lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Ulises e a balea branca

Bob Dylan cruzou EE UU nun tren de mercadorías. Non sabemos se é certo, pero os mitos poden permitirse mentir. Lois Pérez escribe sobre el co gallo da súa actuación en Galicia o vindeiro dia 29 de abril

Bob Dylan. EP
Bob Dylan. EP

Bob Dylan é o gran cantautor do rock and roll e Premio Nobel de Literatura. Discutido e idealizado a un tempo, leva 31 anos de xira ininterrumpida co seu Never Ending Tour, nun exercicio radical de rebeldía, liberdade e amor á literatura e ás cancións.

Once upon a time (Viaxe pola Autopista 61). Hai catro songwriters no século XX pero sobre todo hai tres, que realmente son dous: Bob e Dylan. Malia que naceu en Duluth (Minnesota, 1941), Robert Allen Zimmerman medrou en Hibbing, unha pequena vila mineira preto de alí. O lugar albergou durante moito tempo a maior mina do mundo a ceo aberto. Talvez por iso Dylan nunca parou de picar. Precisamos das cancións, pois boa parte do que lle acontece á nosa vida non ten nome; moitas veces fáltannos as palabras para poñerllo. Temos tristezas que saben a murmurio axordecedor. Sentimos ledicias inmensas e fugaces. Pero maiormente estamos xordos e mudos. Non abonda. As boas cancións fálannos do pasado, pero cantámolas no presente. E agardan a que alguén as cante no futuro. Así que no centro do século XX e no medio da sociedade industrializada, o verso escrito propio da tradición oral emancípase cara ás augas menos tranquilas do folk e os mares turbulentos do rock and roll.


Neste contexto é no que Dylan tenta abandonar a casa familiar até en sete ocasións, dos 11 aos 17 anos... O remeiro Bob sobe á súa barca no Mar da Aventura, de costas ao futuro, pero con rumbo firme a el. Rema sen saber o que lle agarda. Pero a medida que avanza e se afasta de terra firme, vai cobrando forma todo o que deixa atrás: unha pulsión de liberdade e de viaxe inscrita na tradición da canción popular e influenciada por intérpretes negros do folk e do rythm and blues —como Leadbelly, Big Joe Williams ou Jimmy Rodgers— e figuras do country western branco —como Hank Williams—. Quedará fortemente impresionado por Buddy Holly, a quen ve actuar escasos días antes de que o cantante morrese nun accidente de avión. E os Tres Xinetes da Apocalipse: Bo Diddley, Little Richard. Chuck Berry. A finais de 1960, Dylan chega a New York para visitar o seu idolatrado Woody Guthrie, o xenio comunista do folk e testemuña das miserias da Gran Depresión, xa gravemente enfermo. Dende o leito de morte, este dálle un derradeiro consello: "A canción popular é a historia dun plaxio, plaxia todo o que podas; se es bo, farás unha xoia. Se es malo, farás unha merda de plaxio".


Dylan preséntase no café Wha? e no Gaslight buscando traballo como cantante. Cando ingresa nas oficinas de Columbia para negociar a gravación do seu primeiro elepé, afirma que atravesou o país nun vagón de mercadorías, cultivando o arquetipo do vagabundo buscavidas. Por este tempo conformará un imaxinario abondoso e variado: Kipling, Bernard Shaw, Thomas Mann, Melville, Pearl S. Buck, Hemingway, as novelas de Steinbeck; transita de Gogol a Balzac, de Kafka a Dickens, Sófocles e Faulkner... Shakespeare. Homero... A Biblia. A súa parella daquel entón, Suze Rotolo, iníciao no teatro de Bertolt Brecht. Na poesía indaga en Byron, Shelley, Longfellow, William Blake e Poe, pero tamén Kerouac ou Ferlinghetti. Sen pretendelo, está a pintar o seu autorretrato: o dun home cunha curiosidade sen límite, a inquedanza perpetua por aprender, adornada por un talento natural para a escrita e unha mirada lúcida e libre. Co paso do tempo a súa produción cobrará unha maior ambigüidade críptica; este trazo será o que defina boa parte do seu traballo posterior de madurez. Pero moito antes e aínda nos anos 60, actúa canda John Lee Hooker, namora perdidamente de Joan Baez —en todos os aspectos— e no 63 coñece o poeta beatnik Allen Ginsberg, o autor de Ouveo. A amizade será fértil. Neste tempo sucédense as cancións que farán de Bob Dylan un claro referente político, sen el pretendelo. Así e todo, cantará para centos de miles de persoas en Washington onda Joan Baez. Ambos os dous acompañan a Marthin Luther King na Gran Marcha polos Dereitos Civís. Bos exemplos desta época son as cancións ,Talkin John Birch Paranoid Blues’ —sobre unha camareira negra asasinada— pero tamén With God on our side, Blowin’ in the wind, Masters of war ou a monumental A hard rain’s gonna fall.

Espétalle aos Stones que "eu podería escribir 'Satisfaction' pero vós nunca poderedes escribir ' Tambourine Man'".

Knockin’ on Heaven’s Door (Extravío no blues de Memphis). Logo dos exitosos catro primeiros discos, tres álbums lánzano definitivamente; co disco Bringing It All Back Home electrifica o seu son, afastándose do folk e converténdose en precursor do hip hop —Lennon confesa publicamente estar obsesionado co Subterranean Homesick Blues—. Namentres, Dylan alterna con Johnny Cash e Kris Kristofferson, introduce os Beatles na marihuana e espétalle aos Stones que "eu podería escribir Satisfaction pero vós nunca poderedes escribir Tambourine Man". O lume está aceso e nada poderá apagalo, coma un 'subterráneo blues nostálxico'. Un 'fogar sen dirección'. De tanto cantar o vello estándar Key to the highway, o bardo fuxidío escribiu o disco Highway 61 Revisited: "O vagabundo errante estaba moi aburrido/(...)/ encontrou un promotor que case levitou do chan/ e que lle dixo: Nunca antes se me contratou nalgo semellante/pero si, penso que pode facerse facilmente".


Acentúa a electrificación da súa música e o disco inaugúrase cun dos himnos-río da súa obra e de varias xeracións, Like a Rolling Stone, para moita xente a mellor canción de todos os tempos. Recibe as críticas dos puristas, pero segue adiante e co Blonde on Blonde inaugura o disco dobre. Durante dez anos esténdese a lenda sobre o xeito en que compuxo unha das mellores cancións deste disco —a preferida de Tom Waits—, Sad eye lady on the Lowlands. Dylan quería incluír todas as cancións daquela época no disco, pero dixéronlle que non collerían nun disco normal. El pediu que fose dobre pero tampouco daba para iso. Así que compuxo a balada de doce minutos e circulou o rumor de que o fixera coa barra de carmín dunha amiga en pouco máis de dous. Dez anos despois, desminte esta teoría e explica que estivo varios días pechado nunha habitación do Hotel Chelsea para escribir a peza.


O seu periplo na senda do rock coincide co rexeitamento do papel que boa parte da sociedade lle outorga como líder político, o que lle ocasionará conflitos e inimizades, malia se converter nun fenómeno mundial. Mais canda a rebeldía e a teima en ser libre, tamén cómpre salientar o seu afiado instinto de conservación; neses anos morrerán, ben polas drogas ou asasinados, Jimmy Hendrix, Jim Morrison, Janis Joplin, Malcolm X, Kennedy ou Marthin Luther King. 


Sofre un accidente de moto no ano 66 e esta circunstancia constitúe a ocasión perfecta para tomar distancia da opinión pública e desaparecer das xiras durante oito anos. Gravará novos discos durante os anos 60, establecendo unha estreita colaboración con Levon Helm e The Band, publicando unha obra mestra que é Blood on the tracks, a partir da separación coa súa primeira muller, Sara, con quen tivo catro fillos. Completa unha xira antolóxica, a Rolling Thunder Revue, rexistrada maxistralmente por Sam Shepard (Anagrama). Enreda co xudaísmo, tamén co cristianismo ás portas dos 80, durante os cales sofre algún tropezo no plano musical. Aínda así, formará un grupo memorábel de súperestrelas, os Traveling Wilburys, xunto a Tom Petty, Roy Orbison, George Harrison e Jeff Line. E non deixa de asinar cancións excepcionais, rexurdindo da man do produtor canadiano Daniel Lanois cun disco soberbio, Oh mercy. E dende o ano 88 e até a actualidade, comeza a xira Never Ending Tour, sen deixar de gravar máis e máis discos, incluídas as gravacións desbotadas, as Bootleg Series. Porque Dylan escolleu este camiño? Que é o que o leva a seguir de xeito compulsivo a tocar e actuar sen tregua percorrendo o mundo, camiño dos oitenta anos?

Things have changed (Regreso a ningures nos Tempos Modernos). É doado coñecer o seu pensamento, que escribiu con claridade nas súas memorias, Crónicas Volume I. Alí deixa claro os seus medos, os seus erros, a súa imperfección e confesa que non atravesou o país en tren. Fíxoo en coche, nun Inpala do 57. É probábel que o éxito de Dylan estea nun radical exercicio de rebeldía e liberdade. Nun mundo onde se consume a vida en se impor aos demais e reafirmarse nas propias razóns, Bob Dylan fíxose irrepetíbel sendo moitos Dylan distintos. Negando o seu propio éxito e loitando contra o seu propio mito. Maltratouno e derrubouno unha e outra vez, actuando de xeito imprevisíbel, sendo contrario ás expectativas. Keith Richards afirmou que "estaría encantado de lavarlle a louza a Dylan todos os días pero é imposíbel collelo na casa, está enganchado á liña branca. Non á da droga, senón á da estrada". Talvez aquí resida a súa popularidade: malia todo, é rabiosamente parecido a calquera outra persoa e non se esforza moito por disimulalo. Vai ao seu, que actualmente é seguir tocando, vestido coma o propietario dun casino flotante no delta do Mississippi. E coma nós, enfrontar antes ou despois o crepúsculo e a tremesía, camiñando polo borde e sen caer; dunha banda o abismo e doutra os seres queridos, os libros, as cancións... A vida.


Tres libros marcan especialmente a Dylan; Moby Dick, de Melville. Nel, alguén lle pregunta a Ismael —un dos protagonistas que finalmente sobrevivirá ao naufraxio agarrado a un ataúde— de onde vén. Ismael responde que "non está en ningún mapa, os lugares verdadeiros nunca o están". Ismael, coma Dylan, mantén a súa distancia da xente, que é a distancia das cancións. Di tamén que os barcos son para el Harvard e Yale. Stubb, outro dos protagonistas do libro, non lle dá importancia a nada, di que todo está predestinado... Tamén Sen novidade na fronte, de Erich Maria Remarque, un dos grandes perseguidos do nazismo, que narra a loucura, os horrores e os esforzos en van das persoas durante a Primeira Guerra Mundial, fronte á indiferenza da natureza, coas súas bolboretas vermellas e a beleza fráxil das flores... Pero sobre todo a Odisea de Homero. Ulises anoxa a xente que non debera, sofre traizóns; é viaxeiro, pero fai demasiadas paradas; escapa dos xigantes, é enfeitizado por voces máxicas, tenta volver á casa, pero ventos hostís sempre o afastan; os deuses queren castigalo, cambia de identidade, pasa o tempo, as drogas caen no seu viño, percorre un camiño demasiado duro, pero xa é tarde para volver atrás e moita a confusión; chegou demasiado lonxe. Non o salvará o seu valor, pero si o seu truco. Talvez coma o propio Dylan, tentando sempre volver. A un fogar sen dirección. Dixo Leonard Cohen que discutir a altura de Dylan era coma discutir se o Everest era a montaña máis alta do mundo. O propio Cohen recoñeceu que vivía nunha pequena illa grega coma un anacoreta, dedicado á novela e á poesía. Ata que un día escoitou a Dylan pola radio dos marines e entón decidiu que el tamén podía probar sorte. Parece que as boas cancións, ao igual cá poesía, engádenlle máis realidade á realidade. Polas de Dylan soubemos que podes camiñar vestido de negro pola area e comprender que o único lugar que non pecha nunca é o mar. Que ninguén é completamente libre. 

Porque mesmo os paxaros están encadeados ao azul do ceo.

Highway 61 revisited
O sexto álbum de estudio de Bob Dylan é un pasaporte á poesía e á electrificación da súa música. Abre con Like a rolling stone, unha epopea eléctrica considerada a mellor canción de rock de todos os tempos, onde o órgano de Al Kooper é unha incitación a poñerse en movemento e nos mergulla no interior dun xenio, que pecha con Desolation row. Dúas cancións-río dun álbum que cambiará para sempre a música popular contemporánea.

Ulises e a balea branca
Comentarios