou a da Amadita, fusilárona por tecer a bandeira republicana… Sentir que che chove na alma. Sentir que che neva nos ollos. Sempre, a barbarie posíbel, combátese antes, con éxito ou non, na escola. Unha escola, a da II República que foi purgada, tamen aquí, de mestres e mestras que foron asasinadas, represaliadas ou vexadas co golpe de estado fascista de Franco.

Antía Cal pasou boa parte da súa infancia en Muras, Lugo. Estudou na Coruña e logo en Compostela. Casou con Antón Beiras, tiveron catro fillos e educáronos en galego malia que por aquel entón estaba prohibido. Admiradora de Pestalozzi, e movida tamén polo seu contacto cos círculos de pedagogos europeos, fundou a Escola Rosalía de Castro, bautizando as aulas con nomes, entre outras, de fusilados ou exiliados galegos durante a Guerra Civil. Anos despois entra en contacto co colectivo catalán Rosa Sensat e por aquel entón introduce tamén a aprendizaxe e o uso do galego na súa escola, convertida xa nun símbolo de progresismo e compromiso democrático coa nosa cultura e coa nosa lingua.

Estamos na gorxa do "monstro amábel" de Simone, son tempos de frívola "operatriunfalización" de case todo —malia o entusiasmo dalgúns co produto en cuestión, mesmo da política supostamente progresista—. E no ensino público, a adecuación á empresa da escola, a súa xerarquización e a mercantilización son a estratexia tripla que acompaña as labores do xastre, nun contexto onde o coñecemento vai sendo substituído pola "empregabilidade" e o "capital humano" é xulgado o máis importante de entre os factores históricos —terra, capital e traballo— do crecemento económico. Que saberes cómpren pra entender o mundo do século XXI e transformalo cara a equidade e cara un desenvolvemento sostíbel e duradeiro? Cal o camiño para permitir o acceso a meirande parte da poboación? Cal a pedagoxía, o discurso e as prácticas e cales os mecanismos que motiven o alumnado para conquerilo?

Ao tempo, o desprezo do que se ignora prevalece sobre o deber democrático, abocando cuestións fundamentais dun país coma a cultura ou a lingua á súa desaparición. Este entusiasmo caníbal pola tala e a sega dalgúns gobernantes e políticos lémbrame o conto de Cortázar, Con lexítimo orgullo (In memoriam K.), onde as persoas celebraban o grande acontecemento anual de recoller as follas secas de riba das tumbas e o privilexio que iso supoñia; non reparaban en que os mortos que descansaban nas tumbas morreran envelenados por serpes ao recolleren eles mesmos as follas secas de riba doutras tumbas —as dos mortos que os precederán tamén a eles recollendo—. Sería "coidar os mortos e enterrar os vivos". Xa o escribiu Alberto Pimenta.

Por iso celebramos a proxección do documental de Antía Cal, que vén poñer en valor non só a lingua, senón a figura da mestra, oficio maioritariamente exercido por mulleres no que paradoxalmente, os recoñecementos internacionais —de dubidosa fiabilidade— recaen agora tamén en homes, ao xeito dos chefs. Malia todo, haberá que confiar no futuro da escola. É alí onde reside a psique do pobo, o único drama, pero a chave de todo.

A palabra xusta. Malia as taladoras de linguas e os recolectores de follas.

Antía Cal, a escola da palabra xusta
Comentarios