domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

Envío urxente a Folsom

"Conteiche, Johnny, que unha vez estiven a piques de matarme no coche de meus pais escoitándote? Na estrada que vai de Momán a Folom? Antes de Parga. Gustábame poñer unha e outra vez The Devil to Pay ou Hurt a toda hostia"

Johnny Cash

PREZADO Johnny:

Sei que eras un home crente e de fe. Eu non. A vida é unha película apaixonante, pero permíteme que desconfíe do guionista namentres non lle encontramos solución á escena do final. Unha cruz. Levamos moitos séculos gastando en madeira e cravos por riba das nosas posibilidades. E o ceo tampouco lle ofrece moitas garantías a quen voa con Ryanair. Pero creo en ti, Johnny, por iso lin o teu libro sobre a vida do nazareno Paulo, El Hombre de Blanco (Johnny Cash, Reservoir Books). Mentiríache se non dixese que me fixeches pensar en Swedenborg, o prototipo do místico sinalado por Emerson. Pensei tamén nos versos de Blake. Algúns deles recitábaos César Cambeiro naquela obra de Lagarta Lagarta, Unha hora na vida de Stefan Zweig. Canda el, o finado Ernesto Chao e Belén Constenla recreaban o tráxico final do autor de O mundo de onte. Unha lectura fundamental para entender este matrimonio entre o ceo e o inferno do mundo de hoxe. E ti, Johnny, xa cantabas que os sentidos desaparecen baixo as manchas do tempo e a dor e ó único real.

Por ti sei que existe un camiño de amor e de piedade e miro sempre para dentro. Falo claro, ti entenderasme. Escoitar os teus discos atravesando A Gañidoira debera computar para o currículo. Gustoume iso que contas no libro de que tiñas cousas en común con Paulo. Que el tamén cantaba na súa cela sobre a evasión. Gustoume aínda máis o que lle respondiches ao xornalista aquel; preguntouche que canción era esa. Dixécheslle que era unha que cantaba Paulo cun tal Silas, pero que nunca chegaran gravala. Acostumo pensar nos libros sagrados como aportacións ao xénero da literatura fantástica, pero sería inxusto obviar o teu coñecemento e estudo do cristianismo. E ao mesmo tempo, non deixa de ser coma un disco máis dos teus: a redención, a procura da verdade, a aventura, a delgada liña que separa o ben do mal… I walk the line ou seguir o camiño recto.

Non sei, Johnny, pero a túa música sempre me puxo en contacto con cousas dun orde superior. Coma se che fixese flotar sobre a tristeza de vivir falándoche dunha verdade. Esa da que falaba Huxley, disimulada entre as impurezas deste mundo; se non fose por elas, achariámola escintilante só para nós. É difícil ler os tormentos de Paulo, saber dos seus soños e intuír os seus padecementos e non pensar en ti, Johnny. Porque moitas veces di un adeus pero unha soa vez se morre. E sei que a perda atroz de teu irmán acompañoute sempre. Meu avó sempre gardou a súa serra circular eléctrica lonxe de nós. Non todo o mundo o fai pero xa é tarde para que o teu pai tome nota. Damos voltas en círculo arredor da infancia, é probábel que non saiamos dela.

Sei que tentaches facer as cousas ben pero ao teu xeito: cantaches do lado de quen sufre o peso da historia —loitaches polos dereitos civís, polos indíxenas e polos presos dunha lei feita á medida do poder— inda que iso incluíse deitarte coa irmá da túa muller June ou perderlle o medo ás anfetas cando vivías onda Waylon Jennings. Perdoa, pero non puiden evitar pensar nas drogas nesa pasaxe tan luminosa do teu libro. Alí, cando falas, Johnny, do renacer de Tarso o fariseo, logo de emprender camiño cara Damasco. Ten o firme propósito de erradicar o culto a Xesús, o carpinteiro. Mais aparéceselle o Home de Branco que o cega e ten unha visión.

Cantas veces temos saído por aí a encher un pouco o tanque? E por ver as cousas máis claras, acaba un cego de todo. Coma o capitán Ahab atrás dun amor branco e imposíbel. Mais son momentos que marcan. Conteiche, Johnny, que unha vez estiven a piques de matarme no coche de meus pais escoitándote? Na estrada que vai de Momán (Lugo) a Folsom (California)? Antes de Parga. Gustábame poñer unha e outra vez The devil to pay (O demo ha pagar) ou Hurt (Ferida) a toda hostia.

Cando saltou o airbag e a cen quilómetros por hora levei por diante o BX do vello que se me cruzou na estrada

 

Foi despois de xantar en Momán; alí naquel cruce onda o taller da Citröen fan un churrasco incríbel, mellor có de Folsom seguro. E por dez euros de menú, case sacrifican un becerro ao xeito dos fariseos e podes ver os comensais collendo o garfo e o coitelo coma se fosen arpóns de ir ás baleas. Supoño que foi unha improvisada homenaxe a Julián Hernández: sinistro total. Dígocho porque soaba a túa música cando saltou o airbag e a cen quilómetros por hora levei por diante o BX do vello que se me cruzou na estrada. Saía da súa granxa e volveu nacer, coma min. Un anel de lume. Baixei do coche pensando que estaba morto, pero non. O aire batía na miña cara e a chuvia case non me deixaba sentir as mans. Non parabas de soar na radio do coche, totalmente esnaquizado. O BX do vello estaba cruzado no medio da estrada e ninguén se movía dentro. O cristal do acompañante estaba totalmente cheo de sangue.  Que recordos, Johnny! Se moito antes de entender o teu inglés, xa entendera ben o que nos querías dicir. Aquí escoitabamos a túa voz coma quen escoita un saxofón. A tradución veu moito despois, pero hai un manancial de fondura no que cantas.

Cadaquén sacará as súas propias conclusións deste libro. Pero pareceume entender, Johnny, que Paulo chega a esa conclusión alí arriba, no alto do Monte Sinaí. Que estamos sos. Que só existe a vía do amor. E que dalgún xeito ti es Paulo tamén. Créote, Johnny, sen que mo pidas. Movícheste no maniqueísmo que divide o mundo entre o Ben e o Mal, coma Blake. Pode que todo se reduza a iso e que só haxa que escoller por onde se quere andar. Non o sei.

Non tiven ocasión de te coñecer, pero si coñecín unha das túas reencarnacións, Loquillo. Alba máis eu ceamos con el logo dun concerto en Lugo; falamos de Shepard e de Cirlot e falounos de ti coma dun credo. Emprazounos á súa festa de fin de xira dúas semanas despois, nun polígono industrial de Bilbao. Eramos trinta persoas contando o camareiro. Nese lugar tan estraño como magnético, dixo que ao escoitarte daba gana de emprender algo grande. Eu asentín, observando dous tipos que se coaran na festa: levaban gafas de sol e eran as tres da mañá. Ordenou que os botaran e eu sentín unha suave sensación de perigo. A mesma que me interpela cando te escoito nos directos do cárcere. Folsom e San Quentin: Cando eu era só un meniño miña nai díxome/ fillo, tes que ser sempre un bo rapaz/ e non xogar nunca con armas/pero dispareille a un home en Reno/só por velo morrer.

O camiño tórcese, Johnny, pero cremos en ti. Coma ti criches en Paulo, abrazando a verdade nunha corredoira perdida camiño de Damasco. O Home de Branco. Imos de negro pola inxusta soidade. Pero escoitámoste sempre entre o ruído.

Saúdame, Johnny, cando te busque no fondo do ceo. Mándoche tamén unhas coitelas e tabaco. Tomaremos algo cando saias.

Eternamente teu, LP.

Envío urxente a Folsom
Comentarios