jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

Menos ca un can

Charles Mingus foi un dos mellores compositores de jazz da historia. O seu xenio era só comparábel ao seu carácter. Tocou cos inventores do invento, deixou discos para a memoria e arrastrou unha nenez dura que deu nunha vida caótica e irrepetíbel.

CANDO OS ollos da deusa, que parecían cambiar de tamaño, se encontraron cos seus, ambos os dous estaban nos extremos opostos dun poderoso raio magnético que tiña o seu centro na base do cerebro, baixaba polas súas columnas vertebrais ata saírlle polo cu dela e electrificarlle a el a pixa e as pelotas. Si, estou cego!», dixo Charles.


O tal Charles non é Bukowski, é Charles Mingus. E a pasaxe pode lerse nas memorias escritas por el mesmo. Titulounas Menos ca un can. Non lle faltaba razón ao título que escollera: nelas narra con precisión as malleiras sistemáticas inflixidas por seu pai dende moi pequeno —coa complicidade de madrasta—, o ambiente de violencia que rodeou a súa infancia, o encontro abrupto co sexo e a relación turbulenta coas mulleres, a comida como antídoto ou a conciencia de discriminación racial que sempre o marcou.


Mingus nacera nunha base aérea de Arizona (1922) e viviu a súa infancia en Watts, un distrito de Los Ángeles. Súa nai morreu cando el tiña vinte meses. Os conflitos entre seu pai e a muller que o coidaba, unidas á ausencia de súa nai, deixaron fondas cicatrices –non só emocionais- no Mingus neno. Un tempo despois, antes de que seu pai marchase da casa apuntouno cunha pistola e anos máis tarde, nunha das frecuentes discusións coa súa madrasta, esta ameazouno cun coitelo. Son outras dúas das moitísimas pasaxes duha obra autobiográfica que oscila entre o free jazz de Ornette Coleman –a quen menospreza abertamente-, a pornografía, a literatura pulp, o polo frito, os callos fumegantes ou a escrita automática. Tamén nos informa de que Thelonious Monk chamouno ‘fillo de puta’ sete veces polo micrófono ao dono dun club de Detroit. O piano non era de boa calidade.


Malia toda a desorde, Charles Mingus foi un dos compositores e músicos de jazz máis destacados da historia. Morreu con só 57 anos logo dunha vida fiel reflexo do seu carácter: indómito, excesivo, colérico, xenial, depresivo, impredecíbel… Resultaba ameazante para os xornalistas pero tamén, en ocasións, para os propios músicos ou o público que non gardase as formas.

Mingus foi un dos primeiros músicos do que se deu en chamar anos despois a Terceira Corrente, xuntando a música clásica e o jazz dende moi novo, aínda adolescente


Logo de comezar co trombón, tomou leccións de violonchelo e destacou dende o comezo. Estudou a Schoenberg, Stravinsky e Bartok, en plenos anos 30 cando o primeiro, por exemplo, aínda era un descoñecido para a maior parte do gran público. «Con doce anos xa me gustaba Duke cando o escoitaba na radio, era escoitalo a el e tocábame no peito, tiña dereito a que me gustase Duke, todo o mundo ten dereito a escoitar alguén que lle guste».


Mingus foi un dos primeiros músicos do que se deu en chamar anos despois a Terceira Corrente, xuntando a música clásica e o jazz dende moi novo, aínda adolescente. Dese xeito formouse en Watts, estudando a música máis vangardista de Europa. Curtiuse nas jam sessions de Central Avenue. Ao tempo, alternaba os traballos máis inverosímiles: facía de limpabotas a pé polo centro de Los Ángeles ou en patíns polos 80 Quilómetros de Santa Mónica. Foi Buddy Collette, compañeiro de estudios e músico de referencia para Mingus, quen lle aconsellou que se fixese cun contrabaixo. O sistema para aprender era sinxelo: poñía a radio e intentaba reproducir as melodías. Cando Mingus lle preguntou ao seu amigo Callender —un reputado contrabaixista— se era seguro quitarlle a funda ao contrabaixo cando tocase na rúa, este foi claro: «Non, non lla quites. Tócao coa funda posta. Despois xa che vai ser moito máis doado sen ela». 


As súas composicións tiñan moitas influenzas: rythm and blues, a igrexa, o jazz, a música europea clásica do século XX, Jelly Roll Morton… Pero sobre todo, Duke Ellington, unha das poucas persoas a quen venerou en vida. Un dos músicos deste, Juan Tizol, convidouno unha noite a tocar con el canda Duke unha noite. A cousa non acabou ben: Mingus ofreceulle unhas hostias en pleno palco a Tizol e Ellington decidiu expulsalo no momento.


«Os brancos teñen as súas propias tradicións, que nos deixen a nós coas nosas. Tivestes os vosos Shakespeare, Marx, Freud, Einstein, Xesucristo e Guy Lombardo, pero nós creamos o jazz, non o esquezades, e toda a música pop do mundo actual ten aí a súa orixe primaria. Os británicos escoitan os nosos discos e cópianos, por que non descobren algo pola súa conta? Os brancos collen a nosa música e sácanlle máis diñeiro do que nós lle sacamos nunca ou do que lle sacamos agora!».

O entrevistador pregúntalle a Mingus qué lle di ao seu instrumento cando o toca. Mingus responde: «Malnacido, que te fodan... Outras noites dígolle que faremos o amor...


No 40 vai traballar con Lee Young —irmán de Lester Young— e dous anos despois —só tiña vinte— con Louis Armstrong. Máis tarde, no 47, ingresa na prestixiosa banda de Lionel Hampton. O entrevistador pregúntalle a Mingus qué lle di ao seu instrumento cando o toca. Mingus responde: «Malnacido, que te fodan... Outras noites dígolle que faremos o amor... Non podo tocar algo bonito para todo o mundo se non o sinto así. Pero si que podo tocar algo que sinto odioso e transmitir todo o meu odio, talvez por iso teño úlcera e bebo leite!». Xa en New York, nos 50, a súa carreira dispárase. Vai fundar no 52 a súa primeira discográfica, Debut!, xunto coa primeira muller, Celia, e co baterista Max Roach para poder gravar o que el queira. No 53 únese para un concerto a Dizzy Gillespie, Charlie Parker, Bud Powell e Roach no que será a última gravación de Gillespie e Parker tocando xuntos: o canto do cisne do bebop.


Tocaba todas as partes ao piano e ao baixo frase por frase para a súa propia banda. Fundará Charles Mingus Enterprises, nel publicará Mingus at Monterey, un dos álbums que o catapulta ao éxito e lle trae o recoñecemento de público e crítica. Con Thelonious Monk, a finais dos 50, podía tocar durante meses seguidos en lugares como o Five Spot e facelo todas as noites. Iso vai chegar á súa fin nos 60 co auxe do rock. O concerto en falso do Town Hall foi o desastre da súa carreira, pero contiña unha obra mestra titulada Epitaph, escrita por Mingus no 62. As cousas van mal, rómpelle os dentes a un colaborador de arranxos. Desilusionado, na compaña da súa segunda muller, Sue Mingus, retírase no 67. Un día en Central Park, na presenza dos fillos, espiuse e comezou a tirar billetes de cen dólares ao vento. Estivo ingresado a tratamento psiquiátrico dous meses. Volveuse louco e nunca máis compuxo, traballou como fotógrafo e desa época é o documental onde arma un rifle e dispara ao teito do seu estudo. Desaloxárono da súa casa e detívoo a policía: «Coido que isto é o mellor que me puido pasar, penso que é bo para min. Ademais así a xente pode ver como vive un músico de jazz…»


Unha homenaxe a Duke Ellington é o que o saca do furado onde estaba. O propio Duke preséntao, antes de tocar The clown con todo tipo de honores a noite do concerto como «un dos mellores compositores do xénero». Dende aquela, volve a tocar e despega de novo ate a enfermidade nos últimos 70. Morre en México, tentando esgotar os praceres da vida.  «A vida dá moitas voltas. Deus é un tipo divertido, é como Charlie Parker, pode mandarche un raio e facer que saia o sol pola noite». Esparexeron as súas cinzas polo Ganxes, na India.

Menos ca un can
Comentarios