viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Cousas do demo

OS DATOS CANTAN: producíronse nos territorios do Estado Español, nas 17 comunidades autónomas e as dúas cidades autónomas, en dez meses de 2020, máis defuncións que nos 12 meses de 2019, aínda que, a pesar das circunstancias extremas e estrañas, non alcanzaron o número das defuncións de 2018. O Instituto Nacional de Estatística non mente, pero os datos proporcionados por distintos organismos oficiais poden ser confusos. Menos mal que está aí o vicepresidente, Pablo Iglesias, axudado pola ministra de Facenda e portavoz do mesmo Goberno, a señora Montero, para darlle fiabilidade ao traballo dos técnicos da Administración.

Dende 2015 morreron anualmente máis de catrocentas mil persoas e, neste 2020, a principios do pasado mes de novembro, as persoas mortas, ao parecer, son máis de catrocentas vinte e tres mil. Son moitas, moitísimas, pero, se están ben contadas, son unhas catro mil menos das que se foron no ano 2018. Morrer non é prato de gusto. Menos mal que, como dicía Molière, "morremos só unha vez e por moito tempo".

Estamos de paso, compañeiros. Somos o máis importante e non somos nada, nada de nada. Somos un número cada unha das persoas. Un número para os cadros estatísticos do ministerio do ramo, para os cuarteis militares, para as entradas nos concertos do serán, para os porteiros dos tanatorios e os operarios das funerarias, para a banca electrónica e para as listaxes do paro.

Un número, simplemente, para os vendedores por internet, para os aproveitados distribuidores de medicamentos e de vacinas, de series televisivas, de máquinas e de tecnoloxía. Un número sen características específicas, sen personalidade propia e sen formas de ser. Cada un somos un número e nada máis. Vaiche boa! A sociedade acabará nun conxunto de números guerreando uns contra os outros, por ser pares, impares, fraccionarios, enteiros ou primos. Loitando para contar e incorporarse ás listaxes, en tempo e forma. E, pensando que os mortos son todos diferentes, aínda que deberían ser igualmente importantes.

A importancia de quen morre, quen a determina? Quen acorda o loito oficial e os seus días de duración? Quen honra a aquel deshonesto e detestable personaxe nefasto? e quen silencia o pasamento do leal e comprometido labrego daquela terra montesía, do obreiro que caeu na fosa ou do científico que se foi caladiño antes de tempo? A Tía Manuela pensa que "son cousas do demo".

Cousas do demo
Comentarios