jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

Cabalos na alborada

Pra Balan a porta era o contrapunto. Parapetábase diante dela riba do escenario e era algo máis ca un instrumento de percusión. Era unha porta á América, unha viaxe á fantasía do western, o atraco ao tren do diñeiro, era John Wayne... A evasión

A MEMORIA é unha porta ao futuro porque libera o que pasou. Esquecer é o presidio. Presidio qué? Aquí no hay d'eso. Foi o que lle dixo o Gabriel ao cura da Milagrosa, cando o párroco pasou por diante do pub máis optimista de Lugo en tempos: o Va-be-ne. Ao vernos na porta, exclamou: Un presidio del vicio! O Va-be-ne era un pequeno antro onde a adolescencia do norte de Lugo buscaba emocións máis propias dos lugares do centro histórico, pero inda fóra de murallas. Quedaba algo máis adiante do Bar América, onde viamos o fútbol cos maiores. América no comezo era un bar de Lugo. Tamén era o Bar América de Marín, onde John Balan, o noso admirado home orquestra, cantaba La Malagueña e Sangre gitana. Logo veu o continente. Mais sempre houbo no noso país unha magnética atracción por América. Xa antes de Ohio vén O Hío, ao igual que Oh, hi! quer dicir Oi, ho!

O vicio de lembrar e as portas da memoria. As portas dos baños coma territorios lendarios. E a porta é un elemento fundamental no cine e na literatura, pero tamén nos cárceres. O Vello Cárcere de Lugo foi durante moito tempo un Cárcere da Memoria. Dende a súa nova apertura xa teñen acontecido cousas felices alí. Sentei hai un par de semanas nun dos asentos da celosía, minutos antes da Gala dos mestres da memoria, que cada ano distingue a aquelas persoas máis significadas polo seu papel na preservación e transmisión da literatura de tradición oral. Entón vin con certa incomodidade as portas das celas ao outro lado; os vixías podían facer o seu traballo sen seren vistos polos reclusos, ao xeito das modernas cámaras de agora. Pensei en Kafka; nun dos seus contos máis crípticos, un labrego chega onda as Portas da Lei, onde un garda lle impide o paso; non se esforza moito, pero persuádeo de atravesala. Ao que se ve, o labrego non ten présa e entón senta a agardar. Transcorren os anos e xa estamos atrapados noutro conto sen saída do checo. Espertoume do aqueloutre o canto do Xurxo Souto canda o Pazos de Merexo, o acordeonista da Costa da Morte, alí ao lado. O Pazos tocou con Flaco Jiménez, Kepa Junquera e moita outra xente. 

Converteuse nun virtuoso do acordeón diatónico, nesa feliz teima dalgúns espíritos libres: transitar a fronteira entre o sentido sutil das palabras e o grave silencio das cousas. Asistir ao mesmo intre en que alguén comeza a bater palmas... Coma o alegre martelar das palabras rebeldes da Luz Fandiño, a outra Mestra da Memoria. 

Jim tivo unha idea xenial que o fixo millonario


As portas son fundamentais, sobre todo pra botalas abaixo. Coas palmas ou no xeito en que o facía Balan, cos puños, pra cantar éxitos das big bands. Algo diso deberon pensar nas oficinas dun concello —non diremos o nome— onde a advertencia rezaba concisa no cartel da entrada: Por favor, tengan la amabilidad de petar en la puerta. Porque normalmente están pechadas, pero algunhas é interesante abrilas. 
Outras convén preservalas. Algo así debeu pensar Jim Georgiou, un que botaran do hotel Chelsea de New York no ano dous mil once por non pagar o alugueiro. Foi o seu can, Teddy, quen alertou do grande achádego ao seu dono. O tipo durmía deitado e ebrio na beirarrúa fronte ao hotel; Jim ergueu e cruzou a rúa, diante da indiferenza dos obreiros, entretidos en derruír o mítico hotel do rock and roll. O cadelo parou de ladrar onda unha pila de vellas portas brancas, arreboladas contra unha parede no fondo do canellón. E Jim tivo unha idea xenial que o fixo millonario. Onde os obreiros vían cincuenta e dúas portas inservíbeis, o vagabundo vía a Jimmy Hendrix e a Leonard Cohen, a Janis Joplin e a Patti Smith, Miles Davis e o cabalo, e Kerouac... Cargounas prá casa en varias viaxes e fíxose millonario vendéndoas. Trillándola fina! Era un dito piringallo. Usabámolo pra gabar a pericia dun colega no manexo da herba.

As portas da percepción. The Doors e Huxley. Pra Balan a porta era o contrapunto. Parapetábase diante dela riba do escenario e era algo máis ca un instrumento de percusión. Era unha porta á América, unha viaxe á fantasía do western, o atraco ao tren do diñeiro —nunha ocasión detivo un, cunha pistola de xoguete—, era John Wayne... A evasión. Atravesar esa porta era ir de Marín a Texas. O artista e o tolo mercan unha pasaxe á loucura. A do artista é de ida e volta. Pero a porta convén deixala aberta polo que poida pasar, sempre hai tempo a pechala. Así o debeu pensar tamén Miles Davis. No ano cincuenta e dous, Balan, o noso cowboy do Seixo xa era célebre.

O trompetista americano tamén, e nese ano gravou Flamenco sketches. Non sabemos por cal porta veu ao noso país. Igual foi por algunha das cincuenta e dúas do Chelsea, porque a do labrego de Kafka seguía pechada. Pode que entrase pola do Savoy do Harlem e saíse pola do Savoy de Marín. Talvez no Fantasy de Cangas, polas portas dos baños? Mais parece que foi Lomax, o musicólogo que xa gravara a Muddy Waters nunha granxa tocando o blues. Muddy Waters. Augas enlamadas da memoria. No seu día, Lomax gravou tamén no noso país a José María Rodríguez, afiador ourensán e capador de porcos, interpretando a Alborada de Vigo en Luintra, cun chifre de capador. Unha siringa.Prepara os coitelos/ Maria Leonor/ que se escoita o pito/ do afiador [...] Hoxe capan na Barreira/ que ben se escoita o sirín/ hoxe capan na barreira/ mañán, capamos aquí.

En tempos, as operacións de vesícula eran cousa dos capadores

Miles Davis gravou a peza The pan piper do noso capador coma quen entra en Nogueira de Ramuín, de onde era o ourensán. Non tivo o detalle de revelar a fonte galaica mais vir, houbo vir no cabalo. O mesmo cabalo tallado en madeira que luce nos pitos dos afiadores e nos chifres dos capadores galegos. En tempos, as operacións de vesícula eran cousa dos capadores. E así era frecuente a presenza dos equinos, pois na nosa tradición leva e trae as ánimas ao alén. O cabalo de Miles era curativo ao seu xeito, pero viaxar viaxaba. Mentras capo, non asubío! E vivan os Wild Horses.

Cando Lomax descubriu o granxeiro Muddy Waters, este abandonou a granxa e fundou a escola do blues de Chicago. Tamén Leadbelly. Mais no caso do noso afiador ourensán non aconteceu nada. A súa memoria e a da nosa tradición oral permaneceu oculta durante máis de corenta anos, entretecida discretamente nas notas dun deus negro do jazz, que tocou pró mundo a melodía dun chifre de Luíntra.

Vivimos desexando e nós somos o noso desexo. O que somos e o que inda non somos

As portas da memoria. Hainas que levan do soño ao pesadelo, o nightmale —a egua da noite— dos ingleses, e sempre se pechan ao cruzalas nos contos de Kafka. Pero normalmente a memoria serve pra nos recoñecer. Ter un pé inda na realidade, no medio de tanto delirio. A porta é o desexo de encarnar o imaxinario, a necesidade de explorar. Vivimos desexando e nós somos o noso desexo. O que somos e o que inda non somos. O que puidese ser. A xustiza poética.

No conto de Kafka o labrego desiste de atravesar a porta. O garda explícalle que non paga a pena. Inda que o faga, haberá gardas máis temíbeis ca el e infíndas portas que cruzar. Entón o labrego, xa nos intres derradeiros, ergue e pregúntalle ao garda da Porta da Lei:
—Se todas as persoas desexan a xustiza, porque en todo este tempo non veu onda esta porta ninguén máis ca min?
E o garda respóndelle:
—Porque esta porta foi só feita pra ti. Pero non a cruzaches e agora teño que pechala.

Trillándola fina!

Cabalos na alborada
Comentarios