miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

Festival Atlántica: conte pra min, Mabale!

"As historias son algo así, invisíbeis fíos do fume da pipa de Mabale; sérvennos pra unir o pasado co presente. A palabra e a súa musicalidade envolven a quen escoita, coma Rumba, o negro, confuso e namorado. A "rumba", coma as boas historias, é algo enigmática: troca en enigma o que rebela e rebela aquilo que oculta"

O LIBRO É UNHA extensión da imaxinación e da memoria; a roda é unha extensión das pernas; o sacho, dos brazos. Pero en ausencia do libro é a voz quen conta. E introdúcenos co seu ritmo e coa súa peculiaridade no coñecemento dun discurso. A construción da memoria individual e colectiva. A historia da circulación mundial dos contos populares foise tecendo de sucesos máis fortuítos e transitorios cá publicación dun libro: un contador de historias que para nunha feira, as confesións de mulleres nun lavadoiro, o campamento dun exército entre o fume e o alcohol, nunha guerra hoxe esquecida, un escravo vendido nun peirao de Oriente... O mar.

E entre outras felices manifestacións da narración oral, esta semana comezou en Compostela, e noutras cidades e vilas galegas, a sexta edición do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, dirixido por Soledad Felloza e onde se darán cita contadoras galegas, do Brasil, Madeira, Camerún, Tenerife, Valencia, Ribeira, Lalín... Lugo.

É a palabra atlántica. A maré Atlántica. O rumbo das historias. O tráfico marítimo esparexeu a palabra e a música dende África ao Novo Continente e tamén a Europa en viaxes de ida e de volta. A min gústame pensar que contar é perder un pouco o rumbo, 'rumbar' as palabras... Entón Rumba baixa ao río co propósito de contentar a Mabale e achegarlle un cesto cheo de auga. Así poderá casar coa filla do ancián. Mais cada vez que o intenta chega co cesto baleiro, entre as gargalladas do vello. Canso das burlas e de cargar co cesto, Rumba dille a Mabale que faga un fío co fume da súa pipa pra poder transportar a auga... No baixo Indostán —ind’ostán, buscando onde está...— en tempos de Alejandro, eran as confabulatore nocturni quen lle contaban historias e contos á xente. Facíano polas rúas, bazares e tabernas durante a noite, pagados polo emperador.

Unha das grandes odas á literatura oral, As mil noites e unha noite, viría sendo a recollida destas pezas de transmisión oral, gran parte delas lendas persas e hindús, que finalmente cristalizaron neste libro de culto. Fixo fama e fortuna especialmente na versión de Galland —mais eu defendo con modestia a de René R. Khawam—. O argumento é coñecido e atroz: a princesa Sherezade cóntalle unha historia cada noite ao rei Shariyar pra que este esqueza a súa intención de asasinala. O fume sagrado das palabras envolve a quen as escoita.

Coma Rumba no conto africano ou coma o rei Shariyar —velaquí a improbábel orixe galega da narración d‘As mil noites e unha noite — quedamos nós tamén "enshariyados". Ensarillar en galego é envolver o fío de la ou de liño no sarillo pra facer con el o nobelo. O conto máis atroz da fábula arábiga móstranos a Sherezade contándolle ao rei a historia dunha princesa que cada noite lle conta ao rei historias para que este esqueza a súa intención asasina. O interminábel xogo de espellos dunhas historias noutras, coma un sarillo de lá. Máis ca nobelo trátase dun "novelón"!

As historias son algo así, invisíbeis fíos do fume da pipa de Mabale; sérvennos pra unir o pasado co presente. A palabra e a súa musicalidade envolven a quen escoita, coma Rumba, o negro, confuso e namorado. A "rumba", coma as boas historias, é algo enigmática: troca en enigma o que rebela e rebela aquilo que oculta. Rumba era orixinariamente unha "festa dos negros". Entre os brancos acabou significando orxía ou barafunda. Mais tamén escoitamos ao outro lado do Atlántico samba, cumba, macumba, conga... Rumbar as palabras é perder o rumbo. E rumbo xa significaba tamén no Século de Ouro barafunda ou balbordo. Unha das primeiras cousas que me deu por contar hai uns anos foi a do falador, que era un indio dos huorani peruanos —tamén os hai nos machiguengas brasileiros—. Vagaba errabundo pola Amazonía e ía dunha tribo onda outra informando de historias, reais ou inventadas, de nacementos, defuncións, conxuros... Transmitía "a voz do pobo".

Un dos primeiros faladores que coñecín, coñecino na miña casa, polos anos noventa. Tratábase de Federico Martín Nebras, habitual da Mandrágora e dos círculos intelectuais madrileños, e viña impartir uns cursos que organizaba miña nai. Dedicábanos libros estrañísimos a min e máis a meu irmán. Eran libros fermosos con sinaturas e palabras inda máis estrambóticas e rechamantes. Era altísimo, vestía de negro, levaba sombreiro e tiña a barba máis rara que vin na miña vida. Do Darío Xohán Cabana xa non falarei, pero anos máis tarde, comecei a lle mandar historias ao Quico Cadaval. Conducía un programa na Radio Galega, A boca da noite. Por aquel entón, eu vivía en Celeiro e vía os mariñeiros que atracaban no peirao desfilaren en silencio pola vila, antes de embarcar de novo, camiño de ultramar.

O pasado mércores, na gala inaugural do Festival Atlántica, no teatro Principal de Compostela, cadrarei case coma modesto "sochantre" con toda unha importante xeración de narradoras e contadores que están na madurez da súa arte e teñen unha dilatada traxectoria: a propia Soledad Felloza, o Quico, Celso Sanmartín, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Avelino González, Boniface Ofogo, Tâmara Bezerra... Así ata máis de vinte narradores e máis de cincuenta funcións. Contos e historias dunha e doutra beira do Atlántico. En pouco máis de seis días e para todas as franxas de idade. Penso que esta sociedade "globalizada" nosa precisa máis ca nunca encontrar agocho na palabra e nas historias, toda vez que a trama principal da historia non nos convence, debemos tirar pola intrahistoria. Pois eu vexo que "globalizadores" hai catro que van cara arriba. O resto andamos ás toas aquí embaixo, mal que ben "globalizados".

Agora que vexo as luces deste peirao atlántico, sinto que algunha vez, coma Mabele, perdín o rumbo por 'rumbar' de máis. Case o perdeu Dickens. Chegou a ensaiar durante día e noite diante dun espello para despois contar en público as súas propias historias. Encheu teatros e fixo xiras, convertido nun especialista de si mesmo, quen fose Dickens! Eu ben tería deitado de dispoñer dun "rhomboi".

Na antigüidade grecolatina eran obxectos de bronce ou de madeira que se facían xirar atados a unha corda. Despois aparecerían na división da rosa dos ventos e os mariñeiros chámanlles rumbos; nos barcos españois e portugueses rematan significando adega e diranlle rumo. Os ingleses chamaranlle room. E para os franceses rum era indistintamente bebida espirituosa e adega navieira, alí onde os escravos negros perdían o rumbo e rumbaban ao son da rumba bebendo o ron, camiño de ningures ou da morte pola maré Atlántica.

Unha cousa nova debe ser percibida cando a pegada doutra está inda viva na imaxinación. Así aparecerán percibidas ambas as dúas ao mesmo tempo. Do mesmo xeito, a lembranza crea a rede que todas as historias rematan por formaren entre si. Alí vive unha Sherezade ou un Rumba que baixa namorado o camiño do río.

Mabale sorrí no alto da costa, ensarillado. Pero entón é Rumba quen sorrí. Non, ría, Mabale, non. Logo Rumba ergue a cabeza e pousa o cesto coa auga no fío de fume que desprende a pipa do vello. Haberá casamento.

A min dixéronme que foi así. Conte pra min outra vez, Mabale! Veña "rumbar"!

Festival Atlántica: conte pra min, Mabale!
Comentarios