miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Instrucións para ser Boris Vian

Lea o Táboa Redonda con atención, especialmente este artigo, aínda que tampouco é imprescindíbel. Imaxine nacer en Ville d’Avray, preto de París, no ano 1920. Inténteo preferentemente fóra de horario de traballo e en zonas pouco concurridas coma bibliotecas, teatros, cines, librarías ou a zona de nacementos de calquera hospital galego.

Boris Vian
Boris Vian

LENTE AGORA escoitar a súa nai tocar a arpa e o piano e ver a seu pai facer traducións de inglés e alemán. Se vostede non sabe inglés nin alemán, non se preocupe, nós tampouco e xa ve, estamos a escribir un artigo de como ser Boris Vian.

Imaxine agora que padece con doce anos unha febre reumática e outra tifoidea, como Boris Vian. Se vostede non sabe cal é a diferenza, non se preocupe, pois saberá alomenos o que é a febre. Proceda igualmente a imaxinala, sen chegar ao estremo de imaxinala demasiado ben; podería ocasionarlle a morte. Xa entrados en gastos, póñase máis maxinativo aínda —por usar o termo de Cunqueiro—. Imaxine que seus pais lle inculcan o absoluto desprezo polo diñeiro, a igrexa, o exército, a política e o traballo.

Imaxine que é un estudante brillante, cunha carreira de enxenaría xa rematada. Namore perdidamente de Michelle Léglise-Vian e teña un par de fillos; poñamos que lles chama Patrick e Carol —pode chamarlles tamén José Manuel ou Mucha, pero o exercicio perderá realismo—.

Comece agora a se interesar polas festas e polo jazz e véxase camiñando polas rúas do barrio de Saint Germain des Prés, no París dos anos 40. Se non visualiza o París dos anos 40, visualize namais a súa idea de París: a torre Eiffel, algún Renault, rúas de adoquín, Louis de Funès... Tamén vale.

Véxase organizando festas tarta e as surprise party —celebracións desmedidas sen ningún tipo de control— entre a bohemia existencialista; se non sabe que é o existencialismo fíeo todo ao meu razoamento: existencialistas somos todos. Ata ir onda San Pedro.

Fágase agora discípulo de Sartre e intime con Simone de Beauvoir, Marcel Duchamp, Miró ou Raymond Queaneu. Imaxine que Sartre se deita coa súa muller, Michelle. Imaxine que Sartre tenta explicarlle o que pasou -explícábase moi ben-, pero aínda así non crea todas as súas explicacións. Actúe de exquisito performer no Tabou, a cova noctámbula por excelencia da época. Coñeza agora a Jaques Canetti e déixase levar por el a interpretar as súas propias cancións.

Imaxine que escribe unha novela e que a titula 'La espuma de los días'; invente alí o pianocktail, un piano que serve bebidas segundo as notas que se toquen. 


Compoña case cincocentas, fágase trompetista de jazz, cantante e xornalista. Escriba críticas de jazz en Combat, o xornal de Camus —isto é doado porque case ninguén sabe de jazz malia que moita xente escribe del—. Probe a traballar para a discográfica Philips; organícelle concertos en París a Duke Ellington, a Miles Davis e Charlie Parker. Imaxine que escribe unha novela e que a titula La espuma de los días (Alianza); invente alí o pianocktail, un piano que serve bebidas segundo as notas que se toquen. 

Véxase acosado pola censura e a dereita ao escribir unha canción titulada Le deserteur —hoxe considerada un himno pacifista— que diga así: "Señor Presidente/ escribinlle unha carta/ que cecais poida ler se ten tempo/ veño de recibir os meus papeis militares/ para partir á guerra/ antes do mércores á tarde/ Señor Presidente/ non quero facela/ non estou sobre a terra/ para matar a pobre xente...".

Imaxine agora que escribe con esta filosofía: cando escriba de broma, parecerá sincero; cando o faga en serio, parecerá que está de broma. Por exemplo, cultive o interese por escribir guións cinematográficos e escriba unha obra de teatro titulada O descuartizamento para todos. Imaxine que agora é xulgado inimigo público da esquerda e da dereita; nesa obra teatral vostede imaxinará o desembarco de Normandía, onde os soldados americanos e alemáns apostan os seus uniformes xogando ás cartas. E que logo cambian de bando e marchan para frontes opostas.

Imaxine agora que escribe a súa novela máis celebrada e que a titula Cuspirei sobre as vosas tumbas (Kalandraka) baixo un pseudónimo, Vernon Sullivan. Teña en conta que se armará outro bo escándalo; imaxine entón que di que a traduciu do inglés e que lle piden a tradución. Imaxine que escribe a tradución. A esta altura do artigo, vostede xa case é Boris Vian; non lle ten medo a nada. Imaxine entón que usará máis de trinta pseudónimos distintos para asinar novelas, artigos de prensa, un ensaio titulado Tratado de civismo... Fantasíe que casa por segunda vez no ano 52 con Ursula Vian Kübler e que no 53 o Colexio de Patafísica o nomea Sátrapa Trascendente.

Xa case o acadou, [email protected] [email protected] do Táboa Redonda: xa case é vostede Boris Vian. Pero falta un pequeno detalle aínda. Cultive a poesía sen tregua. Escriba un poema titulado Je voudaris pas crever (traducido ao castelán en canción por Andy Chango e Javier Krahe co nome de No quisiera morir): "No quisiera morir/ antes de conocer los monos del Brasil/ que duermen sin soñar/ Los zorros de Moscú devorando el jardín/ Las arañas de plata, de seda y de rubí/ No quisiera morir sin saber si la luna redonda disimula el filo de una hoz/ Si en las cuatro estaciones caben tres primaveras/ Si hace frío en el sol/ Sin haber paseado vestido de mujer por un gran boulevard/ Sin haber penetrado en las turbias miradas/ Sin entrar en tu casa por la puerta de atrás...".

Parabéns, xa é vostede Boris Vian. Pero non, esqueciamos unha última cousa: imaxine que tentan adaptar ao cine a súa novela Cuspirei sobre as vosas tumbas. Imaxine que non lle deixan participar na adaptación. Imaxine que acode de mala gana ao cine a ver a estrea da súa obra. Imaxine que non lle gusta. Imaxine que o seu maltreito corazón non atura máis. Imaxine que morre sentado na butaca do cine con 39 anos. Non se preocupe se non o imaxina ben; algún día todos seremos mestres neste arte.

Agora si, vostede é Boris Vian. Saia agora á rúa vestido de muller. Non estivo nada mal para esta fermosa mañá de domingo.

Instrucións para ser Boris Vian
Comentarios